23 may 2019

CHARLAS "Os contos" 3 - Os personaxes de Alicia no País das Marabillas

Non estou tolo, soamente vivo unha realidade diferente á túa.

Hoxe analizamos os personaxes de Alicia no País das Marabillas con Sheila, Aarón e Alexia.
Como estamos vendo, este libro que en aparencia é tan sinxelo e inocente ten unha gran complexidade porque se pode ler en varios niveis, e persoas distintas poden facer lecturas moi diferentes segundo as súas idades, os seus intereses, os seus trasfondos culturais... Isto nótase moi especialmente nos personaxes, nos que a xente maior ve moitos detalles que non ve a xente miúda: crítica social, preocupación polo paso á vida adulta, enigmas e xogos lóxicos
.
Alicia, o Sombreireiro Tolo, a Lebre e o Leirón. A eiruga
Alicia é unha nena ao inicio da adolescencia. A súa personaxe está nun debate continuo entre a infancia e a vida adulta, entre a inocencia e a madureza. Ten respecto polas normas e quere que todo o mundo se comporte correctamente pero resístese a abandonar a nenez, o que para Carroll significa a corrupción da inocencia edénica.

Sheila comenta que a escena máis lembrada do libro é a da festa de non-aniversario. Nela, Alicia atopa un grupo de toleiráns que toman té nun xardín, e a través deles vemos a imaxe que a nena ten das persoas adultas: caprichosas, con malos modais e que non cumpren nada do que a ela lle esixen.
O sombreireiro, entre outras cousas, fai referencia a un dito inglés (To be as mad as a hatter), que ten a súa orixe no feito de que, efectivamente, os sombreireiros acababan toleando por usaren compostos de mercurio no seu traballo. Este personaxe é tamén unha crítica dos costumes sociais, coma o té das 5. A frase que seleccionou Sheila é Non estou tolo, soamente vivo unha realidade diferente á túa.
A lebre tamén ten o seu dito (To be as mad as a March hare), que se debe a que o mes de marzo é o do estro das lebres. Di esta frase: Aos loucos hai que tratalos con cariño.
O leirón non ten unha personalidade definida. En realidade, é ese parente maior que queda durmido durante as comidas familiares (probablemente por abusar do viño e outros licores).
A eiruga di a frase Quen decide o que é apropiado ou o que non? Se alguén se pon un salmón na cabeza, ti faríalo?. É a persoa inconformista pero pasiva. Interpretámola coma unha persoa que consume drogas, xa que está fumando unha cousa rara enriba dunha seta… Xorde a pregunta: Como sei se debo probar algo que me ofrece unha persoa descoñecida?

O coello, a Raíña e o Rei, as cartas
Estes personaxes explícanolos Aarón. O coello é o primeiro personaxe fantástico que aparece no libro. É un espello da nosa sociedade: apresurado, cheo de ansiedade e autoesixente. A un nivel máis profundo, como veremos na próxima charla, representa o paso do tempo, que é un tema fundamental cando queremos ver o conto como unha metáfora da adolescencia. A frase pola que todo o mundo o recorda é Ai Deus!, Ai Deus!, Vou chegar tarde!, pero Aarón chámanos a atención sobre esta outra: Se coñeceras o tempo tan ben coma min non falarías de perdelo.
A raíña é intolerante, e é quen realmente goberna o País das Marabillas. A súa frase é Que lle corten a cabeza!. Quen lle dá o contrapunto é o rei, que é algo inepto pero ao final é a salvación de moitos que ían ser decapitados. Esta frase súa dío todo: Non me gusta nada a pinta que ten. Porén, pode bicar a miña man, se así o desexa.
Os naipes son serventes da raíña, con figura humana. Representan a submisión da sociedade ás figuras de poder. Aparecen cando Alicia entra no xardín, e Aarón cántanos a súa canción: Todos a traballar, as rosas hai que pintar e todas vermellas quedarán.


O Gato Risón
Un dos personaxes máis célebres do conto é o Gato de Cheshire, o gato que desaparece deixando un sorriso no aire. A Alicia moléstalle todo del, incluso cando non está á vista, pero trátao tamén coma unha figura adulta á que respectar.
Alexia cóntanos a anécdota que hai detrás do persoaxe: No condado de Cheshire, en Inglaterra, fan unhas galletas coa imaxe dun gato que sorrí. As nenas e nenos vanas comendo polos bordes ata que só queda a boca, como sucede co Gato Risón.
Na próxima charla faremos tamén un comentario máis amplo sobre o Gato filósofo polo que de momento quedaremos con esta frase súa: Sempre chegarás a algunha parte se camiñas o bastante.




Materiais
Aquí podedes descargar o cartel da charla e as presentacións que utilizamos, xunto coas fotos da hoxe:



 



Cretos: Wikipedia (Tea party), shoplet.com (Queeh of Hearts), thinglink.com (Cheshire Cat), kitchenlaw.blogspot.com (Biscuit).

No hay comentarios:

Publicar un comentario