
Este martes tivemos un encontro con Rosa Cameselle, a nosa Orientadora, no que nos falou sobre a ciencia da Psioloxía para informarnos tanto sobre a carreira universitaria como sobre a materia de 2º Bach., pero tamén para facernos ver como foi evolucionando esta ciencia e a importancia que hoxe ten nas nosas vidas.

O primeiro experimento (sinxelo) do que hai constancia fíxose en Oriente, onde pedían a unha persoa que debuxase ao mesmo tempo un círculo cunha man e un cadrado coa outra e extraían conclusións sobre o seu carácter. Comezan a falar de enfermidades da mente e a describir procesos psicolóxicos básicos.
En Europa, durante a Idade Media, os transtornos mentais considéranse consecuencia do pecado e trátanse mediante ritos relixiosos.
No Renacemento Descartes descobre o mundo da conciencia e o pensamento (Penso, logo existo), abrindo o camiño para a investigación sobre o mente a outros autores como Spinoza e Locke.
No s. XIX nace a psicoloxía científica. W. Wundt fundou o primeiro laboratorio de psicoloxía experimental, polo que é coñecido coma o pai da psicoloxía científica. W. James e E. Titchener fundan as escolas funcionalista e estruturalista, respectivamente.
As escolas clásicas

O condutismo busca evitar conceptos como “instinto” ou “inconsciente” e só se refiren a cousas observables como estímulos e respostas ou premios e castigos. Os autores máis importantes foron J. Watson, I. Pavlov, B. Skinner e E. Thorndike. Rosa contounos algúns dos experimentos sobre a aprendizaxe dos ratos que tivo que facer durante os seus estudos e o emocionante que foi volver ver estes aparellos anos despois: hoxe en día os animais están moi protexidos por leis éticas e os experimentos fanse mediante simuladores informatizados.

O cognitivismo é a escola con máis vixencia na actualidade. Comezou cos estudos da Teoría da Gestalt ( = “Forma”, en alemán), que demostran que o todo é máis cá suma das partes e o suxeito ten que agrupar os estímulos para formar unha figura que distingue do fondo. Isto vese moi claro nas figuras ambiguas que temos que interpretar como unha copa ou dúas caras, ou como un saxofonista ou unha cara de muller. Máis adiante, autores como J. Piaget deron un enfoque evolutivo á psicoloxía, o que permitiu desenvolver novas teorías e tratamentos específicos para a infancia e a terceira idade, a conexión coa pedagoxía e a medicina, etc.
O método da psicoloxía
- Precisión, para o que se utilizan instrumentos de medida como tests ou experimentos.
- Obxectividade, porque os fenómenos deben describirse do mesmo xeito, independentemente do suxeito que fai a observación.
- Empirismo, porque todos os conceptos deben facer referencia a calidades e accións observables.
- Determinismo, xa que se supón que todo o que sucede ten unha explicación e que, nas mesmas circunstancias, produciranse os mesmos resultados.
O método científico cognitivo-condutual ten catro partes ou obxectivos:
- Descrición: Recompilación de datos meditante técnicas diversas.
- Explicación: Busca de relacións de causa e efecto entre os fenómenos, proposta de hipóteses.
- Predición: Se as hipóteses son acertadas prediciremos resultados futuros.
- Control: Poder alterar ou reconducir as condicións en que algo sucede.
As principais áreas de estudo e aplicación da psicoloxía son:
- Psicoloxía experimental. Observa en condicións de laboratorio fenómenos básicos como percepción, sensación, aprendizaxe, memoria...
- Psicoloxía cuantitativa. Desenvolve métodos matemáticos para o estudo da conduta.
- Psicoloxía fisiolóxica. Atende ás manifestacións no corpo dos fenómenos psicolóxicos.
- Psicoloxía da personalidade. Estuda os trazos que caracterizan o comportamento de cada persoa individual, con moita repercusión na clínica.
- Psicoloxía social. Estuda ao individuo desde o punto de vista da súa relación co grupo de persoas co que interactúa.
- Psicoloxía evolutiva. Considera de xeito especial as características propias de cada idade da persoa.
- Psicoloxía da educación. Aplicación á aprendizaxe e desenvolvemento das persoas dos achados da psicoloxía.
Álbum de visitas e fotos
Neste álbum de visitas recollemos os comentarios máis persoais sobre os contidos do encontro e sobre o encontro en si. Despois hai unhas fotos para que lembremos esta ocasión (pica nelas para ampliar).
Grazas, Rosa, volve o ano que vén para o alumnado de 1º Bach. 2019-20!
Imaxe (Caixa de Skinner): impersonalytransferible.files.wordpress.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario