31 ago 2020

Xerminal: Unha película para explicar a filosofía de K. Marx

Neste post analizamos a película Xerminal, de Claude Berri a partir da novela de Émile Zola, para explicar a época e algúns conceptos da filosofía de K. Marx (1818-1883).
Traballo realizado por Aroa Alonso, Paula Alonso, Zeta Blanco e Carla Piñeiro (2ª Bach. Humanidades e CC Sociais 2019-20). Os textos de Marx, que son basicamente os seleccionados pola CiUG para a proba ABAU de 2020, están lixeiramente adaptados.
AVISO DE SPOILERS: Por favor, mirade a película antes de ler este post.

Argumento
Étienne Lantier, un home novo (21 anos na novela, algo máis na película), chega, chega ás instalacións mineiras de Le Voreux en busca de traballo, xa que el perdera o seu ao pechar a súa empresa, coma moitas outras neses tempos. Preguntando á xente coñece un home ao que chaman Boamorte, quen lle di que está perdendo o tempo ao buscar traballo alí. Despois de preguntarlle a varias persoas, Lantier por fin consegue un posto nas minas grazas a Maheu, o fillo de Boamorte. Co paso do tempo, o rapaz vai percibindo as pésimas condicións laborais, onde nenos, mulleres e homes están sometidos a esforzos sobrehumanos con salarios reducidos. Lantier maniféstalle aos seus compañeiros os seus pensamentos contrarios ás condicións laborais e así, polo seu empeño, comeza unha serie de folgas que serán un completo fracaso, pero tamén un gran paso na loita por un mundo mellor. Finalmente, as persoas volven a traballar nas minas pero ten lugar un atentado nas instalacións que causará moitas mortes e Lantier decide marchar e empezar a súa vida noutro lugar.

Alienación
O traballador non se afirma no seu traballo, senón que se nega, non se sente ben, senón infeliz, mortifica o seu corpo e estraga o seu espírito. O seu traballo non é voluntario, senón obrigado, traballo forzado. É un traballo de autoinmolación, de mortificación. Non é o seu propio traballo, senón o doutro, non lle pertence, e no traballo non se pertence a si mesmo, senón a outro. K. Marx, Manuscritos económico-filosóficos (1844).
Para o proletariado o seu traballo non é relevante como tal, o que queren é sobrevivir. Ante a situación tan grave de pobreza, o único que lle importa á clase obreira é poder gañar diñeiro para chegar á seguinte semana. Lantier crea unha asociación obreira e un fondo de resistencia para conseguir unidade e forza.
A vida dos traballadores non vale nada. No minuto 58:00 vemos o “escaso coidado cos entibados” (as vigas de madeira que suxeitan o teito das galerías) pero a empresa desenténdese: anuncian que terán que facelos en horas extra que non se lles pagarán, e haberá unha multa que se lles deducirá do salario. O capataz (1:10:00) dilles que deben asumir as novas condicións se queren evitar a quebra e a perda dos seus traballos, xa que manter a industria mineira é moi difícil.
Os traballadores son seres humanos alienados entre si e non se tratan fraternalmente senón como inimigos. Nun principio os mineiros da mina máis próxima, chamada Jean-Bart, apoian a folga dos de Le Voreux (1:19:00) pero finalmente traizóanos xa que teñen mellores condicións e salario e teñen medo de perder iso que lles parece un privilexio. Lantier e a súa xente deciden ir a Jean-Bart e provocar fortes disturbios en lugar de loitar contra os seus verdadeiros inimigos, os burgueses.
A alienación fronte á natureza vémola na contaminación do aire e a terra, no maltrato aos animais e nos accidentes e as enfermidades como a silicose que causan a morte na mina. Na primeira escena (5:30), por exemplo, Boamorte tuse ata cuspir carbón; en 25:40 vemos como empregan e explotan cabalos para facilitar o traballo de carga ata rebentalos. No 37:30, móstrasenos un plano completo da mina de carbón, no que observamos a cantidade de gases que son emitidos á atmosfera.

Ideoloxía
A totalidade das relacións de produción forma a estrutura económica da sociedade, a base real sobre a cal se ergue unha superestrutura xurídica e política, e á cal corresponden determinadas formas da consciencia social. O modo de produción da vida material condiciona o proceso da vida social, política e espiritual.
Nunha certa etapa do seu desenvolvemento, as forzas produtivas materiais entran en contradición coas relacións de propiedade, no seo das cales se tiñan ata aí movido. De formas de desenvolvemento das forzas produtivas, estas relacións convértense en ataduras das mesmas. Sobrevén así unha época de revolución social.
K. Marx, Para a crítica da economía política (1859).
As novas circunstancias económicas e sociais do capitalismo propiciaron o nacemento de ideoloxías e movementos protagonizados pola clase obreira. Ao longo do século XIX fóronse xestando reflexiones intelectuais que puñan en evidencia e criticaban as contradicións do proceso de industrialización e as súas inxustizas. Xurdiron iniciativas reivindicando o igualitarismo e a solidariedade. Na película revélanse tres posturas que caracterizan o modo de pensar e ver a situación dos traballadores, especialmente cando empeza a folga:

       O anarquismo, reflectido por Souvarine, un obreiro maquinista; aparece sempre nunha mesa ao fondo da cantina lendo un periódico chamado Nin Deus nin amo. É un admirador de Bakunin e partidario da acción directa dirixida contra a mina ao final da folga. E é quen leva a cabo a sabotaxe na mina para facer que se inunde, e o que increpa a Lantier para que non vaia traballar.
       O reformismo sindicalista de Rasseneur. As discusións ideolóxicas con Etienne (socialista) e Souvarin (anarquista) teñen lugar na súa cantina. Rasseneur, que antes traballara na mina, fala da A.I.T., creada en Londres, que está crecendo, e á que é necesario afiliarse, acepta a organización dos obreiros en defensa dos seus intereses pero rexeita a revolución.
       O socialismo, representado por Lantier, picador da mina que toma conciencia da miseria e da inxustiza que sofren los obreiros, e expresa a necesidade de organizarse, de crear unha asociación obreira e unha caixa de resistencia. Algúns dos seus comentarios son: ante a unidade dos obreiros os patróns claudicarán, hai que construír un mundo novo e máis xusto, depende de nós que todo cambie. Na película móstrase debaixo del unha imaxe de Deus dicindo A tiranía do capital mátanos de fame. Ao final convértese no líder obreiro.

Polo que a película móstranos que cada persoa ve a sociedade e a explica en función dos seus intereses e, ademais, que a burguesía é incapaz de comprender o punto de vista da clase proletaria. Como di Marx, as ideas dunha sociedade (leis, ciencia, relixión, arte...) son consecuencia do reparto inxusto do traballo e a riqueza, cada persoa tende a crer o que lle beneficia na loita de clases pero, ao mesmo tempo, a ideoloxía da clase dominante imponse á clase dominada, que a acepta mentres esas leis e ciencias faciliten o funcionamento da economía; porén, cando a situación madurece e a clase dominada arrebata o poder á dominante, a ideoloxía cambia por si mesma para adaptarse á nova realidade.

Plusvalía
Por outra banda, emporiso, restrínxese o concepto de traballo produtivo. A produción capitalista non é simple produción de mercancías, é esencialmente produción de plusvalía. O traballador non produce para si, senón para o capital. A prolongación da xornada laboral alén do punto no que o traballador ten xa producido un equivalente do valor da súa forza de traballo e máis a apropiación desta plusvalía polo capital: iso é a produción de plusvalía absoluta. A xornada laboral está dividida de antemán en dúas partes: traballo necesario e traballo engadido. Para prolongar o traballo engadido acúrtase o traballo necesario por métodos mediante os cales o equivalente do salario é producido en menos tempo; a produción da plusvalía relativa revoluciona por completo os procesos técnicos de traballo. K. Marx, O capital (1867).
A fonte de explotación no capitalismo é o salario pois o valor que o traballador incorpora nas mercadorías que produce non é recoñecido no salario que recibe. O traballador é contratado para producir pero convértese nunha mercadoría máis xa que o que se contrata non é o traballo efectivo senón a capacidade para traballar do traballador. Relacionando isto coa teoría do valor-traballo podemos dicir que para Marx o valor dun ben ou servizo está determinado pola cantidade de traballo socialmente necesario para producilo, en lugar da utilidade que lle atope o propietario.
Na súa obra O capital Marx analiza fenómenos económicos como a natureza do diñeiro e a acumulación do capital. O argumento central da película é a loita dos burgueses contra os obreiros para irse apropiando dunha parte cada vez máis grande dos seus salarios (como no caso do entibado). Partindo da teoría de que o valor dunha determinada mercadoría é igual á suma de traballo que foi necesario para producila, Marx chega á conclusión de que o proveito do empresario é a parte de traballo que non paga ao obreiro, é dicir, a plusvalía, que, segundo Marx, era o que determinaba a rápida concentración da riqueza en mans do empresario.
Na película vense estas dúas características da distribución da riqueza e o traballo propias, como Marx explica, dunha sociedade capitalista:
  • En primeiro lugar, toda a riqueza que produce a mina divídese en dúas partes entre as que existe un profundo contraste: o que produce non posúe nada e o que non traballa teno todo. A familia Hennebeau, donos da mina, un grupo dunhas 7 persoas varias das cales non traballan, gozan da riqueza e o progreso, mentres os obreiros apenas gañan suficiente para viviren ao día.
  • Pero é que, ademais, a empresa segue na loita para aumentar esa desproporción, hai cada vez máis traballos que a empresa non quere pagar, e esixe aos mineiros que os fagan gratis e fóra de horas de traballo, como veremos no caso do entibado.
As condicións de traballo na mina de carbón Le Voreux son moi duras. As xornadas laborais son dende que amence ata que saen das minas pola tarde-noite.
O salario dos obreiros é de 30 céntimos ao día, apenas o suficiente para chegaren ata a seguinte paga, ao final da semana, a pesar das longas xornadas de traballo. A súa comida é moi mala e as familias teñen que mendigar e pedir comida e roupa aos burgueses (Maheude, a muller de Maheu, vai pedir á casa dos Hennebeau ou ao panadeiro). En cambio os burgueses só teñen que preocuparse de obter o suficiente proveito dos traballadores. Gozan de ceas con saborosos xantares (marisco, faisán), boa vestimenta, mansións e terras, etc.
Os riscos laborais son enormes, non teñen protección ningunha fronte á silicose (pequenos anacos de carbón que van entrando nos pulmóns e non se eliminan ata que a persoa non pode respirar e morre) e carecen de cobertura social (sanitaria, invalidez, pensións, etc.): un fillo de Maheu rompe unha perna na mina e apenas pode ser atendido en condicións; ao avó da familia de Maheu quérenlle quitar a pensión porque din que está tolo. Os burgueses, pola súa parte, non baixan á mina, só o enxeñeiro Paul Négrel, que por outra parte é tamén un asalariado, baixa algunha vez para inspeccionar o entibado ou supervisar algún traballo.
Páganlles por vagoneta de carbón pero na película cóntase como a empresa decide arbitrariamente non pagar polo entibado (a colocación das vigas que sosteñen as galerías, das que depende a seguridade dos mineiros): Como era tan pouco o que lles estaban pagando por isto, facíano mal e sufrían numerosos accidentes. Cando isto sucedía, poñíanlles unha multa, descontándolles unha parte do salario. Pero finalmente a empresa deixa de pagar o entibado e ordena que se faga fóra das horas de traballo. Do mesmo xeito, tamén lles descontan os días festivos non traballados.
As mulleres e os nenos da burguesía non traballan, ás veces fan caridades pero outras, como no caso da Sra. Hennebeau, a súa vida está dedicada aos festíns e o coqueteo. Os mineiros empezan a traballar a unha idade moi temperá, aproximadamente aos 9 anos, e deixan de traballar cando son moi vellos ou teñen algún tipo de enfermidade grave. As mulleres como Catherine teñen que traballar tamén na mina para axudar a chegar ata a próxima paga, ademais de ocupárense das tarefas domésticas.
  • Todos os anteriores casos son exemplos de plusvalía absoluta. Quere dicir que para que o empresario se enriqueza, decide prolongar o tempo de traballo do obreiro e reducir o seu salario (traballo engadido sobre o tempo necesario).
  • A plusvalía relativa consiste en que os burgueses incrementan os seus beneficios mediante a industrialización e a substitución de persoas por máquinas. Aínda que a maquinaria da mina é moi avanzada para a súa época, os mineiros non teñen moitas ferramentas e as que teñen son moi simples (picos e pas). Utilizan vagóns para transportar o carbón. As minas están compostas por túneles subterráneos aos que acceden por medio do ascensor. Os túneles teñen uns raís por onde se moven os vagóns que van para calquera dirección. A actividade da mina baséase en que todos teñen sempre algo que facer, picar, etc. Nunha escena da película un señor comenta que noutras empresas mineiras están máis avanzados en maquinaria e industrialización, polo que incrementan a produtividade do traballo dun traballador e así as gañanzas da empresa. A longo prazo, este fénomeno levou á revolución industrial e a diferentes formas de organizar o traballo (tecnolóxico, en cadea,...), pero tamén a crear agrupamentos sociais, como sindicatos de traballadores e a propia A.I.T.

Situación da muller
Para o burgués, a súa muller non é outra cousa que un instrumento de produción. Oe dicir que os instrumentos de produción deben ser de utilización común, e, naturalmente, non pode menos que pensar que as mulleres correrán a mesma sorte coa socialización.Non sospeita que se trata precisamente de acabar con esa situación da muller como simple instrumento de produción.
Os nosos burgueses, non satisfeitos con ter á súa disposición as mulleres e as fillas dos seus obreiros, sen falar da prostitución oficial, atopan un pracer singular en seducir mutuamente as esposas. É evidente que coa abolición das relacións de produción actuais desaparecerá a comunidade das mulleres que delas se deriva, é dicir, a prostitución oficial e non oficial.
K. Marx, Manifesto Comunista (1848).
Ao longo da película reflíctese perfectamente unha sociedade machista, propia do século XIX. Tanto a situación laboral como a familiar das mulleres proletarias non son as mesmas cás dos homes. Algunhas de elas dedícanse completamente aos coidados da casa e da familia, como é o caso de Maheaude (nai de familia ao principio da historia); pero moitas outras compaxinan o seu traballo como mineiras e amas de casa, como o caso de Catherine, filla maior da familia. Mentres, os homes, só traballan nas minas.
No intervalo (6:30 - 8:30) observamos a mañá dun dia laboral calquera. Catherine érguese a primeira e é a encargada de espertar aos demais irmáns e de facer o xantar e almorzo para os homes da casa, que van traballar con ela. Mentres Maheaude encárgase de durmir ao bebé e de coidar ao resto dos nenos. Ademais dille a Maheau que quede cós dous céntimos que lle quedan para tomar unha xerra de cervexa, cando o resto da familia non ten nada para comer, nin pan nin café. Algo semellante ocorre no minuto 31:30, no momento que case todos os fillos rematan de comer ofrécelle ao seu marido un bo anaco de carne, exclusivamente para el.
En contraste, unha muller burguesa nun día normal ten moito tempo de lecer. Dan longos paseos en carroza, fan vida social e atenden algunhas peticións ou dan esmola a algúns obreiros. A película tamén fai referencia a outras formas de entretemento como a costura ou manter relacións sexuais a miúdo.
A función da muller burguesa é demostrar a capacidade do seu esposo burgués no lecer e no luxo; podémolo ver na comida cos prometidos Cécile Grégoire e Paul Négrel, na que a tía de Négrel, a Sra. Hennebeau fala constantemente do marisco que o seu esposo comprou, e da súa riqueza. A forma heteropatriarcal da familia burguesa está ao servizo da continuidade dos privilexios de clase, como se ve nunha das escenas na que se fala dos prometidos que nun futuro xuntarán os negocios das súas familias.
Unha señora burguesa non traballa, ordena aos criados que fagan os traballos. Viven en vivendas moi grandes, con finca e moitas habitacións, decoradas con obxectos de luxo. Teñen moi boa saúde debido á hixiene, da que se ocupan os serventes. As familias burguesas non teñen tantos fillos coma as familias obreiras, p.ex. só dous no caso dos Hennebeau. Teñen un altisímo nivel económico pois son donos, normalmente, dunha fortuna e de extensos latifundios. Nestas familias adoitaba haber relacións entre parentes como as que levan en segredo Mme. Hennebeau co seu sobriño Négrel.
Por tanto, a muller proletaria sofre dobremente os efectos da pobreza e a explotación. Pero a película parece quere dicir que a violencia contra a muller non depende da clase social, tan só toma formas diversas; por exemplo, nunha escena Chaval, un mineiro que se pon de parte da empresa para tratar de medrar, cómpralle a Catherine unha fita vermella para que se deite con el. Das mulleres presuponse sempre que estarán dispostas, ou que se lles pode obrigar a prostituírse, como o tendeiro que ofrece pan a unha das mozas que traballa na mina a cambio de sexo, sen que a ninguén lle pareza estraño. Mais tamén Cécile, a rapaza burguesa, sofre a violencia machista cando o pai de Maheu, Boamorte, a estrangula brutalmente.

Valoración e opinión persoal
A película narra claramente as penurias dos mineiros franceses do século XIX e, a súa loita contra os patróns para conseguir a dignidade laboral. Está moi conseguida esa sensación de agobio, suciedade e falta de intimidade na vida dos obreiros. Así como a falta de alimentos ou o mínimo custo destes que non poden pagar.
É unha gran película, que expresa moi ben as condicións de traballo e de vida dos obreiros do século XIX, contando ademais cun argumento xenial baseado na novela de Emile Zola. Pero está claramente infravalorada, non ten a publicidade e a fama doutras, pero sí o realismo, a emoción, o drama, o amor, a loita polo poder, desengano...
Mostra aspectos da sociedade que actualmente parécennos unha tontería, como o valor que lle dá Catherine a un lazo vermello, xa que nesa época os pequenos detalles contaban moito para atopar un bo pretendente e, a cambio do lazo Catherine sufriu abuso por parte do que sería o seu marido. Naquela época moitas mulleres sufrían abuso sexual e, hoxe en día, estes abusos son delito.
En canto á situación obreira actual comparada con antes, cambiou moitísimo xa que se por exemplo as minas ou as fábricas de hoxe en día estivesen nas condicións que estaba a mina da película pois non pasarían os controis que o goberno ten impostos para estes casos. O incremento dos salarios xa está máis nivelado coas horas de traballo de cada obreiro, se comparamos con tempos antigos houbo melloras na economía entre 1950 e 1975, aínda que era a época do franquismo.
Na actualidade xurdiu o neoliberalismo e a globalización, a explotación da película trasládase ao 3º mundo e nos países “avanzados” hai unha perda de dereitos laborais. Cabe destacar os ideais de Marx sobre a propiedade-traballo, xa que buscaba a igualdade entre proletariado e burguesía, criticando a esta última clase por aproveitarse do traballo productivo e excesivo das/dos traballadoras/os.

Traballo feito por:
- Aroa Alonso Docampo
- Paula Alonso Monteagudo
- Zeta Alicia Blanco Plaatjies
- Carla Piñeiro Nodar



26 ago 2020

CHARLAS "Tecnoloxía e ser humano" 2.3 - Manifesto Comunista

Proletarios(/as) do mundo, unídevos!

CHARLAS TECNOLOXÍA E SER HUMANO
ALERTA SPOILER: Por favor, mirade antes as películas
Jurassic World
O labirinto do Fauno
Unha mente marabillosa
O club dos poetas mortos
A laranxa mecánica
Manifesto Comunista
Para analizar esta obra clásica de K. Marx e F. Engels neste ciclo de charlas sobre Tecnoloxía e ser humano non imos pensar en casos concretos de aplicación da ciencia e a técnica senón que imos ver a tecnoloxía coma un obxecto dos que nos rodean na nosa existencia cotiá. Como tal, a tecnoloxía aparece nunha contorna social e económica e condiciona o noso xeito de vivir, de transformar o mundo para producirmos a nosa vida material e as nosas relacións con outras persoas. Nós, no traballo organizado socialmente, producimos esa tecnoloxía, da que despois se apropian determinadas persoas en virtude dunhas leis que regulan a propiedade.
A lexitimidade destas leis pódese poñer en cuestión, e neste cuestionamento Pablo Martínez e Julen Míguez seguen a argumentación de Marx e Engels no Manifesto Comunista.

Como aparece a tecnoloxía?
Marx e Engels afirman no Manifesto que a sociedade de cada época está baseada nunha continua loita entre unha clase opresora e unha clase oprimida.
Cando se escribe este libro, para dar a coñecer a ideoloxía comunista a todas/os as/os traballadoras/es que se estaban comezando a organizar por todos os países industrializados (Unha pantasma percorre Europa: a pantasma do comunismo) os burgueses eran propietarios das fábricas e da maquinaria e o proletariado non tiña outra opción que deixarse explotar por un salario cada vez menor.
Coa chegada da revolución industrial as máquinas comezan a empregarse nas fábricas. Isto supuxo un cambio na vida do proletariado: mulleres e nenas/os comezan a ser utilizadas/os como man de obra aínda máis barata, a produción aumenta incriblemente e a burguesía enriquécese pero cada vez hai máis persoas no paro e as condicións do traballo vólvense máis e máis insoportables.
Por isto Marx e Engels animan aos proletarios a xuntarse crear partidos políticos e tomar o poder.

Que hai que facer coas máquinas?
Un dos primeiros movementos que se opuxeron á industrialización foi o ludismo. Este movemento xorde en Gran Bretaña e propugna a destrución das máquinas. O argumento era que se as máquinas fan o traballo quitándollo ao proletariado este ten que reaccionar enfrontándose ás máquinas como a un enimigo.
Pero Marx e Engels interpretan esta situación doutro xeito: a máquina e a industria, que facilitan o traballo, foron creadas polo proletariado e a inxustiza está en que a burguesía se apropie delas. Se o proletariado se une poderá quitarlle á burguesía aquilo do que se apropiou inxustamente e gozar do progreso e dos bens producidos.
Por isto rematan o seu libro coa frase tan citada:
Proletarios(/as) do mundo, unídevos!

Materiais
Podedes ver aquí a presentación que utilizamos para a charla, e picando na ligazón que está máis abaixo descargar xuntas todas as presentacións das charlas deste ano. Un saúdo, vémonos o curso que vén (esperemos que presencialmente):

CHARLAS "Tecnoloxía e ser humano" 2.2 - A laranxa mecánica

Ata onde se pode experimentar con seres humanos?

CHARLAS TECNOLOXÍA E SER HUMANO
ALERTA SPOILER: Por favor, mirade antes as películas
Jurassic World
O labirinto do Fauno
Unha mente marabillosa
O club dos poetas mortos
A laranxa mecánica
Manifesto Comunista
Unha das charlas sobre Tecnoloxía e ser humano tiña que ser, evidentemente, A laranxa mecánica. Lara García e Sheyla González achégannos a esta película na que se aprecia cómo a psicoloxía foi desenvolvendo unha tecnoloxía desde os tempos de W. Wundt (falar de experimentación na ciencia da alma en 1875 soaba como resucitar ao Dr. Frankenstein) e a través da Escola Condutista de Pavlov e Skinner. A aplicación de protocolos temporizados e matematizados (como no caso do polémico libro Dúrmete neno), ou mesmo vinculados ao uso de fármacos, que fan aprender condutas incluso contra a vontade do suxeito, fai ver a eficiencia que acadou esta ciencia pero tamén o problema de atopar os seus límites: ata onde se pode experimentar deste xeito con seres humanos? Cando se considera que unha persoa está curada dalgún trastorno psíquico? En último extremo, como hai que combinar a presión sobre a sociedade e sobre o individuo para acadar unha situación de máximo benestar?

A laranxa mecánica
Comezamos cos feitos que narra a película. Alex é un mozo moi violento que forma pandilla cuns amigos aos que chama drugos. A pesar de ter unha conduta brutal, pegándolle malleiras a outros grupos e violando rapazas, ten tamén un gusto refinado, viste dun xeito rebuscado e a música de Beethoven cáusalle o pracer máis exquisito.
Nunha saída nocturna Alex asasina a unha muller e vai ao cárcere, e alí ofrécenlle un tratamento, chamado Método Ludovico, para quitarlle a violencia.
Entra aquí a tecnoloxía: consiste nun condicionamento respondente no que, como ao can de Pavlov, se lle ensina a ter náuseas cando ve escenas de violencia e sexo proxectándollas nunha pantalla mentres lle inxectan un fármaco que o fai devolver. Como as imaxes van acompañadas de música de Beethoven, Alex asocia eses tres estímulos neutros ante a náusea (violencia, sexo e música) co estímulo incondicionado que é o fármaco, e así empezan a producir, de xeito condicionado, a mesma resposta ca el (Pica na imaxe para ampliala).

Cuestións
Está Alex, xa que logo, curado? Xa non vai ter comportamentos violentos (élle imposible), pero tampouco se vai poder defender de quen o ataque inxustamente, non poderá ter unha relación de parella e non poderá gozar da música. A película fainos ver como agora tampouco ten vida social e, cando todos os personaxes da súa vida anterior comezan a vingarse del, ---SPOILER--- chega ao extremo do intento de suicidio. Na súa cama do hospital vese como Alex, coa axuda dunha doutora, comeza a elaborar os seus símbolos e vai concibindo a idea dunha sexualidade algo salvaxe pero respectuosa coa súa parella e socialmente aceptable.
A nosa opinión é que debe haber un límite ao que a psicoloxía poida facer cunha persoa, e que calquera tratamento debe ser sempre respectuoso coa súa liberdade. Incluso no caso de criminais, a meta debe ser sempre a reintegración na sociedade, non a anulación ou a vinganza.

Materiais
Como de costume, quédavos aquí a presentación que utilizamos para a charla:

CHARLAS "Tecnoloxía e ser humano" 2.1 - O club dos poetas mortos

Entón... hai aínda hoxe mestres-máquina?

CHARLAS TECNOLOXÍA E SER HUMANO
ALERTA SPOILER: Por favor, mirade antes as películas
Jurassic World
O labirinto do Fauno
Unha mente marabillosa
O club dos poetas mortos
A laranxa mecánica
Manifesto Comunista
Na segunda charla por videoconferencia deste ano 2020, sobre a tecnoloxía e o ser humano, comentamos dúas películas, O club dos poetas mortos e A laranxa mecánica, e máis un libro, Manifesto Comunista. Comentarémolas en posts separados.
ALERTA SPOILERS: Por favor, MIRADE A PELÍCULA ANTES DE LER ESTE POST.

O club dos poetas mortos
A presentación desta película corre a cargo de Víctor Amoedo, Diego Muíños, Pablo Rodríguez e Borja Vilaboa. Nela contrapóñense dous xeitos de entender o sentido da vida, que se propoñen a unha clase de rapaces adolescentes nun colexio inglés da vella tradición. O profesorado e as familias valoran as carreiras de ciencias ou tecnolóxicas, incluso o exército, e a vida e as relacións están cheas dunha formalidade e unha racionalidade asfixiantes.
Chega, entón, o Profesor Keating, que lles descobre o mundo da poesía, as emocións e a liberación dos afectos reprimidos. Esta película popularizou moitas frases que expresan isto, coma o famoso Ou, capitán, meu capitán que Walt Whitman dedicara a Abraham Lincoln cando fora asasinado, ou o Carpe diem latino, lema que nos rempuxa a aproveitar o día actual, o momento presente.

A tecnoloxía
Comezamos revisando o papel da tecnoloxía na educación, a comunicación e a industria. Aparellos coma a televisión, o coche, o teléfono e os ordenadores son hoxe imprescindibles en todas elas; como exemplo de avance fixámonos no antigo microscopio de van Leewenhoek, que era unha simple lente que se axustaba por medio dun parafuso: o desenvolvemento dos novos aparellos é paralelo ao das propias ciencias, como neste caso a bioloxía. Tamén na educación a tecnoloxía supuxo avances, sen ir máis lonxe a videoconferencia pola que estamos facendo esta charla.
Pero a propia educación é, en si mesma, unha tecnoloxía: a humanidade leva acumulando experiencias sobre como ensinar e durante séculos puxeron a súa confianza en frases do estilo de a letra con sangue entra para conformar á xente nova aos prexuízos da sociedade. Mesmo hai poucas décadas había no ensino público moitos profesores profundamente ignorantes que eran sarxentos retirados do exército franquista, aos que se premiaba con eses postos, e que facían da violencia e a discriminación o seu principal recurso pedagóxico.

Keating, un mestre creativo
Entón... hai aínda hoxe mestres-máquina? A película mostra un centro privado, moi elitista, que funciona así; fundamentan a educación nas normas e a autoridade, e non teñen unha vinculación co alumnado. Fronte a este modelo, Keating preocúpase pola creatividade e a inspiración; hai unha escena moi coñecida cun alumno, Todd Anderson, que está moi desanimado e fracasa en todo o que fai: Keating sobreestimúlao para bloquear o seu pensamento racional e que libere o que leva dentro reprimido; cando o consegue o rapaz elimina a súa angustia, descobre pode expresarse de xeito poético e recobra a ilusión.

A tecnoloxía militar como uso destrutivo da racionalidade
Tamén Neil Perry, un alumno que ao principio acepta as esixencias da súa familia, chega a cuestionalas e facer brillantemente o papel de Puck nunha representación de O soño dunha noite de San Xoán. Pero neste caso o pai non acepta o reto e decide cambiar ao rapaz a unha academia militar, o que ---SPOILER--- desencadea o final: o neno leva a racionalidade tecnolóxica e militar ao extremo, colle o aparello máis tecnolóxico que hai na casa do seu pai, unha pistola, e suicídase con ela.
A escena final é tamén coñecida: a escola culpa a Keating do desenlace e expúlsao; cando se despide os alumnos, seguindo a Todd, soben ás mesas e comezan a recitar Ou capitán, meu capitán.

Materiais
Aquí, como adoitamos facer, deixámosvos a presentación da charla:

25 ago 2020

CHARLAS "Tecnoloxía e ser humano" 1.3 - Unha mente marabillosa

Unha partida que tiña que gañar

CHARLAS TECNOLOXÍA E SER HUMANO
ALERTA SPOILER: Por favor, mirade antes as películas
Jurassic World
O labirinto do Fauno
Unha mente marabillosa
O club dos poetas mortos
A laranxa mecánica
Manifesto Comunista
A terceira obra que presentamos nesta primeira charla por videoconferencia, dentro da serie sobre Tecnoloxía e Ser Humano é Unha mente marabillosa. Fixémolo tamén entre dous grupos, un que marcou as liñas xerais do traballo e outra que examinou os detalles un por un.
ALERTA SPOILERS: Por favor, MIRADE A PELÍCULA ANTES DE LER ESTE POST.

As liñas xerais
Esta sección estivo a cargo de Carla Fernández, Alba Mera, Nayara Fragueiro e Carmen Fernández. A película está reproduce fielmente a vida do matemático John Nash, que desenvolveu unha parte importante da moderna Teoría de Xogos. Isto é o que relaciona a película coa tecnoloxía, o tema de biblioteca do presente curso, porque as matemáticas non soamente son quen de modelar o comportamento da sociedade, a economía e as interaccións entre persoas senón que, como veremos, ao propio Nash servíronlle como medio para tomar conciencia da súa situación e entendela como unha partida que tiña que gañar, no seu propio beneficio pero tamén no da súa familia.
Un tema fundamental da película é a esquizofrenia de Nash; moita da tensión vén de que nós imos vendo como se decata e comeza a distinguir entre o real e o ficticio, e empatizamos con el porque todo o proceso está contado desde o seu punto de vista.
Alicia, a súa muller, é unha personaxe imprescindible, porque ela está sempre ao seu carón, apoiándoo, ata que ve que é imposible seguir así, e incluso está poñendo en risco a vida do seu fillo. Máis adiante comentaremos como, por parte de Nash, é igualmente imprescindible que se responsabilice da súa enfermidade porque a ningunha persoa se lle pode pedir (e isto pídese con demasiada frecuencia, sempre a mulleres) que renuncie á súa vida en servizo de outra.
Chegado este punto, a película comeza a contar a historia de como Nash se enfronta á enfermidade, a aceptación de que os amigos imaxinarios non existen, o descubrimento dos medios que ten que poñer para compensar os efectos secundarios da medicación e a entrega dos premios Nobel (1994) e Abel (2015), en recoñecemento á súa contribución á matemática.

Os detalles
María Amoedo, Paula Cembellín, Salma Nabbar e Sara Riobó examinan a infinidade de detalles cos que a película nos fai ver as peculiaridades desta mente marabillosa e os matices das situacións nas que se ve envolta. A Sara falloulle o micro e tivemos que contar entre todo o grupo a súa parte, que ela preparara á perfección e nos explicara nos ensaios previos.
Ao principio da película vese que Nash é moi intelixente; está en Princeton, unha das universidades máis importantes dos Estados Unidos, nunha contorna moi competitiva, e non é quen de aceptar unha derrota, nin sequera nos xogos. Non ten facilidade para as relacións sociais, e entende o ligue como un xogo no que varios mozos compiten por unhas mozas, que son os premios (e este prexuízo machista segue aparecendo hoxe en día nos libros de texto das universidades!), ou como un teorema que se pode demostrar omitindo partes do razoamento que se proban como lemas por separado.
Paramos a analizar o Dilema do prisioneiro, que é un botón de mostra do Teorema de Equilibrio de Nash. Supoñamos que dúas persoas están prisioneiras e poden delatar á outra ou non. Se ambas calan terán unha condena de 1 ano e se ambas delatan terán outra de 5 anos, pero se unha delata e a outra cala terán respectivamente 0 e 20 anos; a estratexia que acada o equilibrio de Nash é delatar porque, aínda que calando as dúas poderían cumprir 1 ano e delatando poden chegar a cumprir 5, o que se gaña é que non se depende da outra persoa, que é posible saír sen condena e, sobre todo, que se anula a posibilidade de cumprir 20 anos: minimízase o máximo castigo.
Ao avanzar a historia vemos que o protagonista comeza a relacionarse con persoas moi estrañas, entra nunha trama de espías e implántanlle un chip no brazo... A sorpresa vén cando el mesmo se decata, e nós con el, de que todo é falso, non existen nin as persoas nin o chip e incluso un amigo da facultade e máis a sobriña deste, cos que o vemos charlando desde o principio da película, non son reais. Cando Nash consegue demostralo, fixándose en que a nena non crece a pesares de que os anos van pasando, ten que admitilo e decide dicirlles adeus.
Os tratamentos de electroshock e a medicación déixano atordoado, e isto afecta á súa relación de parella. Cando a súa muller, Alicia, que entrara na súa vida porque era unha alumna súa moi avanzada e cunha personalidade moi enérxica, comprende a súa situación decide seguir adiante, superando os obstáculos; así foi a Alicia Nash da vida real.
Unha das escenas máis duras da película é a da súa reacción, cando quere ter relacións sexuais con el e el rexéitaa porque os efectos secundarios dos medicamentos déixano impotente. Por riba do que ela está sufrindo, porque John non é sequera quen de coidar ao fillo e ela ten que coidar dos dous, esta gota fai burdar o vaso e Alicia estoupa, rachando un espello a gritos. Pero tamén isto fai reaccionar a John: el non pode quedar pasivo porque, aínda que a actitude de Alicia é admirable, non se lle pode pedir que renuncie a todo na vida para acompañalo na súa loucura; el comeza entón a forzarse a ver rectamente a realidade para conseguir baixar a medicación, recuperar o seu traballo e non ser unha mera carga para a súa esposa.
Nas escenas finais, cando John Nash recibe o premio Nobel (1994) e o recoñecemento á súa labor como matemático, aínda as visións rondan a súa mente pero el mantenas a raia. Vemos tamén o recoñecemento a toda unha vida de loita pola saúde mental.

Materiais
Estas son as nosas presentacións multimedia:

     

24 ago 2020

CHARLAS "Tecnoloxía e ser humano" 1.2 - O labirinto do Fauno

Obedecer por obedecer,así, sen pensalo, iso só o fan xentes como vostede, capitán

CHARLAS TECNOLOXÍA E SER HUMANO
ALERTA SPOILER: Por favor, mirade antes as películas
Jurassic World
O labirinto do Fauno
Unha mente marabillosa
O club dos poetas mortos
A laranxa mecánica
Manifesto Comunista
Na primeira das videocharlas sobre Tecnoloxía e ser humano deste ano 2020 presentamos tres obras, esta é a segunda delas: O labirinto do Fauno. O traballo dividiuse entre dous grupos, un que estableceu as estruturas que íamos utilizar na análise e explicou os temas máis xerais, e outro que comentou moitos exemplos destas estruturas e temas.
ALERTA SPOILERS: Por favor, MIRADE A PELÍCULA ANTES DE LER ESTE POST.

Principais estruturas e temas
Esta parte presentárona Lucía Couñago, Lucía Rodríguez e Alondra González. En primeiro lugar, contextualizaron a película en 1944, despois do golpe de estado franquista, cando aínda hai grupos de maquis, soldados fieis á República que resisten nas montañas, coma este lugar en Asturias ao que chega Ofelia.
Na película contrapóñense o mundo da tecnoloxía e o da maxia. O primeiro é o mundo do Capitán Vidal, padrasto de Ofelia que dirixe a vida dos militares (e civís) mediante máquinas: reloxos, armas, gramófonos... o propio muíño no que están instalados é coma un inmenso engranaxe no que non hai sitio para os sentimentos e o pracer. O mundo de Ofelia, en troques, é un mundo cheo de fadas e de sucesos extraordinarios, rexido por un Fauno que lle propón varias probas.
Hai estrutura espacial nas imaxes que distingue un submundo, ou mundo subterráneo, onde hai seres máxicos como sapos ou monstros pálidos aos que Ofelia ten que enfrontarse, e que se manifesta no mundo aparente ou superficie polas súas consecuencias, sobre todo o feito de que a vida no monte estase estragando e o mal uso da tecnoloxía está levando á dor e a morte.
A situación da muller é distinta en ambos mundos. No mundo aparente as mulleres son desprezadas e sofren castigos, acoso e torturas, e padecen dores ata a morte durante o embarazo e o parto. No submundo son fadas e raíñas, viven con plenitude e disfrutan, ao outro lado da morte, do recoñecemento aos seus bos sentimentos e accións.
Este tema da morte e da vida é, en último extremo, o que resume a trama: quen vive e quen morre e por que. Por iso, o noso grupo pecha a súa presentación coa frase que o Doutor Ferreiro lle di a Vidal, sabendo que se xoga a vida:
Obedecer por obedecer, así, sen pensalo, iso só o fan a xentes como vostede, capitán.

Análise de exemplos
O grupo de Antía Blanco, Noelia Díaz-Valdés, Pablo Cerezo e Ainhoa García explica moitas das escenas da película sobre estes presupostos. Os obxectos e situacións funcionan, frecuentemente, como símbolos binarios que amosan dúas caras da mesma realidade mediante as cores, a música, as formas... Así, o banquete dos militares e a xente franquista da vila píntase en cores frías e apagadas (marrón, gris, branco) mentres que o banquete do Home Pálido ten cores cálidas e sensuais (vermello, amarelo, laranxa). As armas dos militares son pistolas negras e cadradas mentres que a daga do Fauno é brillante e con formas onduladas. O reloxo de Vidal é mecánico e marca a hora da morte do seu pai, mentres que o reloxo de area de Ofelia está cheo de vida e marca un tempo emocional, que nos fai sentar no borde da cadeira ata que a nena supera a súa aventura.
Para curar á súa nai, que ten perdas durante o seu embarazo, Ofelia pon unha mandrágora debaixo da cama (Debaixo: submundo). A nena ve a raíz como se fose un bebé, que fai a súa maxia de salvar á nai. Pero cando Vidal a descobre vea só como unha raíz e tíraa ao lume. A partir de entón comeza o proceso do parto e o neno acabará sendo causa, ou polo menos ocasión, da morte da nai e da da propia Ofelia.
Mercedes é unha personaxe que nos mostra outra faceta da nena: como sería na vida adulta. Ela creu na maxia de pequena, pero agora xa non, pero arrisca a súa vida por un ideal, o dunha vida e unha sociedade máis xusta. Mercedes ten unha chave, a da porta do almacén da comida e as medicinas na bodega do muíño, que é vella e ferruxenta, e tamén Ofelia ten unha que conseguiu na proba da loita contra o sapo, e que é brillante e estilizada e dá acceso ás portas que terá que abrir na seguinte proba.
Hai, finalmente, unha variedade de personaxes que poden representar imaxes do pai, como o Fauno ou o Home Pálido, pero sobre todo Vidal e o propio pai biolóxico de Ofelia, que lle ofrece un trono, en premio polas súas boas eleccións, no mundo de fantasía no que conclúe para ela a película.
Concluímos analizando os símbolos da película desde o punto de vista de Freud. O submundo representaría os desexos e emocións do Iso, mentres que o Eu sería o mundo aparente, a realidade da vida militarizada no muíño, racional e dunha realidade dura. O Supereu estaría representado polas figuras ou obxectos que están no alto, como as fadas e o fauno, ou os maquis que, no alto do monte, conservan os ideais de liberdade e xustiza fronte ao capitán franquista.
Hai elementos nos que predomina o carácter oral, coma nos banquetes e o gozo da palabra nos relatos fantásticos; outros de carácter anal, coma o sapo grimoso que vive debaixo dunha árbore e para enfrontar ao cal Ofelia ten que encherse de lama e estragar o seu vestido novo.


Materiais
Podes seguir profundando nas referencias a Freud (e Marx) neste artigo de Lorena Fernández e Noelia Míguez do curso 2010/11. E, por suposto, podes ver as presentacións multimedia coas que acompañamos a nosa charla: