Como adoitamos facer, despois de recoller datos e analizar elementos pasamos a facer unha interpretación. Na primeira charla sobre Alicia vimos quen eran Carroll e Alicia, na segunda estudamos os personaxes e hoxe finalizamos preguntándonos polo sentido deste conto como metáfora da adolescencia e o xardín como o desexo que impulsa a Alicia cara a madureza. Para o primeiro vannos guiar Aroa, Paula e Laura Castro e para o segundo Antía, Laura Cobián, Alicia e Lucía. .
Laura Castro introduce o tema. A nosa protagonista é unha moza de 12 anos, cando se produce o paso da infancia á idade adulta. Este paso non é repentino senón que dura un tempo no que pasamos moitas inseguridades, ansiedade e malestar. Xa non encaixamos no mundo das/os pequenas/os pero tampouco no das persoas maiores. Sempre somos demasiado grandes ou demasiado pequenas/os para facer tal ou cal cousa, e isto está representado no conto polo feito de que Alicia sempre é literalmente demasiado alta ou demasiado baixa para entrar por unha porta ou para coller algo que está sobre unha mesa, non ten sitio dabondo na casa (do Coello Branco) e ráchaa cando quere moverse.
É certo que temos instrucións para entrar nese mundo novo das persoas adultas: todo o mundo nos di o que temos que facer, cales son os bos modais, o que debemos facer, comer ou vestir. Pero Paula pregúntase se esas instrucións son realmente fiables. En primeiro lugar, a propia xente maior non segue as normas, como vemos na festa de non-aniversario e practicamente en todo o conto. A raíña é unha persoa caprichosa e arbitraria, o coello chega sempre tarde... E, ademais, podemos fiarnos inocentemente, e comer ou beber todo o que nos ofrezan? Como nos preguntabamos na anterior charla, debemos confiar cegamente nunha persoa que nos ofrece unhas setas estrañas mentres fuma unha cousa rara? Alicia non atopa seguridade nos consellos que lle dan e enfádase máis cada vez que fala cunha persoa adulta.
Finalmente, Aroa resume o encontro co Gato de Cheshire. Tamén víramos o día anterior que este personaxe é a encarnación das famosas galletas que se fan no Condado de Cheshire, en Inglaterra. Pero hoxe ímonos fixar en como o gato cambia o punto de vista da nena: non debe buscar un camiño no mundo exterior a ela, senón mirar dentro de si e pensar a onde quere chegar. Na segunda parte desta mesma charla volveremos sobre este punto, polo que Aroa nos le o fragmento para que o lembremos ben:
Alicia: Poderíasme indicar cara a onde teño que ir desde aquí?
Gato: Iso depende de onde queiras chegar.
Alicia: A min non me importa demasiado onde.
Gato: Nese caso, da igual cara a onde vaias.
Alicia: Sempre que chegue a algunha parte.
Gato: Ouh! Sempre chegarás a algunha parte, se camiñas o bastante.
Nada máis entrar no Submundo, Alicia ve un xardín a través da fechadura dunha portiña. Esta imaxe será o que a impulsará ata o final do relato, cando por fin chegará a el, e Laura Cobián interprétaa como un símbolo da vida adulta, albiscada na infancia como un lugar marabilloso, ao que se quere chegar pero que sempre é distante e difusa.
Para atopar o xardín, a protagonista terá que pasar por unha transformación do seu corpo, no que se atopa incómoda e que descoñece. A chave e a fechadura son xa en si símbolos tanto dos xenitais e do coito como da curiosidade infantil, xa que moitas/os nenas/os espreitaban a vida íntima das persoas maiores polo buraco da porta cando non había chavíns coma os de agora.
Antía comenta tamén a parte das emocións e as actitudes. A rapaza terá que nadar nun mar de bágoas (quen non o fixo na adolescencia?), participar nunha carreira, esnaquizar a casa do Coello Branco, falar cunha eiruga, coller un porco no colo… Así é como a nena se representa as cousas que fai a xente maior: a competitividade, as relacións con persoas estrañas que lle daban medo de pequena, a maternidade e o coidado dos bebés...
Lucía comenta o apartado das relacións sociais e incluso políticas, a rutina diaria do té das 5 e as normas de boa conduta, o trato con persoas odiosas como a Raíña de Corazóns, caricatura da raíña Vitoria, e o desfile interminable de persoeiros políticos que medran e medran só para ver como un bo día van e lles cortan a cabeza...
Cando a coitada Alicia se ve finalmente no lugar ao que tanto quixo chegar descobre que non é ningún paraíso, e cando se ve atacada polos naipes non pode soportalo máis, entra en angustia e, como sucede nos soños, esperta e decátase de que todo era imaxinación e realmente está deitada nun campo, doce e morno.
Para resumir en que consiste todo este cambio cara á vida adulta temos con nós a... A PROPIA ALICIA! Impresionante! A mesmísima Alicia (Ojea) vainos explicar o diálogo co Gato Risón, que xa lera Aroa na primeira parte da charla, en base aos conceptos de Autonomía e Heteronomía: Alicia pregúntalle ao gato que camiño debe tomar. Esta é a actitude infantil de facermos o que nos din, comportándonos heteronomamente xa que non tomamos as nosas propias decisións.
O gato contéstalle que para saber por onde ir ten que decidir a onde quere ir: Alicia, como persoa adulta, ten que coñecer o seu desexo, decidir os medios para acadalo e, unha vez tomada a decisión, poñela en práctica. Nisto consiste a autonomía que caracteriza a vida adulta. Como xa dixemos, a rapaza non está aínda preparada para isto, polo que acaba finalmente entrando en angustia e regresando á súa situación actual, no paraíso (este si seguro – polo de agora) da infancia.
Con isto acabamos a serie de tres charlas sobre Alicia no País das Marabillas, pero aínda queda unha máis na serie sobre Os contos, na que comentaremos algúns dos relatos utópicos e distópicos que lemos en 1º Bach. Picando nas imaxes podedes ver o cartel da charla de hoxe e as dúas presentacións, e máis abaixo tedes, coma é habitual, unhas fotos do encontro, Invitámosvos a arrumbar con nós as mesas e cadeiras da biblioteca e deixalas na distribución habitual para lectura e traballo:
Cretos: birminghamteacher.wordpress.com (Alicia - Imaxe estirada), www.abc.es (Alicia - Cartas), www.istockphoto.com (Árbores), coub.com (Gato), it.chili.com/ (Setas), laestanteriadeefren.blogspot.com (Xardín).
No hay comentarios:
Publicar un comentario