24 ago 2018

Encontro con Paz Gesteira, psicóloga e psicomotricista: Un muro que romper

Todxs temos un muro que romper
Rematamos este mes de xaneiro coa visita de Paz Gesteira que, coma o ano pasado, veu charlar co alumnado de Psicoloxía de 2º Bach. sobre os estudos, a profesión e a realidade da clínica en psicoloxía.
A metáfora do muro serviulle para representar as dificultades coas que hai que loitar en psicoloxía, tanto polo lado da/o profesional como polo do suxeito do tratamento.
No seu caso contounos como o primeiro muro que tivo que superar foi que tivo que repetir 2º Bach. Aquí notouse un momento moi intenso entre nós, porque a todxs nos preocupar precisamente esta posibilidade, quizais incluso pensamos que sería algo terrible. Paz seguiu o seu relato: para ela supuxo a oportunidade de considerar a posibilidade de estudar unha carreira coa que puidera dedicar a súa vida a axudar a persoas que a necesitaran.
Inmediatamente xorden novos muros, que Paz chama “Ysis”: “¿Y si los estudios no van bien? ¿Y si la profesión no es lo que yo creo?”
Máis adiante houbo que derrubar outros muros. Tras facer prácticas, que realizou no Servizo Andaluz de Saúde, traballou nun gabinete onde tiña que pasarlles tests a nenos de 4 ou 6 anos nunha habitación moi reducida. En xeral, sempre hai problemas de espazo e tempo cando se fai diagnóstico, por exemplo un caso dunha psicóloga da Seguridade Social que ten só 15 min. con cada paciente. Pero, xeralizando, o problema que se formula é o de que é o diagnóstico, que sentido ten, como se pode facer, como se pode utilizar para o tratamento na clínica...
Paz ten agora a súa propia consulta, onde desenvolveu a súa propia maneira de traballar como psicomotricista: a través de xogos e do movemento aproveitar para charlar e conseguir ir máis aló da descrición dos síntomas, atopar que sentido teñen para a nena ou o neno: na súa vida, na súa situación familiar, coas amizades e no colexio. Un exemplo é a simulación dun zoo, no que a identificación cun animal pode dar pe para falar de como se sente en todos estes aspectos.
Finalmente, coméntanos un caso dun suxeito ao que caracteriza como unha nena de nome Uxía (sabemos que, pola confidencialidade que require a profesión os datos que non son esenciais están desfigurados para que non se poida recoñecer á persoa). Paz cóntanos o que lle dixo cando xa levaban un tempo de tratamento: O raro e preocupante sería que unha persoa non tivera un muro que superar ou que sexa moi fino porque iso significaría que non se pregunta nada na vida nin se cuestiona nada. Ti axúdasnos a identificar o muro e a poder superalo.






No hay comentarios:

Publicar un comentario