Mostrando entradas con la etiqueta A onda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A onda. Mostrar todas las entradas

8 abr 2016

CHARLAS "A luz" 2 - A luz nas distopías so s. XX

2ª Sesión: Feliz mundo novo, A onda, 1984
Se algo non existe na linguaxe, non podemos pensalo.

Hoxe estamos sete persoas para facer a nosa exposición: Patricia, Rosa, Lorena, Laura Míguez, Ana, Laura Rodríguez e Irene. Falamos, dentro do tema de A luz, sobre Utopía e Distopía; moitas das novelas que temos na listaxe de lecturas e películas de 1º Bach. pertencen a este xénero e utilizan recursos como presentar ambientes luminosos ou escuros para diferenciar os aspectos positivos e os negativos das sociedades que describen.


Patricia, Rosa e Lorena comentan a novela de Aldous Huxley Feliz mundo novo. Nunha situación futurista hai unha sociedade na que a xente nace por clonación e vive dividida en castes: Alfas, Betas... As persoas están contentas co que son e coa súa forma de vida, pero isto é a costa da súa individualidade; un exemplo é a hipnopedia: desde que son bebés, cando están durmindo, unha cinta magnetofónica repítelles milleiros de veces que a súa caste é a mellor e que non lles gustaría pertencer a outra. Durante o día todo aparenta ser feliz e luminoso pero, pola noite, vemos aparecer o lado escuro e opresivo desta sociedade.


Nun instituto, na clase de historia, un profesor decide facer un experimento coa clase porque cren que non sería posible que se repetise o nazismo. Vístense todas/os igual, de gris e branco, inventan un saúdo e só falan entre a xente do grupo, que chaman A onda. Ao pouco tempo comezan a mellorar os resultados nos deportes e nos exames, pero tamén as actitudes violentas e discriminatorias. Laura Míguez preséntanos a Karo, que é unha rapaza consciente e crítica e que manifesta a súa oposición a través das cores e o vestido: pon roupa vermella e chamativa e mantén a súa opinión aínda que a clase a rexeite. Pero... como acaba todo? Para sabelo teredes que ler o libro ou o cómic, ou ver a película.

1984 foi unha novela que introduciu conceptos, imaxes e metáforas que xa son parte da nosa cultura, coma o Irmán Grande e a neolingua. Ana, Laura Rodríguez e Irene describen os recursos que resaltan a sordidez e a despersonalización desta sociedade orwelliana: a xente vestida coas mesmas roupas das mesmas cores, as rúas escuras e as pantallas de televisión que te observan en todos os lugares sen que ti poidas saber quen é esa persoa que te está observando.
O pasado reescríbese constantemente e as palabras que expresan conceptos críticos ou anovadores bórranse do idioma porque se non están na linguaxe non podes pensalos.


Imaxes

Picando nunha das fotos podes ver todas ampliadas, como tira de imaxes.



Materiais para descargar

Hoxe temos temos tres presentacións distintas, ademais do cartaz:




      



15 abr 2015

CHARLAS "Unha viaxe arredor do mundo das lecturas filosóficas" - 2

2ª Sesión: Unha viaxe ao nazismo: A onda
Cres que unha ditadura non é posible hoxe?

Hoxe charlamos sobre a película A onda. O que comezou como unha experiencia dun profesor norteamericano para explicarlle o nazismo ao seu alumnado acabou como un pesadelo que tivo que deter porque se lle ía das mans e que se contou en múltiples formatos: novela, película, novela gráfica...


Andrea conta os pasos que seguiu a historia:

O experimento de Ron Jones (California, EEUU, 1967)
O libro de Alvin Toffler (A terceira onda, 1979)

As películas A onda (Todd Strasser, EEUU 1981) e Die Welle (Deniss Gansel, Alemaña, 2008)
A novela gráfica de Morton Rhue con ilustracións de Stefani Kampmann (2010)

O resumo do argumento faino Alberto: un profesor crea unha organización para ensinar como sería unha ditadura. Pero o experimento vai demasiado lonxe e chégase ao fanatismo, a discriminación e a violencia.

Eva presenta os personaxes principais: Rainer Wenger (o profesor minusvalorado que quere facer unha experimento grandioso), Tim (o desarraigado que atopa un lugar na Onda), Karo (a rapaza intelixente que non se deixa manipular) e Marco (que se deixa levar en principio pero despois enfróntase á Onda).

Os personaxes secundarios explícaos Elina. León é o irmán de Karo, influenciado polos maiores; Anke é a muller de Rainer, que cre nel ao principio pero despois advírteo de que a experiencia estáselle indo das mans; Lisa é a amiga de Karo, acostumada a ser a súa sombra, e que na Onda síntese incluída; o propio grupo, que mellora nas competicións deportivas e se fai máis forte e unido, é un personaxe máis.

A continuación, Gabriel explica a materia de Autocracia. É un réxime político no que o poder é exercido por unha soa persoa. Pero o experimento, coma o nazismo, acaba convertido nun Totalitarismo, un réxime que controla todas as esferas da vida, pública e privada.
Gabriel explica tamén a actitude de Rainer ante a materia: a súa frustración pola minusvaloración do seu traballo e o menosprecio do resto do profesorado.

Finalmente, con Lois analizamos os símbolos da película: O uniforme e o xeito en que determina a conduta do grupo, a postura erguida que deben manter en clase (e, ao pouco tempo, tamén fóra), o saúdo como símbolo de identidade e, en definitiva, o xeito en que todos estes símbolos levan ao fanatismo.




Materiais para descargar

Pica nesta icona para descargar o cartaz da nosa charla:



A presentación multimedia coa que acompañamos a nosa charla é esta (podes descargala ao final):