Mostrando entradas con la etiqueta Feminismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Feminismo. Mostrar todas las entradas

7 ago 2019

As mozas son de ciencias, por Lucía Rodríguez Rivas

Resumo, escolma e comentario do libro Las chicas son de ciencias - 25 Científicas que cambiaron el mundo, de Irene Cívico e Sergio Parra con ilustracións de Nuria Aparicio, por Lucía Rodríguez Rivas (1º Bach. CC-Tec, 2018-19).

Este libro fálanos de mulleres científicas que descubriron e fixeron moitas cousas, aínda que non son tan coñecidas como os homes, e conta con fermosas ilustracións.
Hai mulleres de varias épocas, aínda que os falarei das dos séculos XVIII e XIX.
Entre as científicas máis destacadas destes séculos podemos atopar a Caroline Lucretia Herschel, que é a única do século XVIII e era astrónoma. Do XIX podemos atopar a Henrietta Leavitt (astrónoma), Mileva Maric (física), Margaret Sanger (enfermeira), Emmy Noether (matemática), Beulah Louise Henry (superinventora) e Inge Lehmann (sismóloga).
Agora pasarei a falar un pouco dos logros de catro delas.


A miña escolma
Caroline Lucretia Herschel: Primeira astrónoma en descubrir un cometa. Ela observaba o ceo co seu irmán, pero máis tarde, cando el casou, comezou a observalo pola súa conta. Ela foi a primeira muller en atopar un cometa. Atopouno o 1 de Agosto de 1789 e foi descrito como "o primer cometa feminino".

Mileva Maric: Gran física á sombra de Einstein. Grazas a cartas que se escribía con Einstein sabemos que el consultaba todos os seus asuntos científicos con ela, e entre os dous desenvolveron varias teorías. Pero todo o mérito ía para Einstein aínda que traballaban á par.

Emmy Noether: Foi a matemática máis importante da historia. Ela traballaba como profesora e os seus alumnos a admiraban. Tamén resolveu ecuacións matemáticas que hoxe en día son básicas na física.


Inge Lehmann: Era unha sismóloga. Grazas a ela sabemos que o centro da Terra é un núcleo sólido. Descubriu o que hai realmente no centro da Terra.

Valoración
Finalmente pasarei a dar a miña opinión.

Eu considero que é un libro moi interesante e que é unha maneira de dar a coñecer ás chicas científicas. Considero que é importante dar a coñecer a estas mulleres, xa que non son coñecidas e dámoslles todos os méritos aos homes, pero en realidade no é así. Creo que esta inxustiza é debida ao machismo que existía hai tempo, que era maior có da actualidade, e por desgracia, ao non darse a coñecer na súa época, agora non as coñecemos. Temos que investigar máis para atopar a información destas mulleres.

Referencias e materiais
O libro Las chicas son de ciencias - 25 Científicas que cambiaron el mundo está na biblioteca do Floriani, con nº de rexistro 4432 e sinatura 82-C:141.72/CÍV/chi.
Sabes que significa a sinatura 82-C:141.72 na nosa biblioteca? - Cómic feminista! Se queres botarlle unha ollada á nosa sección de feminismo en banda deseñada, pica nesta ligazón.

O sitio web mujeresconciencia.com é moi interesante. Picando na figura da dereita accédese a unha páxina de ligazóns onde se poden atopar as biografías das 25 mulleres das que trata o libro, e moitas cousas máis.

A compañía Luana Games ten unha páxina con materiais descargables, coma un xogo de simulación de granxa e unha baralla de cartas sobre mulleres na ciencia. Picando nesta ligazón podes acceder á páxina do vídeo xogo, e picando na imaxe da esquerda podes descargar o PDF coa versión imprimible da baralla de cartas.

Imaxes: mujeresconciencia.com (Editorial), luanagames.com (Mulleres en ciencia).


5 ago 2019

Lou von Salome e Nietzsche, por Iñaki Míguez

Este post está feito a partir dun traballo de Iñaki Míguez (1º Bach. CT, 2018-19) baseado no libro As mulleres na Filosofía, de Inés Fernandez Buján. Iñaki distingue tres aspectos:
a construción do feminino na filosofía de Nietzsche,
a importancia da figura de Lou von Salome e
por que esta autora non tivo o recoñecemento que lle corresponde.

O feminino na filosofía de Nietzsche
A obra de Nietzsche está chea de observacións e comentarios misóxinos. A muller é o xénero débil, decadente e reactivo, que necesita a acción do varón para actuar en resposta a ela. Gústalle ser sometida e utiliza a súa astucia para enganar ao home. En troques, o varón é o xénero poderoso que ten que someter a muller e protexela.
Poderíamos dicir, xogando a facer psicanálise barata, que esta visión está influenciada pola experiencia persoal do autor, que viviu unha infancia na que se mesturaba a ausencia de figuras masculinas (seu pai, pastor protestante, morrera sendo el moi novo e na súa familia había soamente mulleres) cun ambiente moi relixioso e moi represivo. Nietzsche mesturaría todos estes feitos e culparía indiscriminadamente ás mulleres e ao cristianismo de todas as falsidades.
Pero hai máis: do mesmo xeito que en toda a súa obra critica a visión do mundo ofrecida polo Romanticismo, que despreza o carácter e a individualidade de cada persoa fronte aos do grupo, tamén denuncia a imaxe arquetípica que dan da muller Goethe e outros autores, o eterno feminino, un ideal da beleza, da bondade resignada e da entrega ao fogar, chea de prexuízos sentimentais. A imaxe representa a Fausto e Mefistófeles xogando ao xadrez baixo a mirada do Eterno Feminino, a quen acabará correspondendo facer a última xogada da partida.
Para Nietzsche a muller, como individuo, non tería que ser (en palabras de Derrida) necesariamente castrada ou castrante, senón que podería ser afirmativa. A importancia da educación da muller, poñendo o embarazo como centro de todas as súas aspiracións, deixa entrever tamén a posibilidade de que ela desenvolva, en caso contrario, un carácter creativo.
Ao non ser reprimida pola educación, a muller podería desenvolver a súa individualidade sen diferenzas de dereitos co varón. Cabería, xa que logo, unha lectura feminista de Nietzsche, aínda que fose por inversión, xa que a inferioridade da muller non sería, entón, natural, senón que estaría inducida pola educación.

Lou von Salome
En canto a Lou von Salome, coñecida como Lou Andreas-Salome tras o seu matrimonio con Carl Friedrich Andreas, foi unha muller moi influente durante o século XIX e posteriores. Inés Fernández agrupa a esta filósofa e escritora rusa nun segundo grupo de mulleres independentes (como Mary Wollstonecraft, cuxo post podes ver picando nesta ligazón), despois das primeiras que destacaron na Ilustración e que foron en moitos casos brutalmente reprimidas (Olympe de Gouges sería un exemplo) e antes doutras, xa do s. XX, que tematizaron este movemento feminista (como Virginia Woolf ou Simone de Beauvoir).
Compartiu traballo con varios dos persoeiros máis recoñecidos da cultura e a ciencia de finais do século XIX e principios do XX, como Nietzsche, Freud, Rilke entre outros, aportando moito ás súas obras e, de feito, foi a autora de varios dos escasísimos artigos que se escribiron en vida de Nietzsche sobre o seu pensamento, xa que foi un autor maldito a quen toda a comunidade filosófica pretendeu ignorar. Desenvolveu algúns conceptos sobre a psicoloxía da muller, tema que o propio Freud consideraba necesario que fora explicado por mulleres formadas na psicanálise, pero foi tamén crítica fronte a algúns conceptos freudianos.

A falta de recoñecemento
A imaxe que acompaña estas palabras é unha das poucas fotografías que se conservan de Nietzsche. Utilizarémola para ver a realidade dunha relación que a historia terxiversou.
Lembremos que Nietzsche propuxéralle matrimonio á autora rusa, rexeitándoo ela con gran descalabro do filósofo, e tomando como amante a Paul Rée, o amigo de ambos, terceira figura da imaxe. Nietzsche escribira o aforismo Vas con mulleres? Non esquezas o látego, pero Inés Fernández chama a nosa atención sobre o feito de que, en realidade, é ela quen o leva na man. Isto pode ben tomarse como unha metáfora do que a historia adoita facer: prestar atención ás palabras dos varóns mentres que as accións das mulleres, frecuentemente máis consecuentes e fértiles, son agochadas e esquecidas.
Lou von Salome case non é recoñecida ata hai relativamente pouco, a sociedade era tremendamente machista e todo rastro feminino era eliminado, xa que non era desexado nesas épocas. E este non foi o único caso, tamén hai moitos outros, como cada vez mostran máis claramente as investigacións, aínda que durante máis de catro mil anos da historia humana só se recoñecese aos homes.

Materiais e fontes
A base deste ensaio é a obra de Inés Fernández Buján As mulleres na Filosofía, Baía edicións, A Coruña 2006, ISBN 84-96526-48-8. Témolo na biblioteca do Floriani, con nº de rexistro 13623 e sinatura 1(03)-FER-mul.
Entre as páxinas consultadas recomendamos este profundísimo estudo da relación de Lou von Salome con Freud: Vida y obra de Lou Andreas Salome: una aportación al estudio psicoanalítico de la feminidad (Tese de doutoramento de Pilar García Pardo, Universidade Complutense de Madrid).
Ver tamén en A vella na cova... Mary Wollstonecraft, por Sheila Cadenas.

Imaxes tomadas de de10.com.mx (Lou von Salome e Nietzsche), revistamito.com (Fausto, Mefistófeles e o eterno feminino), mirfaces.com (Lou von Salome), ep01.epimg.net (Lou von Salome, Nietzsche e Paul Rée) e baiaedicions.gal (As mulleres na filosofía).


3 ago 2019

Mary Wollstonecraft, por Sheila Cadenas

Biografía e comentario a partir da obra As mulleres na Filosofía, de Inés Fernandez Buján, por Sheila Cadenas Amoedo (1º Bach. H-CCSS 2018-19)

Mary Wollstonecraft naceu en Inglaterra no ano 1759. Na súa xuventude tivo que traballar como institutriz, dama de compañía... entre moitas outras profesións para poder sustentarse. Foi unha muller autodidacta que se iniciou no mundo da escritura con ensaios; o tema que trataba neles era a preocupación pola ensinanza da muller.
En 1792 realiza unha viaxe a Francia para vivir na súa pel os acontecementos da Revolución Francesa. Tanto nese país estranxeiro coma no seu país de orixe, relacionase con diferentes persoeiros como o pintor e poeta William Blake, o filósofo Richard Price…
Tivo unha filla sendo nai solteira con un norteamericano ao que coñeceu en Francia. Anos despois, en 1797, casa cun filósofo inglés: William Godwin, con quen tendrá outra filla. Esta rapaza será coñecida como Mary Shelley (nome de casada) e será autora do Best-seller Frankenstein.
Tras o nacemento da súa segunda filla falecerá debido ás complicacións do parto.
En canto á súa produción profesional, debemos destacar a publicación da súa primeira obra: Pensamentos sobre a educación das fillas. Nela recolle ideas de Rousseau e de Locke e denuncia a situación da muller, subliñando a dificultade de introducirse na sociedade debido á deficiente instrución que recibían naquela época.
Cun pseudónimo masculino, en 1788, publica uns contos infantís nos que critica a actitude parental e reivindica que o ensino non depende do sexo.
En 1790 publica Vindicación dos dereitos do home, no que relaciona os acontecementos da revolución inglesa coa francesa e critica ao filosofo Edmund Burke; nesta obra reclama a igualdade fronte a moitos dereitos, especialmente o sufraxio universal.

Vindicación dos dereitos da muller (1792)
Trátase dunha obra de temática político-filosófica e foi escrita nun período revolucionario, entre a Declaración de Independencia americana e da Declaración dos Dereitos francesa. Pódese clasificar esta obra como a fundamentación do pensamento feminista pois nela Mary amosa que a igualdade das mulleres, tanto política como social, é un dereito natural.
Mary utiliza unha comparación entre o sistema político do antigo reximen coas relacións que se manteñen entre os sexos. O absolutismo monárquico é comparable ao control que o home exerce sobre a muller, e esta situación úsase despoi como argumento para probar que é un ser inferior naturalmente. Este factor tamén lles serve para excluílas de calquera decisión, do dereito á cidadanía...
Mary Wollstonecraft, nega que as virtudes estean dadas polo xénero e propón unha educación universal. A autora, di que é a educación quen fai diferentes as persoas. É debido a isto que Mary discute con Rousseau pola súa obra Emilio, onde se di que as mulleres unicamente deben estudar para ser boas nais e boas esposas. Wollstonecraft perde toda admiración por Rousseau porque, pese a que lle convencen as súas ideas para romper co pasado, esta disposto a seguir denigrando a muller. É por isto polo que este autor aparece citado múltiples veces na súa Vindicación.
A nosa autora ía mais ala do pensamento comunmente feminista; nesta obra diríxese ao ministro Talleyrand e recrimínalle o feito de que a educación publica excluíse as mulleres e que soamente se lles permitise estudar na casa, cunha educación coa que ela non estaba de acordo.
Mary, nas súas obras, impulsa as mulleres a superar esta situación. Na Vindicación dío con estas palabras:

“...porque non desexo que as mulleres teñan poder sobre os homes senón sobre si mesmas.”

Esixe unha educación igualitaria e mixta onde as mulleres poidan aprender, de igual maneira que os homes, a realizar actividades remuneradas e poder ser independentes sen ter necesidade de recurrir ao matrimonio para poder subsistir.
Tras a morte de Mary Wollstonecraft seu marido, rendéndolle homenaxe, publicou cartas, obras...etc. Pouco despois, el mesmo, escribiu unha biografía dela onde expuña sen tapuxos toda a súa vida e os seus cambios personais e intelectuais. Debido á polémica que suscitou esta obra (que o seu marido non esperaba), toda a obra de Mary quedou eclipsada. A autora Virginia Woolf e o movemento feminista redescubriuna e, grazas a isto, Mary gañou o xusto recoñecemento como pioneira feminista que ten hoxe.

Materiais e fontes
Para a elaboración deste ensaio consúltáronse varios sitios en internet pero a base é a obra de Inés Fernández Buján As mulleres na Filosofía, Baía edicións, A Coruña 2006, ISBN 84-96526-48-8. Está na biblioteca do noso centro, con nº de rexistro 13623 e sinatura 1(03)-FER-mul. A autora naceu en Barcelona e actualmente reside en Vigo onde é profesora de filosofía.

As imaxes están tomadas de mujeresconhuella.blogspot.com (Mary Wollstonecraft), Wikipedia (Vindication of the rights of women) e baiaedicions.gal (As mulleres na filosofía).