30 abr 2019

CHARLAS "Os contos" 1 - 39 (simples) contos filosóficos

Se é verdadeira, é falsa. Se é falsa, entón é verdadeira.

Comezamos a finais deste mes de abril as charlas filosóficas. O tema deste ano é, como é habitual, o do proxecto de biblioteca: Os contos.
A primeira charla está a cargo de Iñaki Míguez, axudado por Andrés Pereira, e trata sobre o libro de Roberto Casati e Achille Varzi 39 (simples) contos filosóficos. Ao principio da charla Iñaki amósanos o seu exemplar para ver que está dividido en seccións e para indicar a cales se vai referir: as números 1, 2, 4 e 8. Despois déixanos o libro para que o pasemos e vexamos que se trata de relatos curtos, de apenas un par de follas cada un.

Sección 1 (Por que facemos as cousas?)
Co relato da Habitación 88 pónsenos o exemplo dun lugar dividido por un estraño espello: se o toco coas mans toco algo quente e non frío, como adoitan ser os espellos, se escribo con rotulador non queda marca na superficie… A pregunta filosófica é como podo saber que se trata dun espello e non dunha persoa simétrica a min que está forzada a actuar como a miña imaxe en todo o que fago? E, seguindo co razoamento, como podo saber que son eu quen actúa e que non son a imaxe doutra persoa, e que é ela e non eu quen decide libremente a súa acción? Estes e outros temas se desenvolven tamén noutros relatos desta sección: A propósito dun proxecto inútil, O artista de mozo e A cadea que conduce á portería.

Sección 2 (Qué nos fai nós mesmas/os?)
Comentamos o relato Somníferos Zombi S.A.: unha muller vai nun avión baixo o efecto dun somnífero que fai que charle e se mova normalmente, pero interiormente non é consciente porque vai profundamente durmida e de todo o que lle suceda apenas lle quedará unha vaga lembranza. A pregunta é se eses momentos perdidos forman realmente parte de nós, ou dito doutra maneira, qué lle sucede a unha persoa cando se interrompe a liña da consciencia e non hai conexión entre uns momentos e outros. O tema continúase noutros relatos como Amnesia parcial, Transplante de persoa e Os sabores de xeado.

Sección 4 (Asociación de palabras con cousas)
Co relato Unha viaxe cancelada discutimos que relación hai entre unha palabra e as imaxes que suxire. Por exemplo, se contratamos unha viaxe ao polo e resulta que o xeo está fundido, ou non vai frío, poderiamos reclamar? Tendemos a pensar que o deserto é cálido e cheo de dunas, pero hai tamén lugares deshabitados (isto é o que significa a palabra “deserto”) que son moi fríos ou cheos de herba. Do mesmo xeito, pensamos que unha queimadura ten que producirse polo lume ou o sol, pero tamén o xeo ou unha rozadura poden queimar… Outros relatos que continúan con este tema son : Reflexións, Burbullas, Datas de nacemento e algúns máis.

Sección 8 (Paradoxos)
Finalmente, consideramos o tema dos paradoxos a través do relato Unha visita inesperada: se dicimos que imos visitar a unha persoa nun día da semana tal que o día anterior non vai saber que día será a visita resulta que, razoando recursivamente, non pode ser o domingo, e por tanto tampouco o sábado, e por tanto tampouco o venres… ata que vemos que tampouco o luns e, conseguintemente, a visita non pode realizarse ningún día. Este paradoxo e outros coñecidos, coma o do mentireiro (“Esta oración é falsa”) ou as frases paradoxais (Frase de arriba: “A frase de abaixo é falsa”, Frase de abaixo: “A frase de arriba é verdadeira”) explícanse tamén noutros relatos como : Interesante, A tarta embruxada e Efecto placebo.

Materiais
Aquí tedes o cartel da charla e a presentación multimedia de Iñaki, e despois unhas fotos da charla:



   






8 mar 2019

Participamos no concurso de microrrelatos de Amnistía Internacional

O tema do Concurso de Microrrelatos deste ano é o acoso escolar. Na materia de valores éticos participamos escribindo os relatos en clase; despois, se queremos, podemos presentalos para o concurso, entregándoos a través do formulario que está nesta páxina.

Na convocatoria dise:

    Sensibilizar sobre o problema do acoso escolar, concienciar á sociedade sobre a importancia de tomar medidas e dar a coñecer os novos medios cos que se conta para previlo e loitar contra el (coma os equipo de mediación). Estes son o obxectivos do V Concurso de Microrrelatos Xuvenil organizado pola Rede de Escolas de Amnistía Internacional Vigo. Nesta ocasión, o tema do concurso é “No noso grupo conseguímolo” e busca abordar tanto a problemática do acoso escolar como posibles solucións. Por iso, os textos que se presenten -a extensión máxima é de 250 palabras- deberán centrarse nos diferentes suxeitos que sofren a violencia, exércena, traballan para erradicala… tendo en conta diferentes punto de vista, especialmente da comunidade escolar.    

Estes son os nosos relatos (Amplía a presentación a pantalla completa para lelos comodamente):



24 nov 2018

Non máis pedras - 25 de novembro, contra a violencia machista

Na materia de Valores éticos da ESO participamos na acción contra a violencia machista do Grupo do Floriani da Rede de Escolas de Amnistía Internacional e a Biblioteca Escolar.
No patio do recreo estaban postos uns carteis xunta unhas pedras que simbolizaban os obstáculos que tivo que atravesar Blanca, nome ficticio para un caso real dunha muller que sufriu unha violación e agresión machista. A acción está contada no blog RedEscolas Floriani e pódese acceder picando na imaxe da dereita. Nós preguntámoslles ás rapazas e os rapaces da Rede polo caso e nos informaron con moito detalle:

Que sucedeu? Que obstáculo simboliza cada unha das pedras?
Cales son as mensaxes clave que quere transmitir Amnistía?
Que di o manifesto que están asinando as persoas maiores de idade?
Despois fixemos un resumo nos nosos cadernos, discutimos o caso en clase e puxemos en común a nosa opinión sobre a violencia machista e a necesidade de acabar con ela.




30 oct 2018

O complexo de Edipo, por Andrea Regueiro, 1º Bach. 2017-18

Historia de Edipo Rei
O rei Laio de Tebas foi advertido de que o seu fillo asasinaríao nun futuro, polo que decidiu mandar un criado a matalo. Este, por compaixón, entrégallo a Pólibo, rei de Corinto. Ao pasar os anos, Edipo foxe da casa e no seu traxecto encóntrase un grupo de persoas que toma como ladróns e, sen sabelo, asasina ao seu pai biolóxico. Ao continuar enfróntase a unha esfinxe resolvendo un enigma e derrótaa, salvando a cidade de Tebas. Casa con Iocasta, reina viúva de Tebas, coa que ten 4 fillos. Un día unha peste asola a cidade, polo que manda a algúns dos seus servos a xunto dos deuses para preguntarlles por unha solución contra ela. Consultan ao oráculo, Tiresias, quen lles di que o mal non cesará ata que o asasinato do anterior rei, Laio, non sexa vingado. Edipo inicia unha busca e descobre que é a el mesmo a quen buscaba. Iocasta suicídase aforcándose e el decide arrancarse os ollos e marcha de Tebas para sempre.

O Complexo de Edipo
A finas do século XIX e principios do XX Sigmund Freud propón a súa teoría psicanalítica. Con esta teoría trata de explicar a conduta e a personalidade humanas baseándose en que toda a nosa personalidade desenvólvese na nosa infancia, dende que nacemos ata aproximadamente os 12 anos. Freud divide a infancia en diferentes etapas (oral, anal, fálica, período de latencia, prepubertade e pubertade) e a cada etapa asocia un centro de pracer e os supostos trazos da personalidade que deberíamos adquirir. A súa teoría aséntase sobre a sexualidade e a súa represión de diferentes formas xa que observou nos seus pacientes que todo o que lle contaban tiña un carácter sexual e eran cosas que pasaran na infancia.
Un dos alicerces fundamentais na súa teoría é o Complexo de Edipo que ocorre durante a fase fálica, a primeira na que os nenos empezan a desenvolver a sexualidade nos xenitais aínda non maduros. Aparece o interese polas diferenzas sexuais e os xenitais, polo que é de suma importancia que a represión deste desexo non obstrúa a capacidade de investigación, coñecemento e aprendizaxe do neno.
Freud afirma que os nenos empezan a sentirse atraídos polo proxenitor de distinto sexo tendo cara a el un sentimento de ambivalencia xa que o amor polo seu pai ou nai é tan grande que necesitan estar todo o rato con eles e teñen moitas discusións e enfados se non o conseguen, pero esta necesidade compulsiva non permite que o seu proxenitor leve unha vida normal e tranquila. Os sentimentos cara ao outro proxenitor, o do mesmo sexo, son ben distintos: o principal é o odio xa que o ven como un rival en competencia polo amor do outro proxenitor. Esta relación triangular na que o neno poderíamos dicir que se namora da súa nai e quere matar ao pai foi chamada Complexo de Edipo por Freud e segundo el a correcta superación deste é o que crea a nosa identidade sexual.
Este conflito supérase durante o período de latencia no que se desenvolven as tres instancias da personalidade: iso, eu e supereu. É este último o que nos axuda a superar o Edipo facendo que nos decatemos de que o amor polo noso pai é imposible xa que existen unhas diferenzas obvias moi significantes. O proxenitor de distinto sexo pasa de ser o amado do fillo a ser coma o modelo que o neno vai buscar nas súas próximas parellas. Durante este período de latencia o desexo sexual reprímese e o centro de pracer atópase en todo o corpo. O supereu, a través de sublimacións, canaliza ese desexo sexual a actividades normalmente creativas como pode ser debuxar e pintar ou a realizar algún deporte.

Relación do Complexo de Edipo coa historia de Edipo Rei
Na teoría freudiana, o suxeito pode fuxir da angustia, afrontala astutamente ou, nun certo modo, negarse a entrar na escena edípica, preferindo anular ao pai. Esta idea relaciónase coa historia de Edipo rei, xa que Edipo mata ao seu pai, aínda que non fose consciente de que o era. O suxeito pode loitar contra a súa angustia e protestar co dilema que se lle ofrece. En ambos casos, ábrense camiños que o levan á neurose, perversión ou á loucura. Por iso Edipo termina enfermo. Edipo anula ao seu pai quitándolle a vida, Freud utiliza isto para reflexar a súa teoría.
Na teoría de Freud, esta relación dual é en realidade unha relación na que o terceiro polo atópase ocupado por unha sombra (a do pai), xa que o neno, no seu diálogo coa nai, encontra ao seu pai no inconsciente desta. Igualmente na relación dual de Edipo intervén un cuarto termo, que é a morte desexada do pai ou morte temida do fillo, isto é a castración. No mito, Edipo mata ao seu pai, pero se non houbese morto el. Dalgunha maneira, temía que o seu pai o matase, e iso o leva a desexar a súa morte.
Para Freud, o momento no que Edipo se quita os ollos representa a castración. Como mirou a súa nai, cástrase el mesmo quitándose os ollos (é simbólico). Cando Laio ordena a Iocasta que mate o neno ao nacer, isto simboliza tamén a castración, pero como non se efectuou, realízaa el mesmo. Para Freud, o feito de que Laio mandara matar ao neno para evitar a traxedia simboliza o feito de que o neno renuncie a súa nai (evitar a traxedia) por medo a que o seu pai o castre. Edipo non a poido evitar, entón autocastrouse (simbolicamente) quitándose os ollos.

Comentario crítico
A teoría de Freud foi amplamente criticada xa que inicialmente propuxo o Complexo de Edipo e practicamente toda a súa teoría para explicar o desenvolvemento da personalidade dun varón deixando ás nenas a un lado e explicando o seu desenvolvemento coma unha excepción na súa teoría. Aínda que poida parecer unha teoría machista o mesmo Freud admitiu que non tiña os coñecementos necesarios na psicoloxía feminina e animou a moitas mulleres a que escribiran a súa teoría psicanalítica para poder explicar os casos das nenas. Outro dos problemas do Complexo de Edipo proposto por Freud e que non pode explicar o que ocorrería no caso de ser unha familia homoparental ou monoparental.
Ademais sempre existirá a discusión de en que rama da ciencia debe encadrarse a psicoloxía xa que ten unha parte natural e unha social. Toda a teoría de Freud necesita dunha interpretación segundo o paciente ao que se lle realice a terapia xa que a pesar de que Freud explicara que ocorre en cada fase isto pode cambiar e sempre é necesaria a valoración do paciente, que é quen vai a darlle ao psicanalista os datos necesarios para o seu tratamento.

Imaxes
Edipo e a esfinxe, Ingres via Wikipedia
 (Ver).
Freud: portada, Edipo, crítica - Norma cómics (Ver)
Freud para principiantes (e Psicanálise, Jung, Klein...) (Ver).


29 oct 2018

Who am I? - Bilingual Philosophy 4th ESO 18-19

WE DID IT!
All the class got full marks for our task in Pixton Comics, ‘Who am I?’.
CONGRATULATIONS!
You can visit the post with the description of the task by clicking here, and have a look at our comics by opening this presentation:



AND you can also download the editable presentation by clicking on this image:

2 oct 2018

Sign up to Pixton Comics!

Hi! Today we start our comic.

Please, click on the image below and follow the instructions to join the Pixton Philosophy class:


First, make your avatar and send it to me through Edmodo.

Then, make your comic introducing and describing yourself.

Enjoy the task, have a nice time!

16 sept 2018

Benvida 18-19. Códigos Edmodo

Comezamos o curso 2018-19! Desde o Departamento de Filosofía do IES Pedro Floriani desexámosvos unha boa experiencia, moita aprendizaxe e que as notas acompañen ao final.

Para as materias deste Departamento necesitarás rexistrarte en Edmodo. Pica nesta ligazón para acceder e utiliza estas claves:

Valores éticos 18-19 9kw69j
Filosofía 1A 18-19 cmgnnb
Filosofía 1B 18-19 5vkxma
Filosofía 2 18-19 5z2enw


For the students in the Philosophy bilingual class, a warm welcome and best wishes for the coming academic year.
Please, join the Edmodo course Philosophy 17-18 using the password s772v4. You'll love the Philosophy class!