20 abr 2017

Encontro coa psicóloga e psicanalista Concha Pazo 2017

O corpo e os símbolos

O día 19 de abril tivemos este encontro do alumnado de Filosofía de 1º Bach. e Psicoloxía de 2º Bach. coa psicóloga e psicanalista Concha Pazo, antiga orientadora do centro. Foi un momento moi agradable, de reencontro para falar sobre a psicoloxía e sobre o ser humano. Por riba da súa presentación multimedia, tratou sempre de seguir o fío do noso interese, facendo un lugar para os temas polos que lle preguntabamos.
Este post está feito a partir das achegas do alumnado de 1º Bach. Colaboran o Departamento de Filosofía e o Proxecto de Biblioteca 2016-17 O corpo humano.


A psicoloxía: historia, estudos, especialidades
A psicoloxía é a filla que nace da filosofía e a medicina. É unha ciencia recente, que aínda está comezando a desenvolverse. Antigamente illábase á xente con problemas psicolóxicos pero hoxe en día trátanse coa palabra e o corazón. Preocúpanos a diferenza coa psiquiatría: o primeiro que se quere descartar cando algún acode a un/ha psicóloga/o é que haxa unha causa fisiolóxica; as/os psiquiatras adoitan dar medicación nos seus tratamentos pero isto frecuentemente se pode evitar no tratamento psicolóxico. Algunhas veces medícase de xeito xeneralizado incluso a nenas/os de 8 anos, e isto debe facernos pensar, xa que a esta idade a medicación pode interromper o proceso de madurecemento dunha persoa.
En canto ás especialidades, as que máis lembramos son a psicoloxía social, clínica, deportiva e legal.
As máis das veces a psicoloxía consiste en facer de espello para que unha persoa poida ver reflectidas as súas emocións. Ás veces pensamos que a xente que vai á/o psicóloga/o é porque está tola pero pode ser por moitos motivos, desde os máis sinxelos como o insomnio, falta de concentración ou ansiedade, ata problemas moi complicados de personalidade ou de relación social. Todas as persoas temos algún medo, sobre todo o medo a que non nos queiran. Quizais a pregunta máis importante é a que Concha dirixe á xente de 2º: Como se pode establecer a diferenza entre o que é e o que non é normal?

En terapia
Cara ao final da charla púxonos un vídeo dunha serie de TV arxentina, En Terapia. Un rapaz adolescente vese metido en situacións de gran violencia e o psicólogo pídelles á nai e ao pai que veñan á sesión con el (isto sorpréndenos: non sabiamos que tivese esa prerrogativa de decidir quen asiste á sesión). Finalmente, as tres persoas acaban comprendendo os medos das outras, e os seus propios, e a conclusión é que temos medo, medo a que non nos queiran, e que, como di o psicólogo da serie, se a xente fose quen de expresar as súas emocións, os psicólogos non teriamos tanto traballo.


Libro de visitas

Este é o álbum coas achegas da xente de clase deste ano:


Algunhas fotos





9 abr 2017

CHARLAS "O corpo humano" 2 - Agresividade, sexualidade, arte

2ª Sesión: A laranxa mecánica
A paz, unha paz celestial, a suntuosidade e a untuosidade feitas carne

Con estas palabras describe Alex, o protagonista de A laranxa mecánica, a música de Beethoven que unha soprano empeza a cantar cando está cos seus drugos no bar onde adoitan planear as súas sesións de ultraviolencia. Tomámolas como pe para formular a nosa pregunta: como están no noso corpo a agresividade, a sexualidade e a arte? Pódese quitar unha delas, como a agresividade, sen quitar tamén as outras dúas? Deste tema nos falan hoxe Jesús de la Torre, Gabriel Pérez e Adrián Ojeda.

Jesús presenta ao personaxe principal, un adolescente ao que a violencia lle produce pracer e que é encarcerado despois da varios crimes. Un ministro do goberno, que espera conseguir moitos votos con isto, ofrécelle realizar un experimento que lle quitaría a violencia. Alex accede pero todo vai virar mal e acabará tendo terribles consecuencias para el.
Adrián conta como Alex se ve sometido a un condicionamento respondente: inxéctanlle un medicamento, ao que chaman vitaminas, que lle fai devolver e, mentres causa o seu efecto, obrígano a ver imaxes de agresións e violacións. Ao mesmo tempo, soa a 9ª sinfonía de Beethoven. Finalmente, todos estes estímulos asócianse ao medicamento e provocan tamén o vómito.
Con Gabriel vemos as consecuencias: Alex non pode sequera defenderse dunha agresión porque sente náuseas inmediatamente. E, do mesmo xeito, non pode soportar a excitación sexual... nin a música de Beethoven!: todo está asociado no seu corpo ao medicamento que provoca o vómito. Ao final, Alex salta por unha fiestra, coa intención de suicidarse.
Interpretamos isto, seguindo a Freud, como un exemplo de que tentar separar o Eros e rexeitar o Thánatos leva á neurose: non podemos deixarnos levar pola violencia, pero debemos encauzar a agresividade xa que a necesitamos para podérmonos facer un lugar na vida.
Imaxes

Pica nas imaxes para amplialas ou descargalas.




Materiais para descargar

Podes baixar tamén o cartaz e a presentación desta charla:


              



4 abr 2017

B3H1ND - Drons e Hackers

B3H1ND - Drons e Hackers é un xogo desenvolvido por Amnistía Internacional e Intelygenz. Na 3ª avaliación de Valores éticos de 3º ESO A e de 4º ESO A, B, investigando sobre Tecnoloxía e Dereitos Humanos, dedicamos as clases de antes de semana santa a este xogo. Primeiro fomos á páxina do xogo na Rede de Escolas de AI:



Nesta páxina hai un vídeo de promoción do xogo, outro cun testemuño dunha nena que sobreviviu a un ataque con drons e unhas cifras que resumen a brutalidade deste tipo de armamento (Recollemos todo isto ao final deste post).
Despois de ver o vídeo promocional descargamos o xogo nos nosos móbiles e estivemos xogando ata completármolo.

TIP - Se prestas atención á voz dos militares nunca acabarás o xogo: por moitos erros que cometas sempre seguirán enviándote a novas misións. Escoita a voz dos que chaman “Hackers”!.

Para rematar, limos a documentación, contrastamos a nosa experiencia cos datos que dá a páxina de AI e vimos o vídeo da nena supervivente.


Manuel fai este comentario:




Drons e Hackers
Manuel Jiménez Jiménez


Drons e Hackers é un videoxogo con drons armados no que debes ir superando fases baixo as ordes dun comandante. Estes drons actúan en moitas rexións do mundo como Irak, Afganistán, Gaza, etc.
Estes drons non respectan as normas internacionais que protexen as persoas dos países ameazados e isto queda moi claro no xogo, onde te decatas de que están totalmente fóra de control e de que actúan dun xeito enganoso que favorece os intereses dos grandes líderes, que actúan baixo un gran secretismo onde ninguén se responsabiliza dos ataques e onde as víctimas non teñen maneira de facer valer os seus dereitos ante a xustiza.
O número das víctimas que dan os militares do xogo non coincide para nada co que ocorre na realidade: dan un número de mortes moitísimo menor, o que demostra o secretismo e os datos falsos que dixen anteriormente.




Materiais
Estes son os vídeos que podemos ver na páxina de Drons e Hackers de Amnistía:

      

2 abr 2017

CHARLAS "O corpo humano" 1 - O corpo alterado

1ª Sesión: O neno do pixama a raias, A metamorfose
En realidade, non son persoas de verdade.


As charlas de 1º Bach. deste ano tratarán, como é costume, sobre o tema do proxecto de biblioteca, que é O Corpo Humano. Nesta primeira ocasión temos con nós a Alba Correa, Alba da Silva e Erica Pérez que nos falarán do corpo en O neno do pixama a raias, e a Xabier Ézara que o fará sobre A metamorfose. Nos dous casos vemos a persoas que se converten, ou as converten, en algo que non é unha persoa de verdade.


O neno do pixama a raias


Pável é un médico xudío que vive no campo de concentración que dirixe o pai de Bruno. Traballa na cociña, pelando patacas, e cura ao neno cando se fire ao caer da randeeira. Alba Correa cóntanos que os xudíos son, e foron sempre, bos médicos pero tanto o cristianismo na Idade Media coma o nazismo no s. XX trataron de ocultalo, e por iso obrigaron ao neno a que dixera que foi a súa nai quen o curou. Fainos pensar no corpo de Bruno, nos corpos das/os prisioneiras/os dos campos de concentración, nas persoas masacradas en Palestina hoxe en día polo Estado de Israel….


Erica comenta o episodio en que Bruno cruza o valado para ir onda Schmuel. Bruno ten que ocultar o seu corpo para que non o recoñezan, e para iso ten que poñer o uniforme que el, inxenuamente, pensa que é un pixama a raias… pero entón xa non é realmente unha persoa de verdade, o que trae as terribles consecuencias que coñecemos.

Finalmente, Alba Da Silva dános a opinión do grupo sobre a novela. É agradable de ler e suxire moitos temas para pensar, entre eles a necesidade de tratar a todos os seres humanos conforme á súa dignidade e outras moitas ideas relacionadas co que xa se contou sobre o corpo das persoas.

A metamorfose


O que sucede no corpo de Gregorio Samsa nesta obra de F. Kafka é sorprendente e completamente irreal. Pero Xabier explícanos que se pode tomar coma unha metáfora de cambios que poida ter unha persoa, non só no seu corpo senón tamén na súa mente. Así, se unha persoa cae nunha depresión, sofre dexeneración pola enfermidade de Alzheimer, se se alcoholiza ou se volve ludópata, pode provocar na súa familia reacciones coma as da familia Samsa. Inicialmente, a irmá preocúpase por el e intenta coidalo, pero despois a situación vaise volvendo insoportable e mesmo ela acaba por ignoralo e desentenderse del.


Imaxes

Aquí podes ver imaxes desta charla. Picando nelas podes velas ampliadas.




Materiais para descargar

Tamén podes descargar os nosos materiais: o cartaz e as presentacións multimedia: