16 sept 2019

Benvida 19-20. Códigos Edmodo

No Departamento de Filosofía do IES Pedro Floriani dámosvos a benvida ao novo curso 2019-20 e desexámosvos que sexa moi produtivo, que veña cheo de experiencias e coñecemento.

As materias do Departamento teñen aulas virtuais en Edmodo. Para rexistrarte, pica nesta ligazón e utiliza estas claves:

Valores éticos 19-20 ci66dj
Filosofía 1A 19-20 5zfi7i
Filosofía 1B 19-20 89un7q
Filosofía 2 19-20 2vgp8q


We also welcome the bilingual Philosophy students, all the best to you in this course that now begins!
Please, join the Edmodo course Philosophy 19-20 with the key word k3wd6h. You'll love the Philosophy class!


6 sept 2019

A trampa hidráulica, por Lidia Collazo

Agora é o momento de desfrutar as obras que se fixeron, non? - Pois non.
Unha tese fundamental do libro Canibales e reis, de Marvin Harris, comentada por Lidia Collazo (1º Bach. C-T, 2018-19).

No Neolítico comézanse a substituír a caza e a recolección, necesarias para conseguir alimentos nas sociedades, pola agricultura e a gandería.
Se este cambio foi para mellor ou peor é moi controvertido, pese á idea que nos inculcaron dende meniños de que os cazadores recolledores vivían ao borde da inanición a realidade e as probas científicas defenden que dedicaban menos horas ca nós a procurar o seu alimento.
Pero a caza-recolección ten unha gran pega non moi evidente, para que funcione a taxa de poboación ten que manterse moi baixa (por termo medio, un máximo de 15 persoas por cada grupo social).
Dise que comezamos coa agricultura e a gandería tras un período de glaciación onde a poboación en lugar de diminuír aumentou, provocando un maior consumo e a extinción de varias especies de animais.
Por esta razón a xente decidiu centrar a súa atención nas plantas e co tempo foron volvéndose domésticas. Cunha produción constante de vexetais e uns excedentes que se podían almacenar desde unha colleita ata a seguinte puideron tamén comezar a domesticar animais herbívoros e a comelos. Así naceron a agricultura e a gandería.
Estas prácticas teñen varios inconvenientes; a gran cantidade de horas de traballo que se necesitan, lugares e técnicas para poder almacenar o que se produce… Pero a máis importante e a constante necesidade de auga, ningún sistema agrícola-gandeiro pode existir sen auga.

A división do traballo
A solución (pero aquí está tamén a trampa) chegou da man das obras públicas.
Alguén propón implementar un sistema de regadío. Convencen os aldeáns de que se colaboran poderán pasar máis tempo coas súas familias, menos tempo no campo, obter cultivos máis sans… en conclusión poderán desfrutar do seu traballo. Con isto en mente os homes marchan da casa para comezar a traballar, só os homes xa que as mulleres tiñan que quedar na casa coidando do campo e a familia elas soas. Para poder levar a cabo un traballo tense que facer un reparto, uns poucos dirixen e outros moitos traballan. Así, uns poucos comezan a acumular poder a costa do resto que o único que fan e entregar traballo, ás veces simplemente a cambio dunha promesa.
Con esta división do traballo a estratificación do poder vai cada vez a máis. Os mundos do varón e o da muller sepáranse e comézanse a diferenciar o traballo produtivo e o traballo especulativo.

A trampa hidráulica
O verdadeiro problema vén cando acaban as obras (neste caso un sistema de regadío, pero podería ser unha presa, unha estrada para comerciar…). Construílo leva moito tempo e necesita moito traballo e man de obra, mantelo non. Podería volver todo o mundo a casa, disolver as xerarquías e gozar das vantaxes, traballando moito menos cada día pero tendo boas colleitas aseguradas. En teoría agora é o momento de desfrutar as obras que se fixeron, non? - Pois non.
Ten sentido, se non o pensas moito: os gobernantes que levan todo o proceso acumulando poder non son partidarios de deixalo marchar e propoñen novos proxectos que esixan a participación de todo o pobo pero que manteñan os seus privilexios. A falta de algo real que facer optan por asuntos ideais como a relixión (protexer ao faraón despois da morte), o engrandecemento do grupo (guerras por motivos de honra), etc.
Cando un pobo cae na trampa hidráulica xa non se liberará das xerarquías e o reparto inxusto de riqueza e traballo, e expandirá o seu dominio sobre os territorios veciños.
As propias ideas relixiosas ou militares serven de xustificación para si mesmas: como non todos os traballadores estaban conformes coas explicacións que lles daban, os altos cargos (nos que inclúo a igrexa) intensifican as presións e ameazas (se non traballas estás a renegar do Señor).
Isto, que pasou inicialmente no antigo Exipto e se repetiu despois en tantos lugares, podemos aprecialo tamén na historia de Galiza. Por exemplo, durante a Idade Media era práctica habitual levar a poboacións enteiras a lugares perdidos polo monte para construír mosteiros, ben para aliviar a superpoboación nos escasos momentos en que non había pestes e miseria, ben para castigar a vilas que se rebelaban contra os nobres e o clero. Eses mosteiros inmensos alonxados das poboacións son a nosa versión das pirámides exipcias, a nosa particular trampa hidráulica.

Que é ó poder?
Pero que é ese poder do que levamos todo este tempo falando?, como se consegue?, como se mantén?
Nestes tempos, despois e agora o poder vén sendo simbólico. Supoño que en civilización máis simples o que gobernaba e tiña todos os privilexios era o máis forte, o que pelexando saía vitorioso.
Pero xa despois coa propiedade privada e os sistemas sociais e económicos máis complexos era o máis intelixente. O que sabía que terreo escoller, que animais comprar, con quen casar os seus descendentes…
Como os poderosos cada vez o son máis a xente comeza a pensar que non hai posibilidade de cambio e aceptan a submisión.
Un exercito gobernado por un Capitán (pensemos en Napoleón) obedece, non por que lles vaia pegar, senón por que unha soa persoa ten todo o poder e as demais aceptan ese símbolo.

Marvin Harris
(Comentario do Departamento).
Marvin Harris (1927 - 2001) é unha das voces máis recoñecidos entre as/os autoras/es da nacente ciencia da antropoloxía. A súa corrente, o materialismo cultural, explica as crenzas e usos das sociedades a partir do estudo científico moi rigoroso das condicións de vida que a contorna ofrece e permite. En varias das súas obras analiza como os tabús (que tanto cremos ter superados na nosa cultura) proceden da necesidade de controlar a produción e o consumo para maximizar as vantaxes da tecnoloxía sen chegar á extinción dos recursos. Este control faise de xeito moitas veces inxusto, difundindo falsidades e prexudicando a grupos sociais, e en última instancia dun xeito moi ineficiente porque moitas civilizacións chegaron finalmente a exterminarse a si mesmas (e outra vez pensemos na nosa propia, que se encamiña a un calexón sen saída pola incapacidade de frear o abuso dos combustibles fósiles).
Recomendamos, a nivel de divulgación medio-alto, este libro, Caníbales e reis, xunto con Vacas, porcos, guerras e meigas. Estas son as obras súas que temos na biblioteca do instituto:



Imaxes: abebooks (Canibales e reis), lasclarasmuseoticum (regadío), lagallofa (división do traballo), apuntesea.blogspot (pirámide social - traducido), mosteirodeoseira (mosteiro de Oseira), elgrancapitan (Napoleón), muyinteresante (M Harris), iberlibro (Vacas, porcos, guerras e meigas).

4 sept 2019

"Locke en 90 minutos", por Davíd Martínez

A experiencia é a fonte e o límite de todo coñecemento.
Unha lectura do libro de Paul Strathern, Locke en 90 minutos, por David Martínez (2º Bach. H-CCSS, 2018-19).

John Locke naceu en 1632 en Wrington, fillo dos puritanos Agnes Keene e John Locke, un abogado. Estudou na universidade de Oxford, onde exerceu de profesor de grego, retórica e filosofía moral dende 1661 ata 1664. Foi un gran amigo de Isaac Newton. En 1667 iniciou a súa relación co estadista Anthony Ashley Cooper, primeiro conde de Shaftesbury, de quen foi amigo e medico.
En 1675, despois de que Shaftesbury perdera a confianza da coroa, Locke quedou en Francia. Dende 1673 ata 1688 vive en Holanda e tras a Revolucion Gloriosa de 1688 e a restauración do protestantismo regresou a Inglaterra. Guillerme de Orange nomeouno para que fose ministro de comercio en 1696, cargo do que dimitiu en 1700 por enfermidade.
Foi considerado un dos primeiros empiristas británicos e contribuíu á teoría do contrato social. Os seus escritos influíron en moitos pensadores así como nos revolucionarios estadounidenses. Sostiña que a mente duhna persoa ao momento de nacer é unha folla en branco sobre a que a experiencia imprime o coñecemento. Afirmou que a soberanía non reside no Estado senón na xente e que o Estado é supremo pero só se respecta a lei civil. Cría na liberdade relixiosa e na separación de Igrexa e Estado. Morre en 1704 nos brazos de Lady Misham, con quen mantivera unha relación e uns sentimentos que, como di o libro, "son difíciles de estimar".

A miña lectura
O libro ten unha introdución moi breve. A parte máis extensa é sobre a vida e a obra do autor, e ao final hai un epílogo, unha escolma de citas das obras e unha cronoloxía de toda a historia da filosofía
Durante o texto fun collendo os fagmentos e ideas que máis me chamaron a atención dentro da parte de vida e obras e o epílogo, como por exemplo:

  • O comezo das calidades polas que había ser famoso.
  • A aprendizaxe pola experiencia e pola tolerancia.
  • Como na súa época os estudantes tiñan que dirixirse en latín aos seus titores.
  • Como iniciou os estudos de medicina.
  • Como a morte do pai proporcionoulle algunhas terras e varios ingresos, pero el non quería ser rendista.
  • Sentía as ideas de Gassendi, o Cogito de Descartes, a súa negación de que Hobbes influíra nel.
  • A referencia constante que fai no texto sobre a Guerra Civil, como coñece a Ashley Cooper e como lle actúa de curandeiro.
  • A publicación do Ensaio sobre a Tolerancia, xa que na maioría dos países nese momento, co contido do libro, meteríano entre rexas.
  • A súa obra mestra, o Ensaio sobre o entendemento humano, nacida nunha charla cuns amigos no inverno de 1673 e que un amigo de Locke, Tyrell, recorda como "sendo un deles". Nesta histórica tarde pódese dicir que empezou o empirismo.
  • Tamén o seu liberalismo.
  • Como explica na súa filosofía que non aprendemos a través da razón senón da experiencia.
  • A súa obra Dous tratados sobre o goberno.
... e moitos máis fragmentos e ideas que non vou recoller aquí. Na parte de citas clave gustoume este fragmento:
Supoñamos que a mente é, como se di, un papel branco sen nada escrito, sen ideas. Como se enche? De onde vén este vasto cúmulo de cousas que a activa e inagotable imaxinación do home pintou sobre el cunha vontade case infinita? De onde extrae todas as materias da razón e do coñecemento? A isto respondo cunha soa palabra, da experiencia, e nela fúndase todo o noso coñecemento e dela derívase este en última instancia.
John Locke, Ensaio sobre o entendemento humano, Libro 2, Cap. 1, § 2.
E, por último, vou dicir algunha das cronoloxías de datas filosóficas máis importantes, como por exemplo:
  • S. VI aC: comezo da filosofía occidental con Tales de Mileto.
  • Ca. 387 aC: Platón funda en Atenas a Academia, a primeira Universidade.
  • 410 dC: os visigodos saquean Roma, comezo da Idade Media.
  • 1453: fin do Imperio Bizantino.
  • 1641: Descartes publica as súas Meditacións, inicio da filosofía moderna.
  • 1689: Locke publica o Ensaio sobre o entendemento humano, que dá comezo ao empirismo.
  • 1716: morte de Leibniz.
  • 1781: Kant espertado do seu soño dogmático por Hume.
  • 1889: Nietzsche, que declarara Deus morreu, sucumbe á loucura en Turín.
  • 1953: publicación póstuma das Investigacións lóxicas de Wittgenstein, esplendor da análise lingüística.

A miña opinión
Este texto chamoume a atención, sobre todo, polo termo da experiencia xa que eu penso o mesmo, se tés experiencia nunha cousa que vas facer de nada vale utilizar a razón e o coñecemento. Con isto digo que é moi complicado superar a experiencia na vida, cantas máis experiencias teñas na vida máis sabes dela.
Pareceume que este libro ten un nivel axeitado para 2º de bacharelato. Eu, despois de lelo, voume con ideas máis claras sobre Locke, sobre a súa vida, as súas obras... É un libro que recomedaría a calquera lector que teña interese en saber máis sobre John Locke.

Paul Strathern . Filósofos en 90 minutos
(Comentario do Departamento).
Na biblioteca do centro temos a colección completa de Filósofos en 90 minutos, de P. Strathern. Podes atopala na sección de filosofía, Sinatura1 = 1(03), Sinatura2 = "STR". Os títulos son:

Aristoteles Berkeley Confucio Derrida Descartes Foucault
Hegel Hume Kant Kierkegaard Leibniz Locke
Maquiavelo Marx Nietzsche Platon Russell Agostiño de Hipona
Sartre Schopenhauer Socrates Spinoza Tomé de Aquino Wittgensttein

Frecuentemente recomendamos estes textos en 1º e 2º Bach., pero hai que ter en conta que teñen vantaxes e inconvenientes. En xeral, son libros breves (o dos 90 min. é real), escritos con bo humor e que dan unha idea bastante completa do esencial das teorías dos autores, ben contextualizada na súa vida e época. Pero algúns títulos teñen algún problema, en primeiro lugar porque algúns sistemas non se poden resumir de ningún xeito en 90 minutos, e en segundo lugar porque a ironía e o sarcasmo non sempre se perciben correctamente cando nos estamos introducindo nun tema. Entre os títulos que máis nos gustan están os de Sócrates, Aristóteles, Locke e Hume. Entre os que non caben en 90 minutos están os de Kant e Hegel, mentres que nos de Marx e Wittgenstein o ton de broma é fastidioso e fai parecer ridículos aos autores.



Imaxes: Medialib (Locke - Transformada), emaze (cinco sentidos).