Lewis Carroll foi unha persoa complexa, que viviu tanto no ámbito diáfano e diúrno da ciencia e a lóxica coma no escuro e nocturno das paixóns, quizais incluso demasiado profundas, ademais de dedicarse á relixión e á súa afección pola fotografía. Para compaxinar estes dous mundos utilizou en cada un unha linguaxe distinta: a das matemáticas no mundo da ciencia e a dos soños no mundo das paixóns.
Na charla de hoxe Luis, Julia e Andrea vannos achegar á figura de Carroll e a súa relación con Alicia, e Jose, Pablo e Laura van salientar os detalles nos que o conto transcorre coma un soño. Esta é a primeira dunha serie de tres charlas nas que nos asomaremos ao conto de Alicia no País das Marabillas.
Alicia e Carroll
Comeza Andrea. Charles Lutwidge Dodgson (verdadeiro nome de Lewis Carroll) e Alicia Liddell coñecéronse cando a nena aínda non tiña 4 anos e co tempo trabaron unha amizade profunda. El era diácono da igrexa anglicana, escribía libros sobre lóxica (desenvolveu unha técnica para representar os siloxismos mediante esquemas arbóreos) e cargaba sempre cunha cámara coa que fotografaba, sobre todo, persoas. Alicia tiña dúas irmás e frecuentemente saían a pasear polo campo. Carroll inventaba historias e adiviñas, case sempre sobre temas relacionados coa lóxica tratados con humor, e as rapazas estaban encantadas.
Julia e Luis comentan que o conto de Alicia non naceu, pois, nunha mesa dun despacho ao longo de meses ou anos, como adoita suceder, senon un día de 1865 en que baixaban en barca polo río Támesis, preto de Oxford, cando as irmás Liddell pedíronlle ao seu amigo que lles contase unha historia divertida. El improvisou esta historia, que máis tarde escribiu e publicou inicialmente co título As aventuras subterráneas de Alicia.
Tamén a relación entre o diácono e Alicia foi moi peculiar. Carroll buscaba nas súas fotografías representar unha inocencia edénica. Que quería dicir isto exactamente? El tomou gran cantidade de imaxes de nenas, sobre todo de Alicia, pero nalgunhas delas as meniñas aparecen espidas ou pouco vestidas (coma a Biblia pinta a Adán e Eva no xardín do Edén, antes do pecado), e a propia Alicia está nunha delas nunha actitude como de bicar a Carroll. Por isto frecuentemente formulouse a pregunta: cal era exactamente a relación que tiñan? Era el un ser completamente espiritual e inocente? Ou había na súa personalidade un trazo profundo de perversión?
Alicia no País das Marabillas: un soño
Pablo, Alba e Jose toman agora o relevo. O libro comeza con Alicia adurmiñada na herba e ve un coello branco entrar nunha tobeira. A nena ségueo e cae nun pozo que semella non ter fin. Este é o mítico momento en que, ao empezarmos a durmir, soñamos que caemos e damos un gran chimpo na cama… pero o relato segue e, a partir de aquí, as cousas ocorren coa lóxica do soño e do inconsciente.
Pablo chama a nosa atención sobre o feito de que as cousas aparecen e desaparecen conforme Alicia as necesita, e isto fai que a narración avance e vaian cambiando os escenarios, pero tamén ás veces provoca na heroína a angustia característica dos soños.
Todos os personaxes compórtanse dun xeito tolo, os animais intercambian os seus costumes e actitudes coas persoas, as cartas falan e camiñan, o gato de Cheshire faise visible e invisible…
Alba fíxase no absurdo das transformacións: un bebé convértese nun curricho ou un pau de crocket nun flamingo. Hai unha hipérbole constante, xa que calquera cousa que sucede (p. ex.: Alicia crece ou decrece), sucede dun xeito esaxerado e sen sentido.
Jose remarca o sentido psicanalítico do relato. O soño, di Freud, representa na nosa imaxinación a realización dun desexo, pero faino de xeito enmascarado e mediante dobres sentidos, polo que reaccionamos como ante unha realidade paralela que semella existir realmente.
Sobre cal é o desexo que move a Alicia falará outro grupo nas vindeiras semanas, cando falen sobre o xardín que a nena vai buscando e do conto en si coma una historia de tránsito cara a adolescencia.
Finalmente, Alicia comeza a rifar coa Raíña de Corazóns e os Homes-Carta e, coma nos soños, entra nun estado de angustia e acorda… e aquí remata, por hoxe, a nosa charla.
Aquí podedes descargar o cartel da charla e as presentacións que utilizamos, xunto coas fotos da hoxe:
No hay comentarios:
Publicar un comentario