30 jun 2013

Os símbolos de "O nome da rosa"


Por Lidia Figueroa García
1º Bach. Ciencias e Tecnoloxía, 2012-13

O nome da rosa é unha obra de Umberto Eco. Nela pódese ver a outra cara da Igrexa e a forma de vida das persoas da época medieval.
O fío do relato está nunha serie de asasinatos que se producen nun mosteiro. Ao longo de toda a obra pódense observar varios símbolos.

Símbolos relixiosos
atopamos en primeiro lugar o mosteiro, que está (significativamente) apartado da sociedade xa que ten que estar nun lugar sagrado, e orientada cara ao leste, posto que o sol se pon por aí e é símbolo de luz.
Tamén hai cruces, símbolo evidente do cristianismo.
Os frades danse a benvida á abadía bicándose nos beizos, no nome de toda a congregación.

Animais
Aparecen en varias ocasións varios corvos, que fan referencia á morte, e un gato negro, que fai referencia á bruxería, tema moi sensible na Idade Media, cando moitas mulleres foron queimadas en fogueiras por seren declaradas bruxas.
Os frades tiñan fama de vivir moi ben e comer moito, o que se mostra coa matanza do porco.

Lugares, palabras e números
A biblioteca da abadía é un símbolo moi claro xa que o coñecemento das persoas está presente en toda a obra.
O labirinto que contén a biblioteca tamén é moi importante xa que é signo do mundo. O labirinto réxese por unha serie numérica e por frases en latín.
Unha das curiosidades desta obra é que xira en torno ao número sete:
As salas da biblioteca están organizadas a partir deste número,
sete son tamén os asasinatos que se producen na abadía,
os capítulos do libro,
as horas de traballo dun monxe e
o tempo no que transcorren os sucesos.
Fóra dos libros, sete son os planetas,
os sacramentos e
os pecados capitais.
Nesta biblioteca preséntase unha fusión entre o libro bíblico da “Apocalipse” e o mapa xeográfico do mundo.

O título
“O nome da rosa” pode ter varias interpretacións. A rosa é unha flor que pode ter moitos significados. Asóciase coa biblioteca onde se produce o misterio; tamén é relacionada co labirinto, figura moi usada para a xeometría e os misterios e frecuentemente utilizada nos pavimentos de moitas igrexias góticas.
Por último, a rosa está asociada á figura da Virxe María. Penso que a rapaza, a quen condenan por bruxería, fai en parte referencia á virxe posto que é moi humilde. O rapaz namórase dela e ao final da obra di que nunca soubo o nome daquela rapaza. Por isto creo que o título é debido a que el non sabía o nome da rosa, da súa Rosa.

A muller
Pero o símbolo da virxe non aparece nesta obra de forma positiva xa que deixa de lado a realidade da época. As mulleres dedicábanse á prostitución e eran utilizadas. Mantiñan relacións cos curas do mosteiro para conseguir un corazón de animal. Eran un “obxecto”. Elas conseguían o corazón de vaca pero non os dos cregos. Socialmente eran bastante rexeitadas. Esa figura da virxe, polo tanto, é unha imaxe ideal que os relixiosos utilizan para poderen ignorar a inxustiza do trato que dan ás mulleres reais.



29 jun 2013

A esquizofrenia en "Unha mente marabillosa"


Por Ángela Hernández Bouzón
1º Bach. Humanidades e Ciencias Sociais, 2012-13

Da esquizofrenia tense escrito e falado moito, pero a realidade é que no fondo é a gran descoñecida, ou mellor dito, sono as persoas que a padecen. Na película Unha mente marabillosa cóntase a vida de John Nash, un matemático que padeceu este transtorno.


A esquizofrenia
A esquizofrenia caracterízase pola aparición brusca tras un período de síntomas específicos: un deterioro predominantemente do pensamento, a linguaxe, o afecto e as habilidades sociais.
Na maioría dos casos aparece no contexto dunha síndrome psicótica caracterizado por alucinacións, delirios e comportamentos extravagantes.


Un estudante de matemáticas
Nash é o personaxe principal de Unha mente marabillosa. Ao principio da súa vida todo ocorre con total normalidade ata que lle é diagnosticada esquizofrenia; entón é cando se descobre que todo o que se fora vendo como argumento da película era creado pola súa mente. Cando comeza o relato é un estudante de posgrao; ao facer unha revolucionaria teoría consegue unha praza de profesor e nese momento é cando coñece a Alicia, unha das súas alumnas, quen o deixa fascinado demostrándolle que as leis do amor están por riba das matemáticas.

O brote psicótico
Entón comeza un novo tema: é recrutado por William Parcher para que axude aos EEUU na Guerra Fría contra a Unión Soviética. Pero pouco a pouco descubrimos que esta historia é creada pola mente de Nash debido á esquizofrenia. É levado a un psiquiatra, quen lle diagnostica a enfermidade e infórmanlle de que vai ser tratado mediante unha terapia electroconvulvisa durante varios meses para poder ser reinsertado na sociedade. Despois disto volve á casa pero mantendo unha medicación que o dorme mentalmente, non podendo desta forma traballar nas súas teorías ni ter relacións coa súa muller.
Nash tómase a súa enfermidade dun xeito divertido, por exemplo, na escena na que o seu amigo Sol o visita e pregúntalle si coñece a Harvey, outro amigo que está sentado na cadeira (onde en realidade non hai ninguén!); Sol preocúpase pero Nash ri e recoñece que era unha broma. Despois dun tempo, Nash deixa de tomar a medicación debido aos problemas que lle causaba. Pero de novo volve caer nas alucinacións e delirios que antes tiña. A súa muller, que deixara ao seu cargo o bebé que tiveran, decátase e preocúpase. Moi asustada decide irse co neno ao medio da estrada pero, cando xa vai marchar, Nash ponse diante do coche e dille que sabe que eles, os personaxes das súas alucinacións, non son reais, porque eles non crecen e ela, porén, si o fai. Nese momento reflexiona e desde ese acontecemento aprende a diferenciar entre o real e a súa imaxinación.

O premio Nobel
Xa ao final da película, Nash é galardoado co premio Nobel de economía pola gran calidade das súas teorías. No seu discurso dá as grazas á súa muller xa que esta foi un apoio imprescindible para a superación da súa enfermidade, e di textualmente:
Sempre crin nos números, nas ecuacións e na lóxica, que levan á razón. Pero despois dunha vida de busca dígome: Que é a lóxica? Quen decide a razón? Busquei a través do físico e do metafísico e fixen o descubrimento da miña vida: só nas misteriosas ecuacións do amor pode atoparse algunha lóxica.

A miña opinión
Na miña opinión, a película explica moi ben o que é a esquizofrenia e axuda a "entender" como se sente quen a padece, aínda que para iso o director tivo que esaxerar esta enfermidade. Por exemplo: na realidade estes trastornos e alucinacións soamente se escoitan e o director quixo escenificalos con imaxes para que se vise máis clara a historia e que as alucinacións do protagonista parecesen máis reais e comprensibles nunha linguaxe cinematográfica.
Desde o meu punto de vista, o xeito divertido en que Nash trata a enfermidade é o que fai que poida convivir con ela. O máis importante é o papel que teñen tanto Alicia, na película, como na realidade os familiares; é moi importante e moi difícil, como se representa na escena en que ela, farta das consecuencias da medicación, estoupa e guinda un vaso contra a parede. Non creo que na realidade haxa moitos esquizofrénicos como Nash e que poidan convivir con esa enfermidade, que é o que el acaba logrando cando se decata de que as súas alucinacións nunca crecen e a súa muller si.
Finalmente, o que podo engadir é que Unha mente marabillosa é unha película que todo o mundo debería ver para así ter outra visión desta enfermidade.

Materiais para descargar
Pica nas imaxes para ir ás páxinas indicadas:
Unha biografía de John Forbes Nash, o matemático en quen se inspira o personaxe principal desta película (Na Wikipedia)
A ficha da película en IMDb (Internet Movie Data base)

Unha discusión sobre a película desde o punto de vista psiquiátrico (Documento do Centre d'assistència terapèutica de Barcelona)

28 jun 2013

CHARLAS "O MANIFESTO COMUNISTA" - 6

6ª sesión: O comunismo despois de Marx
Proletarios de todos os países, unídevos!

A última charla por este ano trata sobre o comunismo despois de Marx. Coñecemos a historia: os dous bloques, a caída do telón de aceiro, China, Corea e Cuba... Pero agora enterámonos do trasfondo filosófico destes sucesos da man de María de la Fuente, Alba Estévez, Irene Iglesias, Sara Otero e Daniel Rodríguez.

Sara rompe o (escaso) xeo comentando as medidas que Marx e Engels consideraban imprescindibles para dar inicio á ditadura do proletariado e que Javier nos avanzara na 4ª sesión:
Expropiación da terra
Forte imposto progresivo
Nacionalización de sectores da economía
Obrigación (dereito) de traballo para todos
Servizos básicos públicos

Continúa Irene: a revolución soviética non era previsible desde o punto de vista marxista porque era unha rebelión do proletariado contra a aristocracia, sen a intermediación da burguesía e a industrialización. Pero, fose como fose, deixou ao mundo dividido en dous bloques: o capitalista da OTAN e o comunista do Pacto de Varsovia.

Que avances supuxo o comunismo? María fai un repaso aos principais:
Dereito á alimentación, traballo e vivenda
Seguridade social e educación gratuitas e de calidade
Pensións e baixas laborais
Avances tecnolóxicos

E é real esta situación? Daniel responde analizando a situación da Cuba actual, onde hai grandes avances (educación e sanidade, alimentación, autoconsumo) pero tamén grandes atrasos (totalitarismo, presas/os políticas/os, violacions dos dereitos humanos).

Agora ben, pode o capitalismo sobrevivir desoindo a Marx? Alba amosa que as crises capitalistas que se describen no Manifesto son unha realidade: basta mirar arredor de  nós.
Pero xa despois do Crac do 29 se tomaran medidas para implementar as propostas que Keynes tomara do marxismo para poder salvar o capitalismo:

Imposto progresivo
Intervención do Estado en favor dos sectores en ciclo baixo
Incentivación do movemento económico
Protección dos sectores estratéxicos
 
Finalizamos esta actividade por este ano!
PARABÉNS! Foi un interesantísimo traballo
Grazas á xente de 2º Bach. pola súa asistencia e apoio!
Vémonos o ano que vén!!!
 





Materiais para descargar

Descarga a presentación e o cartel premendo nas ligazóns:



Para descargar as seis presentacións e os seis carteis da serie (con compresión RAR) preme aquí:


27 jun 2013

CHARLAS "O MANIFESTO COMUNISTA" - 5

5ª sesión: Comunistas e Socialistas (Capítulo 3 da obra)
Proletarios de todos os países, unídevos!



A nosa charla de hoxe é sobre o terceiro capítulo da obra, no que Marx e Engels revisan a literatura socialista anterior ao Manifesto.
Os esforzos destes dous autores dedicáronse a crear unha teoría científica do socialismo, e o que critican en todas as formas anteriores é que, no mellor dos casos, tratábase dun socialismo utópico dirixido pola burguesía, cando non dun intento reaccionario de desmobilizar ao proletariado.

Hoxe presentan Carlos Rafael, Samuel Soutullo e Samuel Rodríguez... e grazas a Antonella Panebianco polas fotos do móbil!!!



Comeza Carlos explicando o socialismo feudal, que estaba impulsado pola nobreza medieval coa intención de mellorar as condicións de vida da clase traballadora. Non hai máis que pensar que o clero estaba a favor para decatarse de que en definitiva só se trataba dun parche para calmar o descontento do pobo.

O socialismo pequeno burgués, que nos explica Samuel Soutullo, foi un paso intermedio, necesario no seu momento, pero que había que superar. Esixía melloras para a burguesía que se fora asentando nas cidades, onde acumulara riqueza e poder. Pero só querían restaurar os antigos medios de produción gremial baixo a súa supervisión, sen ceder no seu dominio sobre a clase obreira.

Finalmente, Samuel Rodríguez resume as coñecidas críticas de Marx e Engels aos utopistas: Fourier, Owen e Saint-Simon. O seu compromiso foi real pero o seu socialismo non era científico e levou a unha serie de actitudes paternalistas, sen melloras a longo prazo.
O verdadeiro comunismo científico esixe como condición da fin da opresión a revolución proletaria. O texto remata coa famosa frase:


Proletarios de todos os países, unídevos!
 



Materiais para descargar

Para descarga a presentación e o cartel, preme nestas ligazóns: