30 oct 2018

O complexo de Edipo, por Andrea Regueiro, 1º Bach. 2017-18

Historia de Edipo Rei
O rei Laio de Tebas foi advertido de que o seu fillo asasinaríao nun futuro, polo que decidiu mandar un criado a matalo. Este, por compaixón, entrégallo a Pólibo, rei de Corinto. Ao pasar os anos, Edipo foxe da casa e no seu traxecto encóntrase un grupo de persoas que toma como ladróns e, sen sabelo, asasina ao seu pai biolóxico. Ao continuar enfróntase a unha esfinxe resolvendo un enigma e derrótaa, salvando a cidade de Tebas. Casa con Iocasta, reina viúva de Tebas, coa que ten 4 fillos. Un día unha peste asola a cidade, polo que manda a algúns dos seus servos a xunto dos deuses para preguntarlles por unha solución contra ela. Consultan ao oráculo, Tiresias, quen lles di que o mal non cesará ata que o asasinato do anterior rei, Laio, non sexa vingado. Edipo inicia unha busca e descobre que é a el mesmo a quen buscaba. Iocasta suicídase aforcándose e el decide arrancarse os ollos e marcha de Tebas para sempre.

O Complexo de Edipo
A finas do século XIX e principios do XX Sigmund Freud propón a súa teoría psicanalítica. Con esta teoría trata de explicar a conduta e a personalidade humanas baseándose en que toda a nosa personalidade desenvólvese na nosa infancia, dende que nacemos ata aproximadamente os 12 anos. Freud divide a infancia en diferentes etapas (oral, anal, fálica, período de latencia, prepubertade e pubertade) e a cada etapa asocia un centro de pracer e os supostos trazos da personalidade que deberíamos adquirir. A súa teoría aséntase sobre a sexualidade e a súa represión de diferentes formas xa que observou nos seus pacientes que todo o que lle contaban tiña un carácter sexual e eran cosas que pasaran na infancia.
Un dos alicerces fundamentais na súa teoría é o Complexo de Edipo que ocorre durante a fase fálica, a primeira na que os nenos empezan a desenvolver a sexualidade nos xenitais aínda non maduros. Aparece o interese polas diferenzas sexuais e os xenitais, polo que é de suma importancia que a represión deste desexo non obstrúa a capacidade de investigación, coñecemento e aprendizaxe do neno.
Freud afirma que os nenos empezan a sentirse atraídos polo proxenitor de distinto sexo tendo cara a el un sentimento de ambivalencia xa que o amor polo seu pai ou nai é tan grande que necesitan estar todo o rato con eles e teñen moitas discusións e enfados se non o conseguen, pero esta necesidade compulsiva non permite que o seu proxenitor leve unha vida normal e tranquila. Os sentimentos cara ao outro proxenitor, o do mesmo sexo, son ben distintos: o principal é o odio xa que o ven como un rival en competencia polo amor do outro proxenitor. Esta relación triangular na que o neno poderíamos dicir que se namora da súa nai e quere matar ao pai foi chamada Complexo de Edipo por Freud e segundo el a correcta superación deste é o que crea a nosa identidade sexual.
Este conflito supérase durante o período de latencia no que se desenvolven as tres instancias da personalidade: iso, eu e supereu. É este último o que nos axuda a superar o Edipo facendo que nos decatemos de que o amor polo noso pai é imposible xa que existen unhas diferenzas obvias moi significantes. O proxenitor de distinto sexo pasa de ser o amado do fillo a ser coma o modelo que o neno vai buscar nas súas próximas parellas. Durante este período de latencia o desexo sexual reprímese e o centro de pracer atópase en todo o corpo. O supereu, a través de sublimacións, canaliza ese desexo sexual a actividades normalmente creativas como pode ser debuxar e pintar ou a realizar algún deporte.

Relación do Complexo de Edipo coa historia de Edipo Rei
Na teoría freudiana, o suxeito pode fuxir da angustia, afrontala astutamente ou, nun certo modo, negarse a entrar na escena edípica, preferindo anular ao pai. Esta idea relaciónase coa historia de Edipo rei, xa que Edipo mata ao seu pai, aínda que non fose consciente de que o era. O suxeito pode loitar contra a súa angustia e protestar co dilema que se lle ofrece. En ambos casos, ábrense camiños que o levan á neurose, perversión ou á loucura. Por iso Edipo termina enfermo. Edipo anula ao seu pai quitándolle a vida, Freud utiliza isto para reflexar a súa teoría.
Na teoría de Freud, esta relación dual é en realidade unha relación na que o terceiro polo atópase ocupado por unha sombra (a do pai), xa que o neno, no seu diálogo coa nai, encontra ao seu pai no inconsciente desta. Igualmente na relación dual de Edipo intervén un cuarto termo, que é a morte desexada do pai ou morte temida do fillo, isto é a castración. No mito, Edipo mata ao seu pai, pero se non houbese morto el. Dalgunha maneira, temía que o seu pai o matase, e iso o leva a desexar a súa morte.
Para Freud, o momento no que Edipo se quita os ollos representa a castración. Como mirou a súa nai, cástrase el mesmo quitándose os ollos (é simbólico). Cando Laio ordena a Iocasta que mate o neno ao nacer, isto simboliza tamén a castración, pero como non se efectuou, realízaa el mesmo. Para Freud, o feito de que Laio mandara matar ao neno para evitar a traxedia simboliza o feito de que o neno renuncie a súa nai (evitar a traxedia) por medo a que o seu pai o castre. Edipo non a poido evitar, entón autocastrouse (simbolicamente) quitándose os ollos.

Comentario crítico
A teoría de Freud foi amplamente criticada xa que inicialmente propuxo o Complexo de Edipo e practicamente toda a súa teoría para explicar o desenvolvemento da personalidade dun varón deixando ás nenas a un lado e explicando o seu desenvolvemento coma unha excepción na súa teoría. Aínda que poida parecer unha teoría machista o mesmo Freud admitiu que non tiña os coñecementos necesarios na psicoloxía feminina e animou a moitas mulleres a que escribiran a súa teoría psicanalítica para poder explicar os casos das nenas. Outro dos problemas do Complexo de Edipo proposto por Freud e que non pode explicar o que ocorrería no caso de ser unha familia homoparental ou monoparental.
Ademais sempre existirá a discusión de en que rama da ciencia debe encadrarse a psicoloxía xa que ten unha parte natural e unha social. Toda a teoría de Freud necesita dunha interpretación segundo o paciente ao que se lle realice a terapia xa que a pesar de que Freud explicara que ocorre en cada fase isto pode cambiar e sempre é necesaria a valoración do paciente, que é quen vai a darlle ao psicanalista os datos necesarios para o seu tratamento.

Imaxes
Edipo e a esfinxe, Ingres via Wikipedia
 (Ver).
Freud: portada, Edipo, crítica - Norma cómics (Ver)
Freud para principiantes (e Psicanálise, Jung, Klein...) (Ver).


No hay comentarios:

Publicar un comentario