1ª Sesión: O mundo de Sofía
-Estraños prisioneiros eses que contas!
-Pois son iguais ca nós.
Xoves, xusto antes das vacacións, a punto de comezar a primavera. Acaban de rematar os exames e aproveitamos este día de tregua para comezarmos a nova tempada de charlas na biblioteca. Este ano o noso tema que, coma sempre, coincide co proxecto de biblioteca, é A Luz, seguindo á ONU, que declarou a 2015 o Ano internacional da luz.
A luz é un símbolo moi poderoso na filosofía. Loreto, Tati, Manu e Alexia vannos contar a súa historia tal como a descubriron lendo O mundo de Sofía. Deste libro escollimos cinco autores, Platón, Descartes, Locke, Kant e Nietzsche, e a través do seu pensamento iremos desde o Mito da Caverna ata a Ilustración e máis aló, ata a crítica á racionalidade.
Con Loreto repasamos o Mito da Caverna. A xente de 2º Bach., que xa o coñecen, asenten mentres nos explica os símbolos: as sombras son os obxectos do mundo sensible, a escarpada subida ao exterior é a educación, que debe facerse sen forzar á xuventude e no exterior da cova é onde están as ideas, os obxectos que Platón chama reais. O lume da caverna representa o coñecemento sensible e o sol do exterior o coñecemento racional. E o escravo liberado que volve rescatar aos que aínda están prisioneiros é o propio Sócrates, que se mete a si mesmo dentro do seu relato.
|
Descartes, continúa Tati, é o iniciador da filosofía moderna. El denunciou os erros que cometen os sentidos, como presentarnos o noso dedo máis grande cós obxectos que están detrás del. A razón inventa a óptica, que se apoia na xeometría, para calcular o tamaño orixinal dos obxectos. Do mesmo xeito, a razón debe revisar todo o que os sentidos perciben e así poderemos ter un coñecemento correcto do mundo.
|
Máis tarde na Idade Moderna, na época da Ilustración, a razón pasa a ser a gran esperanza, e confían na súa luz para organizar a vida en sociedade. Manu fálanos de Locke e Kant; o primeiro propón a división de poderes, que Montesquieu fixou en Lexislativo, Executivo e Xudicial, e o segundo anuncia o tempo en que as institucións supranacionais coma a ONU ou o Tribunal Penal Internacional substituirán ás guerras e traerán a paz perpetua.
|
Pero non culminamos esta charla coa confianza absoluta na razón senón coa sospeita que algúns autores lanzan sobre ela cando non se complementa coas emocións e os sentimentos. Alexia explícanos como Nietzsche escolleu aos deuses gregos Apolo e Dionisos como metáforas destes dous aspectos da arte, da cultura e de todo o humano.
Apolo é o deus da luz diúrna, da beleza formal, da argumentación e, como vimos no traballo de O soño dunha noite de San Xoán, da cidade, moderna pero represiva e individualista. Dionisos, o deus do viño, é o deus da ensoñación e da noite, das paixóns e o desexo e, como nos ensinaba Shakespeare, do bosque, máxico e liberador.
|
Imaxes
Algunhas fotos da charla. Pica nunha calquera para abrir o visor de imaxes e ver todas ampliadas.
Materiais para descargar
Podes descargar os materiais que utilizamos, o cartaz e a presentación multimedia:
No hay comentarios:
Publicar un comentario