3 ago 2019

Mary Wollstonecraft, por Sheila Cadenas

Biografía e comentario a partir da obra As mulleres na Filosofía, de Inés Fernandez Buján, por Sheila Cadenas Amoedo (1º Bach. H-CCSS 2018-19)

Mary Wollstonecraft naceu en Inglaterra no ano 1759. Na súa xuventude tivo que traballar como institutriz, dama de compañía... entre moitas outras profesións para poder sustentarse. Foi unha muller autodidacta que se iniciou no mundo da escritura con ensaios; o tema que trataba neles era a preocupación pola ensinanza da muller.
En 1792 realiza unha viaxe a Francia para vivir na súa pel os acontecementos da Revolución Francesa. Tanto nese país estranxeiro coma no seu país de orixe, relacionase con diferentes persoeiros como o pintor e poeta William Blake, o filósofo Richard Price
Tivo unha filla sendo nai solteira con un norteamericano ao que coñeceu en Francia. Anos despois, en 1797, casa cun filósofo inglés: William Godwin, con quen tendrá outra filla. Esta rapaza será coñecida como Mary Shelley (nome de casada) e será autora do Best-seller Frankenstein.
Tras o nacemento da súa segunda filla falecerá debido ás complicacións do parto.
En canto á súa produción profesional, debemos destacar a publicación da súa primeira obra: Pensamentos sobre a educación das fillas. Nela recolle ideas de Rousseau e de Locke e denuncia a situación da muller, subliñando a dificultade de introducirse na sociedade debido á deficiente instrución que recibían naquela época.
Cun pseudónimo masculino, en 1788, publica uns contos infantís nos que critica a actitude parental e reivindica que o ensino non depende do sexo.
En 1790 publica Vindicación dos dereitos do home, no que relaciona os acontecementos da revolución inglesa coa francesa e critica ao filosofo Edmund Burke; nesta obra reclama a igualdade fronte a moitos dereitos, especialmente o sufraxio universal.

Vindicación dos dereitos da muller (1792)
Trátase dunha obra de temática político-filosófica e foi escrita nun período revolucionario, entre a Declaración de Independencia americana e da Declaración dos Dereitos francesa. Pódese clasificar esta obra como a fundamentación do pensamento feminista pois nela Mary amosa que a igualdade das mulleres, tanto política como social, é un dereito natural.
Mary utiliza unha comparación entre o sistema político do antigo reximen coas relacións que se manteñen entre os sexos. O absolutismo monárquico é comparable ao control que o home exerce sobre a muller, e esta situación úsase despoi como argumento para probar que é un ser inferior naturalmente. Este factor tamén lles serve para excluílas de calquera decisión, do dereito á cidadanía...
Mary Wollstonecraft, nega que as virtudes estean dadas polo xénero e propón unha educación universal. A autora, di que é a educación quen fai diferentes as persoas. É debido a isto que Mary discute con Rousseau pola súa obra Emilio, onde se di que as mulleres unicamente deben estudar para ser boas nais e boas esposas. Wollstonecraft perde toda admiración por Rousseau porque, pese a que lle convencen as súas ideas para romper co pasado, esta disposto a seguir denigrando a muller. É por isto polo que este autor aparece citado múltiples veces na súa Vindicación.
A nosa autora ía mais ala do pensamento comunmente feminista; nesta obra diríxese ao ministro Talleyrand e recrimínalle o feito de que a educación publica excluíse as mulleres e que soamente se lles permitise estudar na casa, cunha educación coa que ela non estaba de acordo.
Mary, nas súas obras, impulsa as mulleres a superar esta situación. Na Vindicación dío con estas palabras:

...porque non desexo que as mulleres teñan poder sobre os homes senón sobre si mesmas.

Esixe unha educación igualitaria e mixta onde as mulleres poidan aprender, de igual maneira que os homes, a realizar actividades remuneradas e poder ser independentes sen ter necesidade de recurrir ao matrimonio para poder subsistir.
Tras a morte de Mary Wollstonecraft seu marido, rendéndolle homenaxe, publicou cartas, obras...etc. Pouco despois, el mesmo, escribiu unha biografía dela onde expuña sen tapuxos toda a súa vida e os seus cambios personais e intelectuais. Debido á polémica que suscitou esta obra (que o seu marido non esperaba), toda a obra de Mary quedou eclipsada. A autora Virginia Woolf e o movemento feminista redescubriuna e, grazas a isto, Mary gañou o xusto recoñecemento como pioneira feminista que ten hoxe.

Materiais e fontes
Para a elaboración deste ensaio consúltáronse varios sitios en internet pero a base é a obra de Inés Fernández Buján As mulleres na Filosofía, Baía edicións, A Coruña 2006, ISBN 84-96526-48-8. Está na biblioteca do noso centro, con nº de rexistro 13623 e sinatura 1(03)-FER-mul. A autora naceu en Barcelona e actualmente reside en Vigo onde é profesora de filosofía.

As imaxes están tomadas de mujeresconhuella.blogspot.com (Mary Wollstonecraft), Wikipedia (Vindication of the rights of women) e baiaedicions.gal (As mulleres na filosofía).


No hay comentarios:

Publicar un comentario