Mostrando entradas con la etiqueta Lectura 1º Bach.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lectura 1º Bach.. Mostrar todas las entradas

7 ago 2019

As mozas son de ciencias, por Lucía Rodríguez Rivas

Resumo, escolma e comentario do libro Las chicas son de ciencias - 25 Científicas que cambiaron el mundo, de Irene Cívico e Sergio Parra con ilustracións de Nuria Aparicio, por Lucía Rodríguez Rivas (1º Bach. CC-Tec, 2018-19).

Este libro fálanos de mulleres científicas que descubriron e fixeron moitas cousas, aínda que non son tan coñecidas como os homes, e conta con fermosas ilustracións.
Hai mulleres de varias épocas, aínda que os falarei das dos séculos XVIII e XIX.
Entre as científicas máis destacadas destes séculos podemos atopar a Caroline Lucretia Herschel, que é a única do século XVIII e era astrónoma. Do XIX podemos atopar a Henrietta Leavitt (astrónoma), Mileva Maric (física), Margaret Sanger (enfermeira), Emmy Noether (matemática), Beulah Louise Henry (superinventora) e Inge Lehmann (sismóloga).
Agora pasarei a falar un pouco dos logros de catro delas.


A miña escolma
Caroline Lucretia Herschel: Primeira astrónoma en descubrir un cometa. Ela observaba o ceo co seu irmán, pero máis tarde, cando el casou, comezou a observalo pola súa conta. Ela foi a primeira muller en atopar un cometa. Atopouno o 1 de Agosto de 1789 e foi descrito como "o primer cometa feminino".

Mileva Maric: Gran física á sombra de Einstein. Grazas a cartas que se escribía con Einstein sabemos que el consultaba todos os seus asuntos científicos con ela, e entre os dous desenvolveron varias teorías. Pero todo o mérito ía para Einstein aínda que traballaban á par.

Emmy Noether: Foi a matemática máis importante da historia. Ela traballaba como profesora e os seus alumnos a admiraban. Tamén resolveu ecuacións matemáticas que hoxe en día son básicas na física.


Inge Lehmann: Era unha sismóloga. Grazas a ela sabemos que o centro da Terra é un núcleo sólido. Descubriu o que hai realmente no centro da Terra.

Valoración
Finalmente pasarei a dar a miña opinión.

Eu considero que é un libro moi interesante e que é unha maneira de dar a coñecer ás chicas científicas. Considero que é importante dar a coñecer a estas mulleres, xa que non son coñecidas e dámoslles todos os méritos aos homes, pero en realidade no é así. Creo que esta inxustiza é debida ao machismo que existía hai tempo, que era maior có da actualidade, e por desgracia, ao non darse a coñecer na súa época, agora non as coñecemos. Temos que investigar máis para atopar a información destas mulleres.

Referencias e materiais
O libro Las chicas son de ciencias - 25 Científicas que cambiaron el mundo está na biblioteca do Floriani, con nº de rexistro 4432 e sinatura 82-C:141.72/CÍV/chi.
Sabes que significa a sinatura 82-C:141.72 na nosa biblioteca? - Cómic feminista! Se queres botarlle unha ollada á nosa sección de feminismo en banda deseñada, pica nesta ligazón.

O sitio web mujeresconciencia.com é moi interesante. Picando na figura da dereita accédese a unha páxina de ligazóns onde se poden atopar as biografías das 25 mulleres das que trata o libro, e moitas cousas máis.

A compañía Luana Games ten unha páxina con materiais descargables, coma un xogo de simulación de granxa e unha baralla de cartas sobre mulleres na ciencia. Picando nesta ligazón podes acceder á páxina do vídeo xogo, e picando na imaxe da esquerda podes descargar o PDF coa versión imprimible da baralla de cartas.

Imaxes: mujeresconciencia.com (Editorial), luanagames.com (Mulleres en ciencia).


6 ago 2019

As 10 medidas de Marx, por Ángel Monroy

Resumo e valoración persoal de Ángel Monroy, 1º Bach. H-CCSS, 2018-19.

O Manifesto do Partido Comunista, escrito por Karl Marx e Friedrich Engels, é un ensaio político que os dous autores realizaron a petición da Liga dos Comunistas. Nesta obra sinálanse os problemas que o sistema capitalista ten ao non ser capaz de tratar ao proletariado, a clase baixa e traballadora, dun xeito digno, mentres que favorece a unha minoría, os burgueses ou empresarios. Con todo esta obra tamén expón a súa solución ao problema, unha sociedade sen clases. Sen profundar moito máis neste tema, o que Marx e Engels propoñen é realizar unha revolución do proletariado, na que unha vez gañado o poder se inície unha sociedade na que as clases queden abolidas.
Agora, aínda que moitas das ideas que Marx e Engels propoñen son orixinais, tamén é verdade que toman algunhas prestadas da época da ilustración. Estas ideas están espalladas por todo o texto, pero podemos atopar unha síntese ao final da 2ª sección (Proletarios e comunistas), onde os autores expoñen 10 medidas que, en maior ou menor medida, poden ser aplicadas en calquera país. Estas mediadas están pensadas para realizarse unha vez o proletariado alcance o poder e como medio de transición desde a fase que Marx chama Ditadura do proletariado, durante a cal este, unha vez alcance o poder, actúa de xeito despótico, á antes mencionada Sociedade sen Clases.

A proposta de Marx e Engels
As medidas son as seguintes:

1. Expropiación da propiedade da terra e emprego da renda que produza en gastos do estado.
2. Imposto fortemente progresivo.

3. Abolición do dereito a herdanza.
4. Confiscación da propiedade de todos os emigrantes e rebeldes.
5. Centralización do creto poñéndoo en mans do estado, mediante un banco nacional con capital do estado e monopolio exclusivo.
6. Centralización dos transportes en mans do estado.
7. Multiplicación das fábricas nacionais, dos instrumentos de produción, roturación e mellora das propiedades agrarias conforme a un plan comunitario.
8. Igual obrigación de traballo para todos, organización de exércitos industriais, especialmente para a agricultura.
9. Unión da explotación agraria e a industrial, medidas para superar paulatinamente a diferenza entre campo e cidade.
10. Educación pública e gratuíta de todos os nenos. Eliminación do traballo infantil nas fábricas na súa forma actual. Unión da educación coa produción material, etc.
Como se pode ver, Marx comparte moitos ideais dos Ilustrados, como a educación pública e gratuita, un imposto progresivo, etc. Isto tamén combinado con varias das súas ideas como a abolición do dereito a herdanza entre outras.
No que respecta á súa época, aínda que case ningunha destas ideas ilustradas estaban presentes en práctica, si que se atopaban en boca de moitos. Os obreiros xa mencionaran, xunto a mellora das súas condicións, reivindicacións como a educación pública, impostos progresivos entre moitas outras. E ata algúns burgueses, como Robert Owen (na imaxe á dereita) apoiaban e loitaban polos dereitos dos seus traballadores. En conclusión, aínda que Marx non inventou estes conceptos si xuntounos e deu a perspectiva que o comunismo tiña destas ideas.


Comentario persoal
Pero agora pasando á crítica, aínda que é verdade que as ideas que Marx expón soan ben, só hai que darlles un pequeno repaso para atopar cousas que poden tirar a un cara atrás. De primeiras aínda que na décima medida podemos atopar a prohibición do traballo infantil tamén podemos ver que pon que só na súa forma actual, o que leva a pensar que esta abolición do traballo infantil sería só parcial.
Tamén, na mesma medida, atopamos Unión da educación coa produción material, o que leva reforza a idea de que esta prohibición do traballo infantil non sería total.
A terceira medida ( Abolición do dereito a herdanza) tamén ten os seus peros xa que non só impide aos fillos dos ricos que herden unha fortuna si non que tamén limita a aqueles con menos a que non poidan herdar.

En definitiva, aínda que moitas das ideas que Marx expón no seu Manifesto soan ben, creo que hai medidas mellores que socialistas e burgueses utópicos (como Robert Owen) apoian, non só coa súa clase, senón que xunto ao proletariado.

Imaxes: Amazon (portada do libro), Wikimedia (Robert Owen)


5 ago 2019

Lou von Salome e Nietzsche, por Iñaki Míguez

Este post está feito a partir dun traballo de Iñaki Míguez (1º Bach. CT, 2018-19) baseado no libro As mulleres na Filosofía, de Inés Fernandez Buján. Iñaki distingue tres aspectos:
a construción do feminino na filosofía de Nietzsche,
a importancia da figura de Lou von Salome e
por que esta autora non tivo o recoñecemento que lle corresponde.

O feminino na filosofía de Nietzsche
A obra de Nietzsche está chea de observacións e comentarios misóxinos. A muller é o xénero débil, decadente e reactivo, que necesita a acción do varón para actuar en resposta a ela. Gústalle ser sometida e utiliza a súa astucia para enganar ao home. En troques, o varón é o xénero poderoso que ten que someter a muller e protexela.
Poderíamos dicir, xogando a facer psicanálise barata, que esta visión está influenciada pola experiencia persoal do autor, que viviu unha infancia na que se mesturaba a ausencia de figuras masculinas (seu pai, pastor protestante, morrera sendo el moi novo e na súa familia había soamente mulleres) cun ambiente moi relixioso e moi represivo. Nietzsche mesturaría todos estes feitos e culparía indiscriminadamente ás mulleres e ao cristianismo de todas as falsidades.
Pero hai máis: do mesmo xeito que en toda a súa obra critica a visión do mundo ofrecida polo Romanticismo, que despreza o carácter e a individualidade de cada persoa fronte aos do grupo, tamén denuncia a imaxe arquetípica que dan da muller Goethe e outros autores, o eterno feminino, un ideal da beleza, da bondade resignada e da entrega ao fogar, chea de prexuízos sentimentais. A imaxe representa a Fausto e Mefistófeles xogando ao xadrez baixo a mirada do Eterno Feminino, a quen acabará correspondendo facer a última xogada da partida.
Para Nietzsche a muller, como individuo, non tería que ser (en palabras de Derrida) necesariamente castrada ou castrante, senón que podería ser afirmativa. A importancia da educación da muller, poñendo o embarazo como centro de todas as súas aspiracións, deixa entrever tamén a posibilidade de que ela desenvolva, en caso contrario, un carácter creativo.
Ao non ser reprimida pola educación, a muller podería desenvolver a súa individualidade sen diferenzas de dereitos co varón. Cabería, xa que logo, unha lectura feminista de Nietzsche, aínda que fose por inversión, xa que a inferioridade da muller non sería, entón, natural, senón que estaría inducida pola educación.

Lou von Salome
En canto a Lou von Salome, coñecida como Lou Andreas-Salome tras o seu matrimonio con Carl Friedrich Andreas, foi unha muller moi influente durante o século XIX e posteriores. Inés Fernández agrupa a esta filósofa e escritora rusa nun segundo grupo de mulleres independentes (como Mary Wollstonecraft, cuxo post podes ver picando nesta ligazón), despois das primeiras que destacaron na Ilustración e que foron en moitos casos brutalmente reprimidas (Olympe de Gouges sería un exemplo) e antes doutras, xa do s. XX, que tematizaron este movemento feminista (como Virginia Woolf ou Simone de Beauvoir).
Compartiu traballo con varios dos persoeiros máis recoñecidos da cultura e a ciencia de finais do século XIX e principios do XX, como Nietzsche, Freud, Rilke entre outros, aportando moito ás súas obras e, de feito, foi a autora de varios dos escasísimos artigos que se escribiron en vida de Nietzsche sobre o seu pensamento, xa que foi un autor maldito a quen toda a comunidade filosófica pretendeu ignorar. Desenvolveu algúns conceptos sobre a psicoloxía da muller, tema que o propio Freud consideraba necesario que fora explicado por mulleres formadas na psicanálise, pero foi tamén crítica fronte a algúns conceptos freudianos.

A falta de recoñecemento
A imaxe que acompaña estas palabras é unha das poucas fotografías que se conservan de Nietzsche. Utilizarémola para ver a realidade dunha relación que a historia terxiversou.
Lembremos que Nietzsche propuxéralle matrimonio á autora rusa, rexeitándoo ela con gran descalabro do filósofo, e tomando como amante a Paul Rée, o amigo de ambos, terceira figura da imaxe. Nietzsche escribira o aforismo Vas con mulleres? Non esquezas o látego, pero Inés Fernández chama a nosa atención sobre o feito de que, en realidade, é ela quen o leva na man. Isto pode ben tomarse como unha metáfora do que a historia adoita facer: prestar atención ás palabras dos varóns mentres que as accións das mulleres, frecuentemente máis consecuentes e fértiles, son agochadas e esquecidas.
Lou von Salome case non é recoñecida ata hai relativamente pouco, a sociedade era tremendamente machista e todo rastro feminino era eliminado, xa que non era desexado nesas épocas. E este non foi o único caso, tamén hai moitos outros, como cada vez mostran máis claramente as investigacións, aínda que durante máis de catro mil anos da historia humana só se recoñecese aos homes.

Materiais e fontes
A base deste ensaio é a obra de Inés Fernández Buján As mulleres na Filosofía, Baía edicións, A Coruña 2006, ISBN 84-96526-48-8. Témolo na biblioteca do Floriani, con nº de rexistro 13623 e sinatura 1(03)-FER-mul.
Entre as páxinas consultadas recomendamos este profundísimo estudo da relación de Lou von Salome con Freud: Vida y obra de Lou Andreas Salome: una aportación al estudio psicoanalítico de la feminidad (Tese de doutoramento de Pilar García Pardo, Universidade Complutense de Madrid).
Ver tamén en A vella na cova... Mary Wollstonecraft, por Sheila Cadenas.

Imaxes tomadas de de10.com.mx (Lou von Salome e Nietzsche), revistamito.com (Fausto, Mefistófeles e o eterno feminino), mirfaces.com (Lou von Salome), ep01.epimg.net (Lou von Salome, Nietzsche e Paul Rée) e baiaedicions.gal (As mulleres na filosofía).


3 ago 2019

Mary Wollstonecraft, por Sheila Cadenas

Biografía e comentario a partir da obra As mulleres na Filosofía, de Inés Fernandez Buján, por Sheila Cadenas Amoedo (1º Bach. H-CCSS 2018-19)

Mary Wollstonecraft naceu en Inglaterra no ano 1759. Na súa xuventude tivo que traballar como institutriz, dama de compañía... entre moitas outras profesións para poder sustentarse. Foi unha muller autodidacta que se iniciou no mundo da escritura con ensaios; o tema que trataba neles era a preocupación pola ensinanza da muller.
En 1792 realiza unha viaxe a Francia para vivir na súa pel os acontecementos da Revolución Francesa. Tanto nese país estranxeiro coma no seu país de orixe, relacionase con diferentes persoeiros como o pintor e poeta William Blake, o filósofo Richard Price…
Tivo unha filla sendo nai solteira con un norteamericano ao que coñeceu en Francia. Anos despois, en 1797, casa cun filósofo inglés: William Godwin, con quen tendrá outra filla. Esta rapaza será coñecida como Mary Shelley (nome de casada) e será autora do Best-seller Frankenstein.
Tras o nacemento da súa segunda filla falecerá debido ás complicacións do parto.
En canto á súa produción profesional, debemos destacar a publicación da súa primeira obra: Pensamentos sobre a educación das fillas. Nela recolle ideas de Rousseau e de Locke e denuncia a situación da muller, subliñando a dificultade de introducirse na sociedade debido á deficiente instrución que recibían naquela época.
Cun pseudónimo masculino, en 1788, publica uns contos infantís nos que critica a actitude parental e reivindica que o ensino non depende do sexo.
En 1790 publica Vindicación dos dereitos do home, no que relaciona os acontecementos da revolución inglesa coa francesa e critica ao filosofo Edmund Burke; nesta obra reclama a igualdade fronte a moitos dereitos, especialmente o sufraxio universal.

Vindicación dos dereitos da muller (1792)
Trátase dunha obra de temática político-filosófica e foi escrita nun período revolucionario, entre a Declaración de Independencia americana e da Declaración dos Dereitos francesa. Pódese clasificar esta obra como a fundamentación do pensamento feminista pois nela Mary amosa que a igualdade das mulleres, tanto política como social, é un dereito natural.
Mary utiliza unha comparación entre o sistema político do antigo reximen coas relacións que se manteñen entre os sexos. O absolutismo monárquico é comparable ao control que o home exerce sobre a muller, e esta situación úsase despoi como argumento para probar que é un ser inferior naturalmente. Este factor tamén lles serve para excluílas de calquera decisión, do dereito á cidadanía...
Mary Wollstonecraft, nega que as virtudes estean dadas polo xénero e propón unha educación universal. A autora, di que é a educación quen fai diferentes as persoas. É debido a isto que Mary discute con Rousseau pola súa obra Emilio, onde se di que as mulleres unicamente deben estudar para ser boas nais e boas esposas. Wollstonecraft perde toda admiración por Rousseau porque, pese a que lle convencen as súas ideas para romper co pasado, esta disposto a seguir denigrando a muller. É por isto polo que este autor aparece citado múltiples veces na súa Vindicación.
A nosa autora ía mais ala do pensamento comunmente feminista; nesta obra diríxese ao ministro Talleyrand e recrimínalle o feito de que a educación publica excluíse as mulleres e que soamente se lles permitise estudar na casa, cunha educación coa que ela non estaba de acordo.
Mary, nas súas obras, impulsa as mulleres a superar esta situación. Na Vindicación dío con estas palabras:

“...porque non desexo que as mulleres teñan poder sobre os homes senón sobre si mesmas.”

Esixe unha educación igualitaria e mixta onde as mulleres poidan aprender, de igual maneira que os homes, a realizar actividades remuneradas e poder ser independentes sen ter necesidade de recurrir ao matrimonio para poder subsistir.
Tras a morte de Mary Wollstonecraft seu marido, rendéndolle homenaxe, publicou cartas, obras...etc. Pouco despois, el mesmo, escribiu unha biografía dela onde expuña sen tapuxos toda a súa vida e os seus cambios personais e intelectuais. Debido á polémica que suscitou esta obra (que o seu marido non esperaba), toda a obra de Mary quedou eclipsada. A autora Virginia Woolf e o movemento feminista redescubriuna e, grazas a isto, Mary gañou o xusto recoñecemento como pioneira feminista que ten hoxe.

Materiais e fontes
Para a elaboración deste ensaio consúltáronse varios sitios en internet pero a base é a obra de Inés Fernández Buján As mulleres na Filosofía, Baía edicións, A Coruña 2006, ISBN 84-96526-48-8. Está na biblioteca do noso centro, con nº de rexistro 13623 e sinatura 1(03)-FER-mul. A autora naceu en Barcelona e actualmente reside en Vigo onde é profesora de filosofía.

As imaxes están tomadas de mujeresconhuella.blogspot.com (Mary Wollstonecraft), Wikipedia (Vindication of the rights of women) e baiaedicions.gal (As mulleres na filosofía).


10 jun 2019

CHARLAS "Os contos" 5- Utopía e Distopía

Queimar era un pracer.

Nas charlas filosóficas deste ano, dedicadas a Os contos, vimos de dedicar una sesión ao libro de Roberto Casati 39 (simples) contos filosóficos e tres sesións ao clásico de Lewis Carroll Alicia no país das marabillas. Hoxe pechamos a serie revisando un tipo particular de relatos que tiveron gran influencia sobre a realidade xa que achegaron ideas novas e novos xeitos de entender a sociedade e o poder: a utopía e a súa dexeneración, o relato distópico. Aroa, Ángel, Gael, Marcos e Alejandro presentan unha perspectiva histórica deste xénero e unha escolma comentada de textos.

Utopía e Distopía
Gael lévanos ao s. V aC cando Platón constrúe, na súa obra República, unha cidade ideal. O pobo está dividido en castes que teñen funcións específicas (educación, defensa, produción), e cada unha debe desenvolver a súa sen interferir nas das demais. A sabedoría, a ciencia e a educación traen harmonía e xustiza tanto a cada individuo como ao conxunto da sociedade.
Pasan os séculos escuros da Idade Media, 2.000 anos nos que as monarquías utilizan a ignorancia en que manteñen aos pobos como a súa mellor arma para que acepten que o seu poder vén de Deus e que non é lícito rebelarse contra el nin sequera cando se exerce de xeito inxusto. Pero, di Aroa, co redescubrimento do pensamento clásico no Renacemento unha serie de autores escriben obras nas que, de novo, a ciencia (que agora aporta unha infinidade de aparellos tecnolóxicos) facilita a vida das persoas e axuda a crear leis xustas e tolerantes. Algúns destes autores son T. Moro (creador do propio termo Utopía), F. Bacon e T. Campanella. Estas imaxes ilustran as propostas dos tres autores utopistas do Renacemento:


O xénero utópico deu paso, na Ilustración, a unha corrente política chamada Teoría do Contrato Social, na que xa non se expoñían estes conceptos coma un contiño senón como unha explicación da sociedade e da orixe do poder. Autores como Hobbes, Locke e Rousseau desenvolverán a idea de que os gobernos reciben o poder do pobo, que ten dereito a quitarllo se non o exerce con xustiza.
No s. XX a humanidade atravesou un novo momento de crise cando presenciou consternada o uso que se facía da ciencia e a tecnoloxía en dúas guerras mundiais que desangraron Europa, e o uso que os gobernos lles daban para controlar ao pobo e quitarlle a liberdade sen que puidese sequera decatarse. Os autores que foron conscientes disto (Burgess, Orwell, Golding, Huxley, Bradbury...) crearon unha variante do relato utópico, o relato distópico, para facernos ver esta realidade que doutro xeito nos resulta invisible. Ángel glosa as diferenzas entre os dous tipos de relato:



4 exemplos de distopías
Continúa Ángel, comentando agora A laranxa mecánica, de Anthony Burgess. Nunha sociedade cun moi alto índice de criminalidade o goberno decide experimentar con reclusos mediante un tipo de condicionamento respondente chamado método Ludovico, que fai que a violencia (pero tamén o sexo e a música) cheguen a provocar náusea no protagonista. En consecuencia, chega a ser completamente incapaz de defenderse e relacionarse, de elixir facer o ben ou o mal e de gozar da música e a arte.

Aroa regresa para comentar Señor das moscas, de William Golding. Tras un accidente aéreo un grupo de nenos queda nunha illa deserta e teñen que aprender a vivir por si mesmos. Ao principio todo parece ir ben pero, cando se asustan dunha besta agochada na selva, o seu lado salvaxe e violento sae á luz. A aparente utopía convértese nunha distopía que incluso deixa vítimas polo camiño. Cada personaxe representa un tipo de liderado na sociedade (político, militar, científico, relixioso) e algunhas das ideas máis relevantes do libro son a perda da inocencia e a sociabilidade humana.

Agora volve Gael, que nos explica a novela Feliz mundo novo de Aldous Huxley. Trátase dunha sociedade global na que hai cinco castes sociais fixadas xeneticamente segundo as súas capacidades físicas e mentais. Son concebidas in vitro e condicionadas durante toda a súa infancia, incluso desde antes do nacemento. Por isto, cada persona é feliz na caste á que pertenece e co traballo que lle corresponde; pero cando unha persoa non se adapta, é reprimida utilizando recondicionamento e anulación da vontade mediante drogas. En consecuencia, a súa actitude é sempre infantil e infeliz, e os personaxes disidentes como Bernard Marx ou o Salvaxe John fan ver como a utopía axiña se converte en distopía.

Marcos e Alejandro presentan a última obra de hoxe, Fahrenheit 451. Nun futuro non moi alonxado todo o mundo é feliz e vive sen preocupacións. Os bombeiros queiman os libros para que ninguén cuestione a sociedade e se rebele contra ela. A televisión ocupa o interior das casas e propón unha diversión hipnotizante, aparentemente personalizada. Algunas personas quedan nas súas casas protexendo os libros e incluso morren por eles e outras fuxen aos bosques e viven en comunidades memorizándoos, coa idea de reconstruír a sociedade máis adiante.


Materiais
Por última vez este curso deixamos a biblioteca recollida e quedamos completando algunhas das fotos para o blog. O ano vindeiro volveremos con charlas sobre as nosas lecturas relacionadas co próximo proxecto de biblioteca. Polo de agora, poñémosvos aquí, ademais dunhas imaxes da sesión, o cartel desta charla, a presentación multimedia e unha imaxe desde a que podedes descargar todos os carteis e as presentacións deste ano que falamos de Os contos:






Cretos: Cretos: amazon.com (Utopía,), gradoceroprensa.files.wordpress.com (New Atlantis), i.pinimg.com (A cidade do sol).

4 jun 2019

CHARLAS "Os contos" 4 - Alicia como metáfora da adolescencia - O xardín

Poderíasme indicar cara a onde teño que ir desde aquí?

Como adoitamos facer, despois de recoller datos e analizar elementos pasamos a facer unha interpretación. Na primeira charla sobre Alicia vimos quen eran Carroll e Alicia, na segunda estudamos os personaxes e hoxe finalizamos preguntándonos polo sentido deste conto como metáfora da adolescencia e o xardín como o desexo que impulsa a Alicia cara a madureza. Para o primeiro vannos guiar Aroa, Paula e Laura Castro e para o segundo Antía, Laura Cobián, Alicia e Lucía. .

Alicia, unha metáfora da adolescencia
Laura Castro introduce o tema. A nosa protagonista é unha moza de 12 anos, cando se produce o paso da infancia á idade adulta. Este paso non é repentino senón que dura un tempo no que pasamos moitas inseguridades, ansiedade e malestar. Xa non encaixamos no mundo das/os pequenas/os pero tampouco no das persoas maiores. Sempre somos demasiado grandes ou demasiado pequenas/os para facer tal ou cal cousa, e isto está representado no conto polo feito de que Alicia sempre é literalmente demasiado alta ou demasiado baixa para entrar por unha porta ou para coller algo que está sobre unha mesa, non ten sitio dabondo na casa (do Coello Branco) e ráchaa cando quere moverse.
É certo que temos instrucións para entrar nese mundo novo das persoas adultas: todo o mundo nos di o que temos que facer, cales son os bos modais, o que debemos facer, comer ou vestir. Pero Paula pregúntase se esas instrucións son realmente fiables. En primeiro lugar, a propia xente maior non segue as normas, como vemos na festa de non-aniversario e practicamente en todo o conto. A raíña é unha persoa caprichosa e arbitraria, o coello chega sempre tarde... E, ademais, podemos fiarnos inocentemente, e comer ou beber todo o que nos ofrezan? Como nos preguntabamos na anterior charla, debemos confiar cegamente nunha persoa que nos ofrece unhas setas estrañas mentres fuma unha cousa rara? Alicia non atopa seguridade nos consellos que lle dan e enfádase máis cada vez que fala cunha persoa adulta.
Finalmente, Aroa resume o encontro co Gato de Cheshire. Tamén víramos o día anterior que este personaxe é a encarnación das famosas galletas que se fan no Condado de Cheshire, en Inglaterra. Pero hoxe ímonos fixar en como o gato cambia o punto de vista da nena: non debe buscar un camiño no mundo exterior a ela, senón mirar dentro de si e pensar a onde quere chegar. Na segunda parte desta mesma charla volveremos sobre este punto, polo que Aroa nos le o fragmento para que o lembremos ben:

Alicia: Poderíasme indicar cara a onde teño que ir desde aquí?
Gato: Iso depende de onde queiras chegar.
Alicia: A min non me importa demasiado onde.
Gato: Nese caso, da igual cara a onde vaias.
Alicia: Sempre que chegue a algunha parte.
Gato: Ouh! Sempre chegarás a algunha parte, se camiñas o bastante.


O xardín
Nada máis entrar no Submundo, Alicia ve un xardín a través da fechadura dunha portiña. Esta imaxe será o que a impulsará ata o final do relato, cando por fin chegará a el, e Laura Cobián interprétaa como un símbolo da vida adulta, albiscada na infancia como un lugar marabilloso, ao que se quere chegar pero que sempre é distante e difusa.
Para atopar o xardín, a protagonista terá que pasar por unha transformación do seu corpo, no que se atopa incómoda e que descoñece. A chave e a fechadura son xa en si símbolos tanto dos xenitais e do coito como da curiosidade infantil, xa que moitas/os nenas/os espreitaban a vida íntima das persoas maiores polo buraco da porta cando non había chavíns coma os de agora.
Antía comenta tamén a parte das emocións e as actitudes. A rapaza terá que nadar nun mar de bágoas (quen non o fixo na adolescencia?), participar nunha carreira, esnaquizar a casa do Coello Branco, falar cunha eiruga, coller un porco no colo… Así é como a nena se representa as cousas que fai a xente maior: a competitividade, as relacións con persoas estrañas que lle daban medo de pequena, a maternidade e o coidado dos bebés...
Lucía comenta o apartado das relacións sociais e incluso políticas, a rutina diaria do té das 5 e as normas de boa conduta, o trato con persoas odiosas como a Raíña de Corazóns, caricatura da raíña Vitoria, e o desfile interminable de persoeiros políticos que medran e medran só para ver como un bo día van e lles cortan a cabeza...
Cando a coitada Alicia se ve finalmente no lugar ao que tanto quixo chegar descobre que non é ningún paraíso, e cando se ve atacada polos naipes non pode soportalo máis, entra en angustia e, como sucede nos soños, esperta e decátase de que todo era imaxinación e realmente está deitada nun campo, doce e morno.
Para resumir en que consiste todo este cambio cara á vida adulta temos con nós a... A PROPIA ALICIA! Impresionante! A mesmísima Alicia (Ojea) vainos explicar o diálogo co Gato Risón, que xa lera Aroa na primeira parte da charla, en base aos conceptos de Autonomía e Heteronomía: Alicia pregúntalle ao gato que camiño debe tomar. Esta é a actitude infantil de facermos o que nos din, comportándonos heteronomamente xa que non tomamos as nosas propias decisións.
O gato contéstalle que para saber por onde ir ten que decidir a onde quere ir: Alicia, como persoa adulta, ten que coñecer o seu desexo, decidir os medios para acadalo e, unha vez tomada a decisión, poñela en práctica. Nisto consiste a autonomía que caracteriza a vida adulta. Como xa dixemos, a rapaza non está aínda preparada para isto, polo que acaba finalmente entrando en angustia e regresando á súa situación actual, no paraíso (este si seguro – polo de agora) da infancia.




Materiais
Con isto acabamos a serie de tres charlas sobre Alicia no País das Marabillas, pero aínda queda unha máis na serie sobre Os contos, na que comentaremos algúns dos relatos utópicos e distópicos que lemos en 1º Bach. Picando nas imaxes podedes ver o cartel da charla de hoxe e as dúas presentacións, e máis abaixo tedes, coma é habitual, unhas fotos do encontro, Invitámosvos a arrumbar con nós as mesas e cadeiras da biblioteca e deixalas na distribución habitual para lectura e traballo:




  



Cretos: birminghamteacher.wordpress.com (Alicia - Imaxe estirada), www.abc.es (Alicia - Cartas), www.istockphoto.com (Árbores), coub.com (Gato), it.chili.com/ (Setas), laestanteriadeefren.blogspot.com (Xardín).