2 abr 2017

CHARLAS "O corpo humano" 1 - O corpo alterado

1ª Sesión: O neno do pixama a raias, A metamorfose
En realidade, non son persoas de verdade.


As charlas de 1º Bach. deste ano tratarán, como é costume, sobre o tema do proxecto de biblioteca, que é O Corpo Humano. Nesta primeira ocasión temos con nós a Alba Correa, Alba da Silva e Erica Pérez que nos falarán do corpo en O neno do pixama a raias, e a Xabier Ézara que o fará sobre A metamorfose. Nos dous casos vemos a persoas que se converten, ou as converten, en algo que non é unha persoa de verdade.


O neno do pixama a raias


Pável é un médico xudío que vive no campo de concentración que dirixe o pai de Bruno. Traballa na cociña, pelando patacas, e cura ao neno cando se fire ao caer da randeeira. Alba Correa cóntanos que os xudíos son, e foron sempre, bos médicos pero tanto o cristianismo na Idade Media coma o nazismo no s. XX trataron de ocultalo, e por iso obrigaron ao neno a que dixera que foi a súa nai quen o curou. Fainos pensar no corpo de Bruno, nos corpos das/os prisioneiras/os dos campos de concentración, nas persoas masacradas en Palestina hoxe en día polo Estado de Israel….


Erica comenta o episodio en que Bruno cruza o valado para ir onda Schmuel. Bruno ten que ocultar o seu corpo para que non o recoñezan, e para iso ten que poñer o uniforme que el, inxenuamente, pensa que é un pixama a raias… pero entón xa non é realmente unha persoa de verdade, o que trae as terribles consecuencias que coñecemos.

Finalmente, Alba Da Silva dános a opinión do grupo sobre a novela. É agradable de ler e suxire moitos temas para pensar, entre eles a necesidade de tratar a todos os seres humanos conforme á súa dignidade e outras moitas ideas relacionadas co que xa se contou sobre o corpo das persoas.

A metamorfose


O que sucede no corpo de Gregorio Samsa nesta obra de F. Kafka é sorprendente e completamente irreal. Pero Xabier explícanos que se pode tomar coma unha metáfora de cambios que poida ter unha persoa, non só no seu corpo senón tamén na súa mente. Así, se unha persoa cae nunha depresión, sofre dexeneración pola enfermidade de Alzheimer, se se alcoholiza ou se volve ludópata, pode provocar na súa familia reacciones coma as da familia Samsa. Inicialmente, a irmá preocúpase por el e intenta coidalo, pero despois a situación vaise volvendo insoportable e mesmo ela acaba por ignoralo e desentenderse del.


Imaxes

Aquí podes ver imaxes desta charla. Picando nelas podes velas ampliadas.




Materiais para descargar

Tamén podes descargar os nosos materiais: o cartaz e as presentacións multimedia:




              



No hay comentarios:

Publicar un comentario