Imos paseando baixo o sol. O día está precioso pero un pouco quente de máis para camiñar. Chegamos á igrexa de Redondela.
Despois de sacarmos unhas fotos charlamos sobre os nomes que hai escritos na parede. De quen son? Buscamos os nosos apelidos: moitos temos aí algún parente.
Os nomes son os dos mortos na guerra civil no bando franquista. Están ao lado do de José Antonio Primo de Ribera, co saúdo falanxista (PRESENTES!).
Pero o bando franquista foi o que se amotinou contra o poder lexítimo da República proclamada democraticamente. Quere isto dicir que os que aquí están nomeados son traidores? Non necesariamente: a situación foi moi complicada e moitas persoas non loitaron no bando que representaba o seu xeito de pensar.
E os mortos da República? Esta é outra historia. Os (e As) que morreron na guerra están enterradas/os en fosas comúns... pero houbo moita xente represaliada, paseada (xa estudamos estas expresións en clase) que non foron enterradas sequera. Quedaron polas beiras dos camiños e algúns dos seus nomes aínda figuran nos libros dos xulgados como acusadas/os e condeadas/os... por TRAIZÓN! Esta mentira converteuse en historia. E non haberá ninguén que a denuncie e a corrixa?
Falamos doutras igrexas da vila. Tamén nelas hai nomes de mortos do bando franquista. Que partido tomou o clero en todos estes sucesos? Por que? Segue a Igrexa mantendo a mesma posición, despois de tantos anos?
A casa da República
En Redondela hai un colectivo republicano moi activo que ten un local nas vivendas do concello xunto ao conservatorio. Imos aló, outra vez baixo o sol.
Novamente hai moitos símbolos que discuten entre si e contan historias a quen saben entendelos:
A bandeira republicana
Unha cruz gammada
Sobre a cruz, un círculo que representa un punto de mira dun arma
O xugo e as frechas, e por riba un sinal de dirección prohibida
Letras tachadas, ameazas de morte...
Cando é lexítimo o poder? Lembramos algunhas condicións das que vimos no libro de texto:
Elección democrática en liberdade
Separación de poderes (lexislativo, executivo, xudicial)
Respecto aos dereitos humanos...
Volvemos ao noso centro coa idea de que hai que saber, hai que falar. Aínda que nós non falemos, as pedras falan. Hai que saber a verdade, hai que dialogar, hai que construír o futuro en paz, diálogando, falando sen medo de todas as cousas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario