6 may 2017

CHARLAS "O corpo humano" 4 - Nenos e porcos

4ª Sesión: Señor das moscas
Ninguén pode axudarte. Só eu. E eu son a besta.

Un grupo de nenos quedan abandonados nunha illa ao naufragar un barco (na película é un accidente de avión). William Golding, o autor de Señor das moscas, utiliza esta situación para facernos pensar na nosa natureza humana e no xeito en que a xente adulta organizamos a nosa sociedade. O momento clave da obra é cando un dos rapaces está mirando a cabeza dun xabaril que outros acaban de matar salvaxemente e sente a presenza dun espírito que se comunica con el a través do corpo morto do animal, cheo de moscas.
Gabriel, Pablo, Antonio e David analizan as relacións entre os nenos fixándose no tipo de liderado que exercen catro dos protagonistas.


Gabriel presenta a Jack. É o líder militar, dirixe a un grupo grande de rapaces que pertencen a un coro e ten un carácter agresivo, violento e autoritario, que se resalta na escena na que mata salvaxemente a Simon. O seu símbolo son as pinturas e as lanzas.
Pablo describe a Ralf. É o líder carismático: sensato, amable e que transmite seguridade e confianza. Todos lle fan caso en canto empeza a falar. O seu símbolo é a caracola, que permite ao seu posuidor expresar o seu pensamento ao grupo. É quen establece as normas e gústalle ter todo baixo control.
Simon é o líder espiritual, como nos conta Antonio, e mantén unha actitude distante cos dous líderes. O seu símbolo é a cabeza do xabaril. É o único que percibe a angustia do grupo e sente anticipadamente a verdade, pero lamentablemente non pode comunicala porque é asesinado polos seus propios compañeiros.
Piggy, cóntanos David, é o líder científico. Fai as preguntas e atopa as respostas necesarias para sobrevivir na illa e facer unha fogueira para que os rescaten, pero é gordo, miope e asmático polo que os outros desprézano ata tal punto que nin sequera chegamos a saber o seu nome. As gafas, o seu símbolo, que serviran para acender o lume, acaban rotas: unha alegoría do paso da civilización á barbarie.
Para acabar, vemos a relación que se establece entre os catro líderes. Toda a novela é un enfrontamento entre a política e o exército (Ralf e Jack), que queren dirixir o grupo, e o exército acaba matando a espiritualidade (Simon). A relación entre a política e a ciencia (Ralf e Piggy) é moi significativa: a política non sabe facer nada por si mesma, e a ciencia non pode. Ao final todo o mérito é para a política mentres a ciencia é ignorada, acosada, desprezada e, finalmente, aniquilada.

Imaxes

Pica nas imaxes para amplialas ou descargalas.




Materiais para descargar

Podes baixar tamén o cartaz e a presentación desta charla:


              



No hay comentarios:

Publicar un comentario