Mostrando entradas con la etiqueta O mundo de Sofía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O mundo de Sofía. Mostrar todas las entradas

29 abr 2017

CHARLAS "O corpo humano" 3 - Corpo e relixión

3ª Sesión: O mundo de Sofía, o nome da rosa
Fermosa e temible coma un exército disposto para a batalla

Hoxe falamos sobre Corpo e Relixión. Aínda que moitas relixións dan un gran valor ao corpo e ao seu coidado, as que forman a tradición cultural que recibimos na nosa contorna adoitan dar unha visón pexorativa del, porque o consideran un obstáculo ou un inimigo para a alma, que é o que cren que verdadeiramente constitúe a persoa.
Paula, Sheila e Tamara vannos axudar a buscar as raíces deste prexuízo no Mito da Caverna de Platón, tal como está explicado en O mundo de Sofía, e Fran e María darannos unha idea dos extremos ao que a Igrexa chegou na Idade Media, comentando unhas escenas de O nome da rosa.


Paula describe os dous mundos platónicos. O Mundo das ideas é o verdadeiro mundo; non é físico pero existe alén do ceo; grazas a el existe tamén a ciencia. Pola contra, o Mundo das cousas, o mundo no que vivimos, é temporal, cambiante, subxectivo e físico. As cousas que existen aquí son copias das ideas do outro mundo.
Toda a filosofía de Platón, e concretamente o Mito da caverna, son unha explicación do coñecemento racional.
Para Platón, di Sheila, coñecer é lembrar: antes de nacer, a alma contemplou as ideas no Mundo Supraceleste pero esqueceunas ao caer, ao nacer neste Mundo Terrenal. Platón di que, cando vemos os obxectos de aquí, lembramos as ideas, e chama a este proceso Reminiscencia. O outro método para subir ao Mundo das Ideas é a Dialéctica, o ascenso mediante o diálogo.
Finalmente, con Tamara entramos na caverna. No seu libro A República Platón representa o mundo sensible mediante unha cova na que están atrapados uns prisioneiros. Para eles, a realidade son as sombras que ven. Entón un escapa e ve a realidade e quere ensinarlla aos demais. Pero eles non queren liberarse e chegan a matar ao que viña ceibalos... que é precisamente o que lle pasou a Sócrates, o mestre de Platón!
Con Fran e María, que alternan na explicación, avanzamos case 20 séculos, ata a Idade Media de O nome da rosa. Alí vemos unha xente campesiña que vive moi pobremente mentres os cregos dun mosteiro quedan con toda a comida que lles cobran como tributo. Os cregos, tan sabios e que len tantos libros, só teñen unha idea fantástica da muller, as historias da Virxe María.

Pero Adso, o protagonista, vai coñecer a unha das mulleres da vila mentres investiga uns asasinatos no convento. Non intercambian nin unha palabra: o corpo sabe todo o que ten que facer.
E esta muller que viña prostituírse a cambio dun corazón de boi, acaba marchando co corazón de Adso. É unha bonita metáfora no que os papeis do corporal e do espiritual entrecrúzanse e fannos pensar nunha forma da verdade que non é a platónica: a verdade das emocións e da nosa natureza física.

Imaxes

Algunhas imaxes da charla:




Materiais para descargar

Hoxe temos dúas presentacións, ademais do cartaz:




              



20 mar 2016

CHARLAS "A luz" 1 - A luz como metáfora do coñecemento

1ª Sesión: O mundo de Sofía
-Estraños prisioneiros eses que contas!
-Pois son iguais ca nós.

Xoves, xusto antes das vacacións, a punto de comezar a primavera. Acaban de rematar os exames e aproveitamos este día de tregua para comezarmos a nova tempada de charlas na biblioteca. Este ano o noso tema que, coma sempre, coincide co proxecto de biblioteca, é A Luz, seguindo á ONU, que declarou a 2015 o Ano internacional da luz.

A luz é un símbolo moi poderoso na filosofía. Loreto, Tati, Manu e Alexia vannos contar a súa historia tal como a descubriron lendo O mundo de Sofía. Deste libro escollimos cinco autores, Platón, Descartes, Locke, Kant e Nietzsche, e a través do seu pensamento iremos desde o Mito da Caverna ata a Ilustración e máis aló, ata a crítica á racionalidade.


Con Loreto repasamos o Mito da Caverna. A xente de 2º Bach., que xa o coñecen, asenten mentres nos explica os símbolos: as sombras son os obxectos do mundo sensible, a escarpada subida ao exterior é a educación, que debe facerse sen forzar á xuventude e no exterior da cova é onde están as ideas, os obxectos que Platón chama reais. O lume da caverna representa o coñecemento sensible e o sol do exterior o coñecemento racional. E o escravo liberado que volve rescatar aos que aínda están prisioneiros é o propio Sócrates, que se mete a si mesmo dentro do seu relato.


Descartes, continúa Tati, é o iniciador da filosofía moderna. El denunciou os erros que cometen os sentidos, como presentarnos o noso dedo máis grande cós obxectos que están detrás del. A razón inventa a óptica, que se apoia na xeometría, para calcular o tamaño orixinal dos obxectos. Do mesmo xeito, a razón debe revisar todo o que os sentidos perciben e así poderemos ter un coñecemento correcto do mundo.

Máis tarde na Idade Moderna, na época da Ilustración, a razón pasa a ser a gran esperanza, e confían na súa luz para organizar a vida en sociedade. Manu fálanos de Locke e Kant; o primeiro propón a división de poderes, que Montesquieu fixou en Lexislativo, Executivo e Xudicial, e o segundo anuncia o tempo en que as institucións supranacionais coma a ONU ou o Tribunal Penal Internacional substituirán ás guerras e traerán a paz perpetua.



Pero non culminamos esta charla coa confianza absoluta na razón senón coa sospeita que algúns autores lanzan sobre ela cando non se complementa coas emocións e os sentimentos. Alexia explícanos como Nietzsche escolleu aos deuses gregos Apolo e Dionisos como metáforas destes dous aspectos da arte, da cultura e de todo o humano.
Apolo é o deus da luz diúrna, da beleza formal, da argumentación e, como vimos no traballo de O soño dunha noite de San Xoán, da cidade, moderna pero represiva e individualista. Dionisos, o deus do viño, é o deus da ensoñación e da noite, das paixóns e o desexo e, como nos ensinaba Shakespeare, do bosque, máxico e liberador.


Imaxes

Algunhas fotos da charla. Pica nunha calquera para abrir o visor de imaxes e ver todas ampliadas.




Materiais para descargar

Podes descargar os materiais que utilizamos, o cartaz e a presentación multimedia:


              



2 jul 2012

CHARLAS "O MUNDO DE SOFÍA" - 4

4ª sesión: Darwin, Freud, Marx, Sartre e Berkeley
Existe o mundo que nos rodea? Ou todo sucede na conciencia?

Rematamos con dous científicos, Darwin e Freud, e dous filósofos, Marx e Sartre, da Idade Contemporánea,  e unha reflexión sobre o autor central do noso libro: Berkeley.
Nandi fai as presentacións: hoxe as nosas poñentes son Estela, Ana, Yasmina, Marta e Laura.

Darwin foi naturalista, teólogo, viaxeiro, escritor... Estela cóntanos a súa viaxe no Beagle que fixo cambiar as súas ideas e propoñer a doutrina evolucionista.
Para a súa investigación foron moi importantes as observacións que fixo sobre os bicos dos pinzóns e os descubrimentos recentes sobre os fósiles.
Tamén Freud foi un científico que cambiou a nosa concepción do ser humano. Ana explícanos as súas teorías sobre o inconsciente e a estrutura da personalidade: o Iso, o Eu e o Supereu.
Para concluír, uns exemplos sobre como facer interpretación dos soños.
Marx foi, xunto con Freud e Nietzsche, foi chamado filósofo da sospeita porque pensou que as leis que oprimen á clase traballadora son unha superestrutura que se constrúe sobre a base real da sociedade: o reparto inxusto da riqueza.
Marta resúmenos os detalles da súa vida e o seu compromiso coa loita revolucionaria.
É a quenda de Yasmina. Con ela coñecemos os cafés de París nos que os (E AS!) existencialistas de mediados do s. XX facían a filosofía na rúa sobre o significado da expresión ser humano.
Sartre e Simone de Beauvoir son dúas figuras representativas destas preocupacións que, hoxe en día, son centrais no noso pensamento.
Laura fai as despedidas por este ano.
O autor que Jostein Gaarder elixíu como centro de gravidade de O mundo de Sofía foi Berkeley e Laura explícanos por que, formulándonos preguntas que nos fan pensar e animarnos a repasar pasaxes desta obra que non é soamente moi enganchante senón que ademais é unha preparación excelente para a materia de historia da filosofía do ano que vén.



Podes descargar as presentacións picando nestas imaxes: