3ª Sesión: O mundo de Sofía, o nome da rosa
Fermosa e temible coma un exército disposto para a batalla
Hoxe falamos sobre Corpo e Relixión. Aínda que moitas relixións dan un gran valor ao corpo e ao seu coidado, as que forman a tradición cultural que recibimos na nosa contorna adoitan dar unha visón pexorativa del, porque o consideran un obstáculo ou un inimigo para a alma, que é o que cren que verdadeiramente constitúe a persoa.
Paula, Sheila e Tamara vannos axudar a buscar as raíces deste prexuízo no Mito da Caverna de Platón, tal como está explicado en O mundo de Sofía, e Fran e María darannos unha idea dos extremos ao que a Igrexa chegou na Idade Media, comentando unhas escenas de O nome da rosa.
Paula describe os dous mundos platónicos. O Mundo das ideas é o verdadeiro mundo; non é físico pero existe alén do ceo; grazas a el existe tamén a ciencia. Pola contra, o Mundo das cousas, o mundo no que vivimos, é temporal, cambiante, subxectivo e físico. As cousas que existen aquí son copias das ideas do outro mundo. |
Toda a filosofía de Platón, e concretamente o Mito da caverna, son unha explicación do coñecemento racional.
Para Platón, di Sheila, coñecer é lembrar: antes de nacer, a alma contemplou as ideas no Mundo Supraceleste pero esqueceunas ao caer, ao nacer neste Mundo Terrenal. Platón di que, cando vemos os obxectos de aquí, lembramos as ideas, e chama a este proceso Reminiscencia. O outro método para subir ao Mundo das Ideas é a Dialéctica, o ascenso mediante o diálogo. |
Finalmente, con Tamara entramos na caverna. No seu libro A República Platón representa o mundo sensible mediante unha cova na que están atrapados uns prisioneiros. Para eles, a realidade son as sombras que ven. Entón un escapa e ve a realidade e quere ensinarlla aos demais. Pero eles non queren liberarse e chegan a matar ao que viña ceibalos... que é precisamente o que lle pasou a Sócrates, o mestre de Platón! |
Con Fran e María, que alternan na explicación, avanzamos case 20 séculos, ata a Idade Media de O nome da rosa. Alí vemos unha xente campesiña que vive moi pobremente mentres os cregos dun mosteiro quedan con toda a comida que lles cobran como tributo. Os cregos, tan sabios e que len tantos libros, só teñen unha idea fantástica da muller, as historias da Virxe María.
|
Pero Adso, o protagonista, vai coñecer a unha das mulleres da vila mentres investiga uns asasinatos no convento. Non intercambian nin unha palabra: o corpo sabe todo o que ten que facer.
E esta muller que viña prostituírse a cambio dun corazón de boi, acaba marchando co corazón de Adso. É unha bonita metáfora no que os papeis do corporal e do espiritual entrecrúzanse e fannos pensar nunha forma da verdade que non é a platónica: a verdade das emocións e da nosa natureza física. |
Imaxes
Algunhas imaxes da charla:
Materiais para descargar
Hoxe temos dúas presentacións, ademais do cartaz:
No hay comentarios:
Publicar un comentario