16 jul 2020

CHARLAS "Tecnoloxía e ser humano" 1.1 - Jurassic World

Non debemos alterar a natureza das cousas

CHARLAS TECNOLOXÍA E SER HUMANO
ALERTA SPOILER: Por favor, mirade antes as películas
Jurassic World
O labirinto do Fauno
Unha mente marabillosa
O club dos poetas mortos
A laranxa mecánica
Manifesto Comunista
Neste ano 2020 tivemos que cambiar o noso tradicional ... ás 11:30 na biblioteca por unha invitación para unirse á videoconferencia por Zoom, e celebrar as nosas charlas online.
O proxecto de biblioteca deste ano é A tecnoloxía, e nós adaptámola ao ámbito filosófico como Tecnoloxía e ser humano. Dividimos o traballo en dúas sesións, nesta primeira comentaremos as películas Jurassic World, O labirinto do Fauno e Unha mente marabillosa, e na seguinte dúas películas O club dos poetas mortos e A laranxa mecánica, e un libro, Manifesto Comunista. Dedicaremos un post a cada unha destas obras.

Jurassic World
Detrás deste título, que nos suxire inmediatamente emoción, aventura e fantasía, Carmen Blanco, Arrieta de Miguel, Olalla Penabella e Marcos Pereira buscan profundar en que é a tecnoloxía e qué problemas filosóficos suscita. Falamos de tecnoloxía cando hai unha acción sobre a realidade baseada no coñecemento científico, tanto se se produce mediante ferramentas ou instrumentos de observación como se se trata de métodos de cultivo, técnicas reprodutivas ou algo tan simple como unha masaxe ou unha pomada. Como a ciencia se expresa desde Galileo en linguaxe matemática, xorde o problema de cal é a sección da matemática (xeometría?, topoloxía?, álxebra?, estatística?) que mellor representará a vida.
Esta é a discusión que ten o matemático, Ian Malcolm, co director de InGen, John Hammond, xa que os sistemas de ecuacións que utiliza a compañía non lle parecen axeitados. Malcolm di que a vida ten unha estrutura fractal, que consiste en fenómenos que se repiten infinidade de veces e que, aínda que observados de preto non parece que varíen, ao tomar distancia apréciase que van formando unha estrutura xigantesca que segue leis propias e que acaba desbordando sempre todas as previsións e límites.
Para visualizar estes conceptos tomamos a imaxe do fractal do dragón, que ilustra os capítulos do libro e que nós xa estudáramos noutro post deste blog: un xesto tan simple como dobrar unha tira de papel sobre si mesma vai dando lugar a unha complexísima curva con sorprendentes propiedades matemáticas.
En canto aos problemas tecnolóxicos non só nos referimos aos estritamente científicos, como o método para obter ADN dos dinosauros a partir dun mosquito fosilizado en ámbar, ou como completalo con fragmentos de rás e outros anfibios; tamén nos preguntamos polos aspectos éticos: É lícito reintroducir unha especie extinta nun mundo que xa non está adaptado para ela? Non é un orgullo suicida (a hybris da traxedia clásica) crer que podemos controlar todos os procesos da vida? Incluso, que precaucións debemos tomar cos supostos avances dos que non sabemos os problemas que poden traer, como poden ser o uso de insecticidas, pesticidas e antibióticos a niveis que causan un impacto na vida de todo o planeta, ou de transxénicos dos que non sabemos as reaccións que poden producir nos nosos organismos?

Materiais
Únete a nós nas seguintes aventuras desta primeira charla, O labirinto do Fauno e Unha mente marabillosa, e nas da segunda, O club dos poetas mortos, A laranxa mecánica e o Manifesto Comunista.
Podes ver aquí a presentación que compartimos a través de Zoom para guiarnos nesta charla:

No hay comentarios:

Publicar un comentario