10 jun 2019

CHARLAS "Os contos" 5- Utopía e Distopía

Queimar era un pracer.

Nas charlas filosóficas deste ano, dedicadas a Os contos, vimos de dedicar una sesión ao libro de Roberto Casati 39 (simples) contos filosóficos e tres sesións ao clásico de Lewis Carroll Alicia no país das marabillas. Hoxe pechamos a serie revisando un tipo particular de relatos que tiveron gran influencia sobre a realidade xa que achegaron ideas novas e novos xeitos de entender a sociedade e o poder: a utopía e a súa dexeneración, o relato distópico. Aroa, Ángel, Gael, Marcos e Alejandro presentan unha perspectiva histórica deste xénero e unha escolma comentada de textos.

Utopía e Distopía
Gael lévanos ao s. V aC cando Platón constrúe, na súa obra República, unha cidade ideal. O pobo está dividido en castes que teñen funcións específicas (educación, defensa, produción), e cada unha debe desenvolver a súa sen interferir nas das demais. A sabedoría, a ciencia e a educación traen harmonía e xustiza tanto a cada individuo como ao conxunto da sociedade.
Pasan os séculos escuros da Idade Media, 2.000 anos nos que as monarquías utilizan a ignorancia en que manteñen aos pobos como a súa mellor arma para que acepten que o seu poder vén de Deus e que non é lícito rebelarse contra el nin sequera cando se exerce de xeito inxusto. Pero, di Aroa, co redescubrimento do pensamento clásico no Renacemento unha serie de autores escriben obras nas que, de novo, a ciencia (que agora aporta unha infinidade de aparellos tecnolóxicos) facilita a vida das persoas e axuda a crear leis xustas e tolerantes. Algúns destes autores son T. Moro (creador do propio termo Utopía), F. Bacon e T. Campanella. Estas imaxes ilustran as propostas dos tres autores utopistas do Renacemento:


O xénero utópico deu paso, na Ilustración, a unha corrente política chamada Teoría do Contrato Social, na que xa non se expoñían estes conceptos coma un contiño senón como unha explicación da sociedade e da orixe do poder. Autores como Hobbes, Locke e Rousseau desenvolverán a idea de que os gobernos reciben o poder do pobo, que ten dereito a quitarllo se non o exerce con xustiza.
No s. XX a humanidade atravesou un novo momento de crise cando presenciou consternada o uso que se facía da ciencia e a tecnoloxía en dúas guerras mundiais que desangraron Europa, e o uso que os gobernos lles daban para controlar ao pobo e quitarlle a liberdade sen que puidese sequera decatarse. Os autores que foron conscientes disto (Burgess, Orwell, Golding, Huxley, Bradbury...) crearon unha variante do relato utópico, o relato distópico, para facernos ver esta realidade que doutro xeito nos resulta invisible. Ángel glosa as diferenzas entre os dous tipos de relato:



4 exemplos de distopías
Continúa Ángel, comentando agora A laranxa mecánica, de Anthony Burgess. Nunha sociedade cun moi alto índice de criminalidade o goberno decide experimentar con reclusos mediante un tipo de condicionamento respondente chamado método Ludovico, que fai que a violencia (pero tamén o sexo e a música) cheguen a provocar náusea no protagonista. En consecuencia, chega a ser completamente incapaz de defenderse e relacionarse, de elixir facer o ben ou o mal e de gozar da música e a arte.

Aroa regresa para comentar Señor das moscas, de William Golding. Tras un accidente aéreo un grupo de nenos queda nunha illa deserta e teñen que aprender a vivir por si mesmos. Ao principio todo parece ir ben pero, cando se asustan dunha besta agochada na selva, o seu lado salvaxe e violento sae á luz. A aparente utopía convértese nunha distopía que incluso deixa vítimas polo camiño. Cada personaxe representa un tipo de liderado na sociedade (político, militar, científico, relixioso) e algunhas das ideas máis relevantes do libro son a perda da inocencia e a sociabilidade humana.

Agora volve Gael, que nos explica a novela Feliz mundo novo de Aldous Huxley. Trátase dunha sociedade global na que hai cinco castes sociais fixadas xeneticamente segundo as súas capacidades físicas e mentais. Son concebidas in vitro e condicionadas durante toda a súa infancia, incluso desde antes do nacemento. Por isto, cada persona é feliz na caste á que pertenece e co traballo que lle corresponde; pero cando unha persoa non se adapta, é reprimida utilizando recondicionamento e anulación da vontade mediante drogas. En consecuencia, a súa actitude é sempre infantil e infeliz, e os personaxes disidentes como Bernard Marx ou o Salvaxe John fan ver como a utopía axiña se converte en distopía.

Marcos e Alejandro presentan a última obra de hoxe, Fahrenheit 451. Nun futuro non moi alonxado todo o mundo é feliz e vive sen preocupacións. Os bombeiros queiman os libros para que ninguén cuestione a sociedade e se rebele contra ela. A televisión ocupa o interior das casas e propón unha diversión hipnotizante, aparentemente personalizada. Algunas personas quedan nas súas casas protexendo os libros e incluso morren por eles e outras fuxen aos bosques e viven en comunidades memorizándoos, coa idea de reconstruír a sociedade máis adiante.


Materiais
Por última vez este curso deixamos a biblioteca recollida e quedamos completando algunhas das fotos para o blog. O ano vindeiro volveremos con charlas sobre as nosas lecturas relacionadas co próximo proxecto de biblioteca. Polo de agora, poñémosvos aquí, ademais dunhas imaxes da sesión, o cartel desta charla, a presentación multimedia e unha imaxe desde a que podedes descargar todos os carteis e as presentacións deste ano que falamos de Os contos:






Cretos: Cretos: amazon.com (Utopía,), gradoceroprensa.files.wordpress.com (New Atlantis), i.pinimg.com (A cidade do sol).

No hay comentarios:

Publicar un comentario