29 jun 2013

A esquizofrenia en "Unha mente marabillosa"


Por Ángela Hernández Bouzón
1º Bach. Humanidades e Ciencias Sociais, 2012-13

Da esquizofrenia tense escrito e falado moito, pero a realidade é que no fondo é a gran descoñecida, ou mellor dito, sono as persoas que a padecen. Na película Unha mente marabillosa cóntase a vida de John Nash, un matemático que padeceu este transtorno.


A esquizofrenia
A esquizofrenia caracterízase pola aparición brusca tras un período de síntomas específicos: un deterioro predominantemente do pensamento, a linguaxe, o afecto e as habilidades sociais.
Na maioría dos casos aparece no contexto dunha síndrome psicótica caracterizado por alucinacións, delirios e comportamentos extravagantes.


Un estudante de matemáticas
Nash é o personaxe principal de Unha mente marabillosa. Ao principio da súa vida todo ocorre con total normalidade ata que lle é diagnosticada esquizofrenia; entón é cando se descobre que todo o que se fora vendo como argumento da película era creado pola súa mente. Cando comeza o relato é un estudante de posgrao; ao facer unha revolucionaria teoría consegue unha praza de profesor e nese momento é cando coñece a Alicia, unha das súas alumnas, quen o deixa fascinado demostrándolle que as leis do amor están por riba das matemáticas.

O brote psicótico
Entón comeza un novo tema: é recrutado por William Parcher para que axude aos EEUU na Guerra Fría contra a Unión Soviética. Pero pouco a pouco descubrimos que esta historia é creada pola mente de Nash debido á esquizofrenia. É levado a un psiquiatra, quen lle diagnostica a enfermidade e infórmanlle de que vai ser tratado mediante unha terapia electroconvulvisa durante varios meses para poder ser reinsertado na sociedade. Despois disto volve á casa pero mantendo unha medicación que o dorme mentalmente, non podendo desta forma traballar nas súas teorías ni ter relacións coa súa muller.
Nash tómase a súa enfermidade dun xeito divertido, por exemplo, na escena na que o seu amigo Sol o visita e pregúntalle si coñece a Harvey, outro amigo que está sentado na cadeira (onde en realidade non hai ninguén!); Sol preocúpase pero Nash ri e recoñece que era unha broma. Despois dun tempo, Nash deixa de tomar a medicación debido aos problemas que lle causaba. Pero de novo volve caer nas alucinacións e delirios que antes tiña. A súa muller, que deixara ao seu cargo o bebé que tiveran, decátase e preocúpase. Moi asustada decide irse co neno ao medio da estrada pero, cando xa vai marchar, Nash ponse diante do coche e dille que sabe que eles, os personaxes das súas alucinacións, non son reais, porque eles non crecen e ela, porén, si o fai. Nese momento reflexiona e desde ese acontecemento aprende a diferenciar entre o real e a súa imaxinación.

O premio Nobel
Xa ao final da película, Nash é galardoado co premio Nobel de economía pola gran calidade das súas teorías. No seu discurso dá as grazas á súa muller xa que esta foi un apoio imprescindible para a superación da súa enfermidade, e di textualmente:
Sempre crin nos números, nas ecuacións e na lóxica, que levan á razón. Pero despois dunha vida de busca dígome: Que é a lóxica? Quen decide a razón? Busquei a través do físico e do metafísico e fixen o descubrimento da miña vida: só nas misteriosas ecuacións do amor pode atoparse algunha lóxica.

A miña opinión
Na miña opinión, a película explica moi ben o que é a esquizofrenia e axuda a "entender" como se sente quen a padece, aínda que para iso o director tivo que esaxerar esta enfermidade. Por exemplo: na realidade estes trastornos e alucinacións soamente se escoitan e o director quixo escenificalos con imaxes para que se vise máis clara a historia e que as alucinacións do protagonista parecesen máis reais e comprensibles nunha linguaxe cinematográfica.
Desde o meu punto de vista, o xeito divertido en que Nash trata a enfermidade é o que fai que poida convivir con ela. O máis importante é o papel que teñen tanto Alicia, na película, como na realidade os familiares; é moi importante e moi difícil, como se representa na escena en que ela, farta das consecuencias da medicación, estoupa e guinda un vaso contra a parede. Non creo que na realidade haxa moitos esquizofrénicos como Nash e que poidan convivir con esa enfermidade, que é o que el acaba logrando cando se decata de que as súas alucinacións nunca crecen e a súa muller si.
Finalmente, o que podo engadir é que Unha mente marabillosa é unha película que todo o mundo debería ver para así ter outra visión desta enfermidade.

Materiais para descargar
Pica nas imaxes para ir ás páxinas indicadas:
Unha biografía de John Forbes Nash, o matemático en quen se inspira o personaxe principal desta película (Na Wikipedia)
A ficha da película en IMDb (Internet Movie Data base)

Unha discusión sobre a película desde o punto de vista psiquiátrico (Documento do Centre d'assistència terapèutica de Barcelona)

No hay comentarios:

Publicar un comentario