Mostrando entradas con la etiqueta Freud. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Freud. Mostrar todas las entradas

30 oct 2018

O complexo de Edipo, por Andrea Regueiro, 1º Bach. 2017-18

Historia de Edipo Rei
O rei Laio de Tebas foi advertido de que o seu fillo asasinaríao nun futuro, polo que decidiu mandar un criado a matalo. Este, por compaixón, entrégallo a Pólibo, rei de Corinto. Ao pasar os anos, Edipo foxe da casa e no seu traxecto encóntrase un grupo de persoas que toma como ladróns e, sen sabelo, asasina ao seu pai biolóxico. Ao continuar enfróntase a unha esfinxe resolvendo un enigma e derrótaa, salvando a cidade de Tebas. Casa con Iocasta, reina viúva de Tebas, coa que ten 4 fillos. Un día unha peste asola a cidade, polo que manda a algúns dos seus servos a xunto dos deuses para preguntarlles por unha solución contra ela. Consultan ao oráculo, Tiresias, quen lles di que o mal non cesará ata que o asasinato do anterior rei, Laio, non sexa vingado. Edipo inicia unha busca e descobre que é a el mesmo a quen buscaba. Iocasta suicídase aforcándose e el decide arrancarse os ollos e marcha de Tebas para sempre.

O Complexo de Edipo
A finas do século XIX e principios do XX Sigmund Freud propón a súa teoría psicanalítica. Con esta teoría trata de explicar a conduta e a personalidade humanas baseándose en que toda a nosa personalidade desenvólvese na nosa infancia, dende que nacemos ata aproximadamente os 12 anos. Freud divide a infancia en diferentes etapas (oral, anal, fálica, período de latencia, prepubertade e pubertade) e a cada etapa asocia un centro de pracer e os supostos trazos da personalidade que deberíamos adquirir. A súa teoría aséntase sobre a sexualidade e a súa represión de diferentes formas xa que observou nos seus pacientes que todo o que lle contaban tiña un carácter sexual e eran cosas que pasaran na infancia.
Un dos alicerces fundamentais na súa teoría é o Complexo de Edipo que ocorre durante a fase fálica, a primeira na que os nenos empezan a desenvolver a sexualidade nos xenitais aínda non maduros. Aparece o interese polas diferenzas sexuais e os xenitais, polo que é de suma importancia que a represión deste desexo non obstrúa a capacidade de investigación, coñecemento e aprendizaxe do neno.
Freud afirma que os nenos empezan a sentirse atraídos polo proxenitor de distinto sexo tendo cara a el un sentimento de ambivalencia xa que o amor polo seu pai ou nai é tan grande que necesitan estar todo o rato con eles e teñen moitas discusións e enfados se non o conseguen, pero esta necesidade compulsiva non permite que o seu proxenitor leve unha vida normal e tranquila. Os sentimentos cara ao outro proxenitor, o do mesmo sexo, son ben distintos: o principal é o odio xa que o ven como un rival en competencia polo amor do outro proxenitor. Esta relación triangular na que o neno poderíamos dicir que se namora da súa nai e quere matar ao pai foi chamada Complexo de Edipo por Freud e segundo el a correcta superación deste é o que crea a nosa identidade sexual.
Este conflito supérase durante o período de latencia no que se desenvolven as tres instancias da personalidade: iso, eu e supereu. É este último o que nos axuda a superar o Edipo facendo que nos decatemos de que o amor polo noso pai é imposible xa que existen unhas diferenzas obvias moi significantes. O proxenitor de distinto sexo pasa de ser o amado do fillo a ser coma o modelo que o neno vai buscar nas súas próximas parellas. Durante este período de latencia o desexo sexual reprímese e o centro de pracer atópase en todo o corpo. O supereu, a través de sublimacións, canaliza ese desexo sexual a actividades normalmente creativas como pode ser debuxar e pintar ou a realizar algún deporte.

Relación do Complexo de Edipo coa historia de Edipo Rei
Na teoría freudiana, o suxeito pode fuxir da angustia, afrontala astutamente ou, nun certo modo, negarse a entrar na escena edípica, preferindo anular ao pai. Esta idea relaciónase coa historia de Edipo rei, xa que Edipo mata ao seu pai, aínda que non fose consciente de que o era. O suxeito pode loitar contra a súa angustia e protestar co dilema que se lle ofrece. En ambos casos, ábrense camiños que o levan á neurose, perversión ou á loucura. Por iso Edipo termina enfermo. Edipo anula ao seu pai quitándolle a vida, Freud utiliza isto para reflexar a súa teoría.
Na teoría de Freud, esta relación dual é en realidade unha relación na que o terceiro polo atópase ocupado por unha sombra (a do pai), xa que o neno, no seu diálogo coa nai, encontra ao seu pai no inconsciente desta. Igualmente na relación dual de Edipo intervén un cuarto termo, que é a morte desexada do pai ou morte temida do fillo, isto é a castración. No mito, Edipo mata ao seu pai, pero se non houbese morto el. Dalgunha maneira, temía que o seu pai o matase, e iso o leva a desexar a súa morte.
Para Freud, o momento no que Edipo se quita os ollos representa a castración. Como mirou a súa nai, cástrase el mesmo quitándose os ollos (é simbólico). Cando Laio ordena a Iocasta que mate o neno ao nacer, isto simboliza tamén a castración, pero como non se efectuou, realízaa el mesmo. Para Freud, o feito de que Laio mandara matar ao neno para evitar a traxedia simboliza o feito de que o neno renuncie a súa nai (evitar a traxedia) por medo a que o seu pai o castre. Edipo non a poido evitar, entón autocastrouse (simbolicamente) quitándose os ollos.

Comentario crítico
A teoría de Freud foi amplamente criticada xa que inicialmente propuxo o Complexo de Edipo e practicamente toda a súa teoría para explicar o desenvolvemento da personalidade dun varón deixando ás nenas a un lado e explicando o seu desenvolvemento coma unha excepción na súa teoría. Aínda que poida parecer unha teoría machista o mesmo Freud admitiu que non tiña os coñecementos necesarios na psicoloxía feminina e animou a moitas mulleres a que escribiran a súa teoría psicanalítica para poder explicar os casos das nenas. Outro dos problemas do Complexo de Edipo proposto por Freud e que non pode explicar o que ocorrería no caso de ser unha familia homoparental ou monoparental.
Ademais sempre existirá a discusión de en que rama da ciencia debe encadrarse a psicoloxía xa que ten unha parte natural e unha social. Toda a teoría de Freud necesita dunha interpretación segundo o paciente ao que se lle realice a terapia xa que a pesar de que Freud explicara que ocorre en cada fase isto pode cambiar e sempre é necesaria a valoración do paciente, que é quen vai a darlle ao psicanalista os datos necesarios para o seu tratamento.

Imaxes
Edipo e a esfinxe, Ingres via Wikipedia
 (Ver).
Freud: portada, Edipo, crítica - Norma cómics (Ver)
Freud para principiantes (e Psicanálise, Jung, Klein...) (Ver).


28 sept 2012

A INTERPRETACIÓN NA PSICOLOXÍA

Ensaio, por Laura Álvarez e Ana Ferreira
1º Bacharelato – Ciencias e tecnoloxía 2011-12


A psicoloxía é, segundo a definen os expertos, unha ciencia que estuda os estados da conciencia das persoas. Outros defínena como unha parte da filosofía que trata a alma, as súas facultades e operacións.
A psicanálise é un método creado por Freud para investigar e curar as enfermidades mentais mediante a análise dos conflitos sexuais inconscientes orixinados na infancia. É unha disciplina pouco coñecida e moi atacada dentro da comunidade científica; mesmo os seguidores de Freud foron moi críticos con el, aínda que recoñecían que o terreo que el descubrira era moi grande como para poder investigalo todo unha soa persoa.

1. A clasificación da psicoloxía: o problema da interpretación
Hoxe en día a propia psicoloxía é tanto aceptada como rexeitada por parte da sociedade. Os seus detractores negan a súa efectividade porque cren que os problemas mentais son falsos, como mentiras que unha persoa inventa e chega a crer por comodidade pero que se poderían superar con só querelo.
A psicanálise é a teoría que formula conceptos capaces de tratar con estas dificultades, coma os de consciente e inconsciente; os seus partidarios defenden que é un axeitado método para diagnosticar e tratar os distintos problemas neuróticos, depresivos, etc. Freud, na súa teoría, falou do inconsciente como recordos, desexos, medos... tan enterrados na mente que nin sequera a persoa sabe que os ten. A razón pola cal a xente non soluciona os seus problemas (e que é a mesma pola que algúns non aceptan esta teoría) é que non quere que se saiban eses segredos que a psicanálise saca á luz.
Polo tanto, respecto ao que debe ser a psicoloxía existen dous bandos: os que a clasifican como unha ciencia social e os que o fan como unha ciencia natural. Isto depende da postura que adopten sobre a interpretación.
Con respecto aos seguidores da metodoloxía da ciencia social, a interpretación é necesaria para poder atopar a raíz do problema e así curalo completamente. Este método é efectivo, pero presenta o inconveniente do tempo, xa que unha psicanálise pode durar desde uns poucos meses a varios anos.
En cambio, os seguidores da metodoloxía da ciencia natural defenden que, se a psicoloxía precisa unha interpretación, non se trata dunha ciencia. Para que o fose debería tratarse desde a obxectividade, sen ter en conta a opinión do psicanalista.

2. O uso de fármacos
As dúas posturas empregan fármacos para tratar os problemas, pero hai quen defende o uso destes como único tratamento, mentres que outros prefiren empregalos á vez que se trata o problema. Por exemplo, aos xefes e ás empresas convenlles que os empregados non collan baixas, polo que presionan aos psicólogos para que receiten medicamentos en vez de intentar atopar a raíz do problema, a cal levaría moito máis tempo, provocando que a persoa realice as cousas de forma mecánica (erguerse, traballar, comer, durmir). Se facemos isto, o problema non se soluciona e o paciente deberá medicarse de por vida. En cambio, se aparte de receitar fármacos para paliar os síntomas, tamén se intenta atopar e resolver o problema, a persoa quedará curada e poderá deixar os medicamentos e levar unha vida normal.
Actualmente, como ferramenta de dignóstico, emprégase o DSM-IV (Diagnostic and Statistic Manual about Mental Disorders), que está apoiado e confeccionado, en parte, por empresas farmacéuticas, as cales teñen intereses relacionados coa venda de medicamentos. Este sistema non distingue entre as causas dos trastornos e emprega fármacos indistintamente (por exemplo, na nova versión que está en preparación, o DSM-V, non se diferencia a depresión do dó, polo que o tratamento é igual para unha persoa que está triste sen causa aparente que para unha que o está porque acaba de morrerlle un familiar). Parte dos psicólogos opinan que este método non é o axeitado para tratar este tipo de problemas.

3. Psicoloxía, psiquiatría, psicanálise
Uha idea corrente na sociedade é a de pensar que un psicólogo, un psiquiatra e un psicanalista son o mesmo, cousa que non é certa.
Un psicólogo é a persoa que ten o título de licenciado en psicoloxía. Non pode receitar fármacos e trata o problema só coa interpretación.
Ás veces parte do diagnóstico dun psiquiatra. Este é o especialista na ciencia que trata as enfermidades mentais. Pode prescribir medicamentos e pedir exames médicos ao laboratorio.
Por último, un psicanalista é a persoa que practica a psicanálise, xa definida anteriormente. Acúdese a un ou outro dependendo do tipo de problema mental existente.

4. Conclusións
En conclusión, podemos dicir que a psicoloxía, aínda na actualidade, non está clasificada, xa que se trata dunha ciencia aberta, na que cada un ten o seu criterio de clasificación. Nós mesmas tivemos diferentes opinións relacionadas co tema. En resumo, os puntos de vista que centran os nosos enfoques individuais son:
Eu creo que a interpretación é necesaria; pero se debe complementar con medicación. Así, os síntomas atenúanse, conseguíndo unha melloría evidente, mentres se traballa para solucionar o problema mediante a interpretación.
Laura Álvarez.

Non todo o mundo pensa que a psicoloxía sexa boa ou efectiva. Hai quen di que, se alguén está deprimido, o que pasa é que ten “moito conto”. Cando os xefes pensan así queren que os empregados tomen fármacos xa que, para eles, o que fai o psicólogo é gañar cartos por nada, porque o “conto” pasa só. Penso que os que cren no uso de fármacos sen que á vez haxa tratamento psicolóxico ou psiquiátrico non se poden considerar como seguidores da psicoloxía senón da medicina.
Ana Ferreira

2 jul 2012

CHARLAS "O MUNDO DE SOFÍA" - 4

4ª sesión: Darwin, Freud, Marx, Sartre e Berkeley
Existe o mundo que nos rodea? Ou todo sucede na conciencia?

Rematamos con dous científicos, Darwin e Freud, e dous filósofos, Marx e Sartre, da Idade Contemporánea,  e unha reflexión sobre o autor central do noso libro: Berkeley.
Nandi fai as presentacións: hoxe as nosas poñentes son Estela, Ana, Yasmina, Marta e Laura.

Darwin foi naturalista, teólogo, viaxeiro, escritor... Estela cóntanos a súa viaxe no Beagle que fixo cambiar as súas ideas e propoñer a doutrina evolucionista.
Para a súa investigación foron moi importantes as observacións que fixo sobre os bicos dos pinzóns e os descubrimentos recentes sobre os fósiles.
Tamén Freud foi un científico que cambiou a nosa concepción do ser humano. Ana explícanos as súas teorías sobre o inconsciente e a estrutura da personalidade: o Iso, o Eu e o Supereu.
Para concluír, uns exemplos sobre como facer interpretación dos soños.
Marx foi, xunto con Freud e Nietzsche, foi chamado filósofo da sospeita porque pensou que as leis que oprimen á clase traballadora son unha superestrutura que se constrúe sobre a base real da sociedade: o reparto inxusto da riqueza.
Marta resúmenos os detalles da súa vida e o seu compromiso coa loita revolucionaria.
É a quenda de Yasmina. Con ela coñecemos os cafés de París nos que os (E AS!) existencialistas de mediados do s. XX facían a filosofía na rúa sobre o significado da expresión ser humano.
Sartre e Simone de Beauvoir son dúas figuras representativas destas preocupacións que, hoxe en día, son centrais no noso pensamento.
Laura fai as despedidas por este ano.
O autor que Jostein Gaarder elixíu como centro de gravidade de O mundo de Sofía foi Berkeley e Laura explícanos por que, formulándonos preguntas que nos fan pensar e animarnos a repasar pasaxes desta obra que non é soamente moi enganchante senón que ademais é unha preparación excelente para a materia de historia da filosofía do ano que vén.



Podes descargar as presentacións picando nestas imaxes:


20 feb 2011

CHARLAS - "O CHISTE E A SÚA RELACIÓN CO INCONSCIENTE"

Psicoloxía: O chiste e a súa relación co inconsciente, de Sigmund Freud
Por: Ángel Gómez, 1º Bacharelato Ciencias e Tecnoloxía

Unha cousa rara, algo que hai que explicar

Sigmund Freud, o fundador da Psicanálise, escribiu esta obra en 1905, continuando ideas de A interpretación dos soños, de 1899. Freud estaba estudando os síntomas neuróticos e descubriu que non eran algo distinto doutras manifestacións moi normais do que chamou o inconsciente, como os soños, os lapsus e o propio chiste. Como di Ángel, hai neles unha mestura de elementos conscientes e outros, máis malvados, que censuramos e non nos decatamos deles. O que aparece no noso comportamento é unha mestura, unha cousa rara, algo que hai que explicar.
Con bo humor e moitos exemplos, aprendemos a interpretar as nosas equivocacións cotiás. No chiste non hai nada neutro nin nada totalmente ben intencionado: Todo leva sempre unha carga de agresividade que se fai evidente se analizamos os elementos do relato.

Pica aquí para ver a presentación multimedia feita por Ángel (para descargala, click dereito + Gardar enlace como...).


APRENDE A USAR O BUSCADOR MEIGA

Quero saber que libros de FREUD hai na biblioteca

...Buscar por: Lista alfabética // En: Autor // (Criterio de busca): Freud
Aparece unha lista de autores: busca Freud, Sigmund (estará entre os primeiros) e pica nel. Aparecen as obras súas que están na biblioteca.
Ir directamente ó resultado:
Obras de Freud

Que hai de psicanálise na biblioteca?

...Buscar por: Frase ou texto // En: Materia // (Criterio de busca): Psicanálise
Aparecen todos os fondos relacionados coa psicanálise. Para separar libros, películas, etc. podes picar en "Desglose por: Soportes, idiomas, seccións".
Ir directamente ó resultado:
Obras sobre Psicanálise