Mostrando entradas con la etiqueta Nietzsche. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Nietzsche. Mostrar todas las entradas

17 jul 2015

Evolución da traxedia grega - A avaliación nietzscheana

por Estela Parada Rodríguez. 2º Bach. A, 2014-15.

Grecia é o berce da nosa cultura, e a súa traxedia evoluciona paralela ao pensamento nela. A continuación falaremos de como vai mudando tal drama nesta civilización e das conclusións ás que chega Nietzsche analizando ese cambio.
Dende a concepción nietzscheana a traxedia grega foi froito da fusión de dous elementos do espírito grego:
o dionisíaco: noite, escuridade, vontade irracional, cousa-en-si, unidade, embriaguez, dor cósmica...
que toman a forma de coro, música e danza; e

o apolíneo: día, luminosidade, razón, aparencia-fenómeno, principio de individuación, ensoño, alegría solar...
que se manifestan coma personaxes individuais e palabras.
O nome traxedia (τραγῳδίαtragodia) posúe dúas raíces: “macho cabrío” (τράγος / tragos) e "cantar" (ᾠδία / odía), ou sexa "o canto do macho cabrío".
A denominación dános unha pista das súas orixes: inicialmente eran unhas festividades en honor de Dionisio (deus da vendima e do viño) nas que se sacrificaba ao macho cabrío e nas que un coro de sátiros disfrazados deste animal entoaban un ditirambo, cantaban e danzaban improvisadamente.
Co paso do tempo, un deles, o corifeo, portavoz, comezou a cantar só, e estableceuse un diálogo entre un xa solista e o coro. Este é visto por Nietzsche coma o primeiro elemento apolíneo engadido, se ben o esencial segue a ser o fondo dionisíaco. Gracias a este o espectador pode fundirse cos demais homes e descobre a suprema unidade de todas as cousas, aceptando o consolo metafísico (a vida pensada coma indestrutiblemente poderosa e pracenteira) e gárdase da negación budista da vontade que Schopenhauer lle dera a coñecer.
Chegado o século V a.C., rememorando estas antigas cerimonias, o que se facía era, en honor de Dionisio tamén, pero cun carácter moito máis festivo, concursos nos que os poetas debían presentar tres traxedias (unha triloxía) e unha comedia satírica. O primeiro gañador coñecido foi Esquilo, cuxa triloxía, a Orestía, aínda se conserva. El fixou as regras fundamentais do drama tráxico e introduciu máscaras e coturnos (sandalias que buscaban diferencialo da comedia, na que se utilizaban zocos).
Os anos pasan e a Esquilo, xa vello, xúrdelle un rival: Sófocles, que introduce un segundo personaxe. Interactuando desta maneira dous personaxes e un coro, que cada vez participa menos na acción e se converte en comentarista dos feito. Chegado este momento créase o monólogo e os personaxes expresan cada vez máis libremente os seus pensamentos. Nas palabras de Nietzsche, segue a ser Dionisio, oculto tras a máscara das figuras da escena, o único heroe.
Finalmente, Eurípides completa o círculo coa súa polémica obra As bacantes. As bacantes deunos a coñecer a tradición destas sacerdotisas do deus Baco (outro nome de Dionisio, máis xeralizado en Roma), que practicaban un salvaxe rito: esnaquizaban pequenos animais vivos para comelos e bailaban espidas, excitadas e drogadas.




Este autor pon maior atención nas emocións polas que van pasando os personaxes, xa non heroes clásicos, senón persoas problemáticas e inseguras. Comezan a ser importantes mulleres, escravos e vítimas de guerras, que seguen os seus impulsos irracionais, e introdúcese un terceiro personaxe. Para Nietzsche, con Eurípides desaparece o dionisíaco, pero tamén Apolo: o único que queda é Sócrates e o seu diálogo platónico. O alemán considérao o gran corruptor, pois impón o optimismo da ciencia, con el o saber pasa a ser medicina universal, e o home teórico (que cre que mediante a súa racionalidade pode alcanzar verdades que lle permitan superar a dor da existencia) triunfa sobre o home tráxico (que valora máis a paixón cá razón).


15 sept 2013

A expresión das emocións en "Tristán e Isolda"


Por Ismael Orge Fernández,
2º Bach. Ciencias e Tecnoloxía, 2012-13

En Tristán e Isolda, Richard Wagner crea novos recursos expresivos para amosar a diferencia entre o mundo obxectivo e racional dos cabaleiros medievais e o mundo subxectivo e paixonal dos amantes.
Contexto
Richard Wagner foi un compositor alemán de gran importancia do séc. XIX que renovou a ópera e influiu intensamente nas xeracións posteriores. Estivo influido por outros como Weber, Beethoven, Berlioz... e incluso por filósofos como Schopenhauer e Nietzsche, cos que mantivo relación de amizade.
Algunhas das súas obras máis importantes son: Os mestres cantores de Núremberg, Tristán e Isolda e O anel do Nibelungo.
Debido á influencia de Schopenhauer e certas condicións persoais, Wagner acolleuse a unha visión profundamente pesimista da condición humana, que mantivo ate o final dos seus días. Tamén aceptou a idea de que a música, segundo Schopenhauer, é a arte por excelencia e é a expresión directa da esencia do mundo.

Renovación da ópera
Desta forma, aínda que nun principio realizou algunhas obras propias do Romanticismo, pronto desenvolvería unha nova concepción da ópera. O noso compositor defenderá a idea de que a máxima obra de arte total e da ópera é o drama, o cal debería ser unha unión de tódalas artes (música, danza, teatro, poesía...) nun todo homoxéneo cun propósito de expresión común. Oponse á ópera realizada ata entón pola súa comecialidade e pola concepción da voz humana coma un instrumento máis, cando debería ser empregada para expresarse a través das palabras e así dotar dun argumento sólido á obra, sendo inseparabeis os conceptos de músico e poeta (o denominado conto falado).
Ao longo da súa obra, Wagner mostrará un claro interese pola cultura e mitoloxía grega, como se pode ver no seu concepto de drama, que aparecerán en moitas das súas obras. Non obstante, máis adiante irá aparecendo un certo nacionalismo nas súas obras, dando preferencia aos mitos xermanos por enriba dos demais. Este nacionalismo xunto cun antisemitismo crecente, foron os causantes do cese de relación co filósofo Nietzsche, ademais dun crecente ensalzamento dos motivos cristiáns.

Novos recursos expresivos
En canto á súa linguaxe musical, Wagner emprega técnicas que serán antecedentes de movementos posteriores como o Expresionismo e mesmo da música contemporánea, como son o cromatismo ou o uso de acordes extranos á tonalidade.
Un exemplo claro no que podemos apreciar estes recursos é na obra Tristán, onde o autor realiza unha contraposición entre o mundo da guerra, da honra medieval no que se encontra Tristán antes de coñecer a Isolda e o mundo dos sentimentos, do amor que supón a exaltación mesma das emocións e que aparece tras beber os protagonistas o filtro de amor.
Esta contraposición realízaa mediante a identificación do primeiro mundo citado, o mundo racional, co diatonismo mentres que o segundo, o sentimental, é identificado co cromatismoPorén, Wagner non realiza un cambio directo entre un e outro mundo senón que vai realizando paulatinamente os cambios.
Unha técnica destacable en Wagner é o Leitmotiv (motivo condutor), que consiste en asociar motivos musicais con conceptos abstractos, personaxes, cousas... permitindo unha maior expresión e transmisión de ideas na obra. Por exemplo, en Tristán existe un motivo que expresa o desexo e outro motivo que representa a morte. Ambos están diferenciados claramente e empréganse varias veces no transcurso da obra para facer referencia a estes conceptos abstractos.
Ademais do citado conto falado o compositor alemán emprega tamén a forma musical de principìo a fin na que a tonalidade perde a súa función arquitectónica, quedando unicamente cunha función expresiva e permitindo así a introdución dos cromatismos.

Exemplos en Tristán e Isolda
Con este conxunto de técnicas, Wagner logra unha ópera moito máis expresiva e elaborada cá anterior, transmitindo ao expectador unha serie de ideas e sentimentos a través delas sendo Tristán a súa obra máis importante neste sentido. A súa clara expresión do mundo sentimental dos personaxes mediante o cromatismo, o emprego de motivos para facer referencia, por exemplo, á ondaxe, acordes extranos á tonalidade para dar sensación de tensión... son os recursos que fan desta ópera unha obra singular.
Cabe destacar ademais que todo isto é empregado polo autor para conseguir facer chegar ao expectador unha visión máis nítida e completa de toda a obra proposcionando, a parte do argumento propio da obra, un mundo sentimental vivo dentro dela que é profundamente explorado.



Ligazóns
Música e significado: Luis Ángel de Benito presenta un programa de análise musical en Radio Clásica. O espazo dedicado ao Tristán (e Isolda!!!) explica todo o que dicimos con moita profundidade e moitos exemplos musicais, e pode oirse e descargarse online.

Yolanda Sarmiento: Blog desta profesora de Harmonía, Análise e Fundamentos de Composición do Conservatorio Profesional de Música “José Castro Ovejero” de León (España), onde se analiza o Acorde Tristán.