26 may 2011

Visita á igrexa de Redondela e Casa da República

O xoves, 26 o grupo de 2º ESO saímos polas rúas da nosa vila como parte do traballo da 3ª avaliación que empezáramos co comentario da película O labirinto do fauno: A lexitimación do poder. Queremos ver como está presente aos nosos ollos a memoria do que sucedeu nos tempos (xa non tan recentes) da República, a guerra civil e o franquismo, pero tamén como esa memoria se cambiou e se adaptou para desfigurar os feitos históricos. Para enterármonos do que pasou non abonda con que miremos o que temos diante; temos que interpretar os símbolos que dialogan na pedra e preguntármonos onde se agocha o que non está á vista.


A igrexa de Redondela
Imos paseando baixo o sol. O día está precioso pero un pouco quente de máis para camiñar. Chegamos á igrexa de Redondela.


Despois de sacarmos unhas fotos charlamos sobre os nomes que hai escritos na parede. De quen son? Buscamos os nosos apelidos: moitos temos aí algún parente.
Os nomes son os dos mortos na guerra civil no bando franquista. Están ao lado do de José Antonio Primo de Ribera, co saúdo falanxista (PRESENTES!).
Pero o bando franquista foi o que se amotinou contra o poder lexítimo da República proclamada democraticamente. Quere isto dicir que os que aquí están nomeados son traidores? Non necesariamente: a situación foi moi complicada e moitas persoas non loitaron no bando que representaba o seu xeito de pensar.
E os mortos da República? Esta é outra historia. Os (e As) que morreron na guerra están enterradas/os en fosas comúns... pero houbo moita xente represaliada, paseada (xa estudamos estas expresións en clase) que non foron enterradas sequera. Quedaron polas beiras dos camiños e algúns dos seus nomes aínda figuran nos libros dos xulgados como acusadas/os e condeadas/os... por TRAIZÓN! Esta mentira converteuse en historia. E non haberá ninguén que a denuncie e a corrixa?
Falamos doutras igrexas da vila. Tamén nelas hai nomes de mortos do bando franquista. Que partido tomou o clero en todos estes sucesos? Por que? Segue a Igrexa mantendo a mesma posición, despois de tantos anos?

A casa da República

En Redondela hai un colectivo republicano moi activo que ten un local nas vivendas do concello xunto ao conservatorio. Imos aló, outra vez baixo o sol.


Novamente hai moitos símbolos que discuten entre si e contan historias a quen saben entendelos:
A bandeira republicana
Unha cruz gammada
Sobre a cruz, un círculo que representa un punto de mira dun arma
O xugo e as frechas, e por riba un sinal de dirección prohibida
Letras tachadas, ameazas de morte...

Cando é lexítimo o poder? Lembramos algunhas condicións das que vimos no libro de texto:
Elección democrática en liberdade
Separación de poderes (lexislativo, executivo, xudicial)
Respecto aos dereitos humanos...

Volvemos ao noso centro coa idea de que hai que saber, hai que falar. Aínda que nós non falemos, as pedras falan. Hai que saber a verdade, hai que dialogar, hai que construír o futuro en paz, diálogando, falando sen medo de todas as cousas.

 

15 may 2011

O labirinto do fauno - 2º ESO 2010-11

Comentario gráfico dun texto fílmico

O traballo da terceira avaliación en 2º ESO é un Comentario de Texto moi especial porque o texto é unha película, O labirinto do Fauno, de Guillermo del Toro, e o comentario está feito mediante debuxos.
Do mesmo xeito que un comentario de texto ten dous elementos fundamentais, os termos e as ideas, nós tomamos en consideración dous elementos: os persoaxes e os símbolos.
 



Con todo isto queremos chegar tamén a unha comprensión profunda do franquismo: a proclamación da república, a sublevación militar, a guerra e a posguerra... e finalmente a restauración da democracia.
Preguntámonos: Está xa todo o problema superado ou quedan aínda feridas por curar? Todo isto continuará cunha reflexión sobre a lexitimidade do poder e as formas de goberno máis xustas, como veremos na visita á igrexa de Redondela e Casa da República.


19 abr 2011

CHARLAS "UN MUNDO FELIZ" - 2

Socioloxía: Un feliz mundo novo, de Aldous Huxley
Por: Samuel Fernández e Xiana Roza, 1º Bacharelato Humanístico


O máis sorprendente é que non querían controlalos: buscaban a súa felicidade

Samuel e Xiana fálannos dos personaxes máis importantes da novela de Aldous Huxley: Bernard Marx, Lenina Crowne, Helmholz Watson, John O Salvaxe, Linda e Mustafá Mond.

Os cinco primeiros son importantes para o desenvolvemento da acción, pero é o último o que leva máis peso filosófico porque é el quen explica, na metade da novela, por que esa sociedade está organizada así: a felicidade conséguese a base de eliminar as tensións edípicas ao suprimir a familia, ocupar o tempo libre porque os seres humanos, cando non traballan, destrúense mediante o alcolismo e a violencia, anular a intelixencia e a ansia de coñecemento porque dan falsas esperanzas ás persoas, eliminar a conciencia do sufrimento e a morte e, en resumo, fomentar o consumo e a destrución para que a industria siga sempre traballando a un ritmo constante.

Pica aquí para ver a presentación multimedia feita por Samuel e Xiana (para descargala, click dereito + Gardar enlace como...).



APRENDE A USAR O BUSCADOR MEIGA

Como podo atopar os fondos de lectura filosófica?

...Buscar por: Lista alfabética // En: CDU // (Criterio de busca): 1(82)

MEIGA atopa unha listaxe de todos os libros que están fichados coa clave CDU 1(82). Esta clave está formada polo número 1, que quere dicir "Filosofía, psicoloxía, ética" e o auxiliar de forma 82, que quere dicir "Literatura".
O auxiliar de forma vai entre parénteses e indica en que "forma" está o "fondo" (libro ou película)que buscamos. Neste caso quere dicir que está en forma de literatura.

Ir directamente ó resultado: CDU: 1(82), por Lista alfabética


Fíxate en que facemos a busca por "Lista alfabética" porque se a fixésemos por "Frase ou texto", que non esixe que o texto "1(82)" estea ao principio senón que pode estar no medio da CDU, entón aparecerían tamén os fondos con CDU "51(82)". O número 51 quere dicir "Matemáticas", e 51(82) son as obras de literatura matemática.

Ir directamente ó resultado: CDU: 1(82), por Frase ou texto

CHARLAS "UN MUNDO FELIZ" - 1

Socioloxía: Un feliz mundo novo, de Aldous Huxley
Por: Seila Crespo e Diego González, 1º Bacharelato Ciencias e Tecnoloxía


Unha distopía é unha forma de vida na que a tecnoloxía non mellora a vida das personas senón que as controla e afecta no seu xeito de relacionarse e de vivir

Aldous Huxley escribiu esta novela en 1931 e en 1946 engadiu un prólogo no que resume a súa tese, moi pesimista, de que o ser humano ten tres opcións: vivir nunha sociedade cada vez máis tecnolóxica e alienante, apartarse do progreso e aceptar a dor e o sufrimento ou illarse e vivir en soidade. As tres posibilidades están ilustradas na novela. E as tres son as que Diego e Seila escolleron para explicarnos os conceptos de utopía e distopía a través da análise das sociedades de Utopía e Malpaís e da imposible soidade do salvaxe no faro, ao final da obra.

Pica aquí para ver a presentación multimedia feita por Diego e Seila
(para descargala, click dereito + Gardar enlace como...).



APRENDE A USAR O BUSCADOR MEIGA

Que utopías temos na biblioteca?

...Buscar por: Frase ou texto // En: Materia // (Criterio de busca): Utopía
Obterás a lista dos fondos que hai na biblioteca marcados con este tema. Para diferenciar as que son películas das que son libros, preme en [Desglose por: Soportes, idiomas e seccións].
É conveniente que fagas a busca por Frase ou Texto para que aparezan resultados como "Sociedade e Utopía", que non aparecerían se fixeses a busca por "Lista alfabética" xa que esta busca só atopa os resultados que comezan polo "Criterio de busca".

Ir directamente ó resultado: Utopía

Anímaste a buscar as Distopías? Fíxate en que todas están rexistradas como "Utopía e Distopía", porque todas as distopías son formas da utopía. Por isto, se fas a busca por "Lista alfabética" non aparecerá ningunha, mentres que se a fas por "Frase ou texto" aparecerán todas as que hai na biblioteca

Ir directamente ó resultado: Distopía (Por Lista alfabética): Non aparecen resultados
Ir directamente ó resultado: Distopía (Por Frase ou texto): Varios resultados

20 feb 2011

CHARLAS - "O CHISTE E A SÚA RELACIÓN CO INCONSCIENTE"

Psicoloxía: O chiste e a súa relación co inconsciente, de Sigmund Freud
Por: Ángel Gómez, 1º Bacharelato Ciencias e Tecnoloxía

Unha cousa rara, algo que hai que explicar

Sigmund Freud, o fundador da Psicanálise, escribiu esta obra en 1905, continuando ideas de A interpretación dos soños, de 1899. Freud estaba estudando os síntomas neuróticos e descubriu que non eran algo distinto doutras manifestacións moi normais do que chamou o inconsciente, como os soños, os lapsus e o propio chiste. Como di Ángel, hai neles unha mestura de elementos conscientes e outros, máis malvados, que censuramos e non nos decatamos deles. O que aparece no noso comportamento é unha mestura, unha cousa rara, algo que hai que explicar.
Con bo humor e moitos exemplos, aprendemos a interpretar as nosas equivocacións cotiás. No chiste non hai nada neutro nin nada totalmente ben intencionado: Todo leva sempre unha carga de agresividade que se fai evidente se analizamos os elementos do relato.

Pica aquí para ver a presentación multimedia feita por Ángel (para descargala, click dereito + Gardar enlace como...).


APRENDE A USAR O BUSCADOR MEIGA

Quero saber que libros de FREUD hai na biblioteca

...Buscar por: Lista alfabética // En: Autor // (Criterio de busca): Freud
Aparece unha lista de autores: busca Freud, Sigmund (estará entre os primeiros) e pica nel. Aparecen as obras súas que están na biblioteca.
Ir directamente ó resultado:
Obras de Freud

Que hai de psicanálise na biblioteca?

...Buscar por: Frase ou texto // En: Materia // (Criterio de busca): Psicanálise
Aparecen todos os fondos relacionados coa psicanálise. Para separar libros, películas, etc. podes picar en "Desglose por: Soportes, idiomas, seccións".
Ir directamente ó resultado:
Obras sobre Psicanálise

22 abr 2010

CHARLAS "CÓMICS E MUNDOS FANTÁSTICOS" - 6

Cómics e Mundos Fantásticos: Persépolis, de Marjane Satrapi
Por: Carmela Darriba, 1º Bacharelato Ciencias e Tecnoloxía

Como é unha nena e está contado en primeira persoa, é máis doado identificarte con ela

Persépolis está escrito e debuxado por Marjane Satrapi e súa infancia e adolescencia en Irán e Europa, mesturada coa revolución que impuxo a república islámica no seu país. O seu punto de vista é moi interesante polos seus propios vínculos familiares cos shahs, dos que é descendente directa.
O debuxo é moi atractivo, sinxelo de liña e tinta pero moi expresivo. E a narración en primeira persoa, máis sendo unha nena, son o que lle resultou máis atractivo a Carmela, presentadora desta obra.

APRENDE A USAR O BUSCADOR MEIGA
Quero atopar todos os libros da serie PERSÉPOLIS que hai na biblioteca
...Buscar por: Frase ou texto // En: Serie // (Criterio de busca): Persépolis
Aparecen as fichas dos libros.
Ir directamente ó resultado:
Obras da serie Persépolis
Quen era a autora? – Non sei, apelidábase Sata... ou Satra...
...Buscar por: Lista alfabética // En: Autor // (Criterio de busca): SAT
Aparece unha lista alfabética de autores a partir dos que empezan por Sat; entre os primeiros atoparás a Satrapi, Marjane. Atopas as fichas dos seus libros pinchando no seu nome.
Ir directamente ó resultado:
Autoras/es que empezan por SAT
Como podo atopar todos os cómics de tema histórico que hai na biblioteca?
...Buscar por: Frase ou texto // En: Materia // (Criterio de busca): COMIC HISTORIA
Aparecen as fichas das obras. Están en varias páxinas (10 fichas en cada páxina), así que terás que ir premento “Seguinte”. Irás atopando a Corto Maltés, os Barbanzóns, Érase unha vez...
Podes filtrar os resultados de varios xeitos. Por exemplo, premendo en Desglose por: Soportes, idiomas e seccións podes ver listaxes separadas do que hai impreso ou en DVD, do que hai en distintos idiomas, etc. Tamén podes premer na opción Autores do cadro Filtrar no resultado e despois pinchar na inicial da/o autor/a que desexes (por exemplo, S para os de Marjane Satrapi e outras/os que comecen por S, C para os de Pepe Carreiro e outras/os que empecen por C...)
Ir directamente ó resultado:
Cómics de tema histórico
Ir directamente ó resultado: Desglose por Soportes, idiomas e seccións