10 ago 2019

Encontro con Paz Gesteira, psicóloga e psicomotricista: Xogos e contos

Cando digo o problema fágoo real

Organizan: Departamento de filosofía e Proxecto de Biblioteca 2018-19 Os contos. Post redactado a partir de contribucións de todo o alumnado da materia de filosofía de 1º de Bacharelato.

Paz Gesteira é psicologa e psicomotricista. A psicomotricidade entende que as partes física e mental dunha persoa van unidas na forma de expresar o que sente mediante o corpo. Para desenvolver o seu propio método de traballo, Paz pasou por varios gabinetes nos que non estaba a gusto porque entendían a psicoloxía de maneira diferente a ela, todo era pasar tests e facer informes. Agora traballa deste xeito:

  • Primeiro fala cos pais.
  • Despois fala co paciente. É moi importante establecer a transferencia, unha relación de confianza plena.
    • Observa a súa postura e xestos, o corpo fala.
    • Dálle importancia a que a consulta sexa un espazo cómodo, con bo ambiente, polo que é un salón normal, diferente das aulas escolares, cunha gran alfombra onde pasan a meirande parte do tempo. Se van á mesa non se senta no lado de en fronte senón ao seu carón. Tamén hai pelotas grandes, xogos, libros de contos...
    • Escóitao interesándose polo que quere dicir, preguntándolle e falando todo: a súa vida, relacións, medos, enfermidades. Cando digo o problema fágoo real.
    • Na primeira entrevista adoita preguntarlles ti sabes por que estás aquí? para coñecer o xeito en que percibe o seu síntoma. Outra pregunta, máis adiante, é que pedirías se eu che puidese conceder tres desexos?
    • Nos xogos e os contos o paciente identifícase con algún personaxe e pódense descubrir diferentes aspectos da súa personalidade.
    • Confidencialidade: o que falan na consulta queda entre eles.
    • Non hai un tempo programado para finalizar o número de sesións.
  • Despois de tres sesións volve falar cos pais, e quizais tamén máis adiante porque nese momento xa o paciente permite que lles conte algunhas cousas das que falan na consulta ou incluso lle pide que o faga, xa que o ve coma unha liberación.
Remata a charla contando os casos de dous rapaces aos que axudou.

ANA
En palabras dos seus pais, é perfecta. Saca boas notas, é educada e encantadora. Pero pasa longas horas na pantalla xogando a videoxogos e isto vai afectando a toda a súa vida: non sabe perder e ten episodios de ira, colle perrenchas e cabreos.
Na primeira entrevista pórtase moi ben, ofrece a súa mellor cara, pero ten unha postura corporal encollida. Cando lle pregunta por que está alí di que non sabe, ela é feliz, non ten razón para estar triste. Nas seguintes sesións vai revelando que se sente mal cando xoga cos videoxogos. Non dorme soa, dorme con mamá “por se acaso”. Os tres desexos que “pide” son inmortalidade para a súa familia e para ela, non ter medo a morrer e non estar soa na vida.
É unha nena de sobresaínte pero ten moito medo a decepcionar aos seus pais e ten medo á ESO, chega ao punto de non ser capaz de facer nada por se lles fai dano aos demais. Ela desafógase cos videoxogos pero cando perde póñenlle emoticonos nos chats que lle fan sentirse unha perdedora... Este parece ser, finalmente, o verdadeiro problema cos videoxogos.
Coa terapia Ana plántalle cara ás inxustizas, é mais nena, xa fai as cousas porque quere, a angustia desaparece e, unha parte importante da solución, Ana aprende a dicir non cando considera que non ten que facer o que lle piden.

LEO
Chega a consulta cando está en 1º da ESO. Ten un diagnóstico de hiperactividade e déficit de atención polo que está fortemente medicado, e toda esta situación xustifica o seu fracaso escolar.
O seu corpo fala por el: é moi inquedo, con tics, compulsivo, inseguro... pero tamén é divertido, moi intelixente, pinta e escribe dunha forma impresionante.
Fai esta reflexión: o psicólogo é para xente especial. Todos temos un muro que romper, ser especial é bo. Ser especial significa ter un muro e se non o tes non te planteas as cousas, como por exemplo na novela Diverxente.
Paz axudouna a identificar e facer grechas no muro. Agora ten moitos amigos, é outra persoa, xa non está medicado e xa non ten tics, séntese guapo, está seguro de si mesmo e saca o curso perfectamente.

ÁLBUM DE VISITAS E FOTOS
Como xa dixemos, este post está feito a partir de contribucións de toda a xente de 1º Bach. No álbum de visitas recollemos algúns dos comentarios literais, e despois hai unhas fotos do encontro.
Ata o vindeiro ano, Paz!





No hay comentarios:

Publicar un comentario