Para pechar as actividades de 2º Bacharelato do Departamento de Filosofía deste curso 2017-18 realizamos este encontro do alumnado de Psicoloxía con Maica e Xaime, da Asociación LENDA de saúde mental. Este post e o Álbum de Visitas que poñemos ao final recollen ideas e comentarios de toda a clase pero o texto está tomado case literalmente da contribución de Tamara Fernández.
Lenda créase en Redondela sobre os anos 1984-85, por unha necesidade da sociedade, tras unha reforma legal de 1980. Anteriormente o “tratamento” que daba Sanidade era enviar ás persoas con enfermidades mentais, que trataban de “loucos”, ao Rebullón, un centro psiquiátrico que xa non existe (o Hospital Nicolás Peña realiza actualmente algunhas das súas funcións). Tamén nesta época creáronse moitas outras asociacións de familiares e enfermos mentais, e FEADE é a rede que as conecta.
Lenda traballa con todas as persoas que sofren enfermidades mentais, coas que van á “clínica” e tamén coas que non poden ir, xa que teñen un programa de atención a domicilio. Traballan tamén cos presos e, algo moi importante, coas familias dos enfermos. Lenda é un centro de rehabilitación e tamén unha sede, un centro ocupacional, para buscar traballo, etc.
Eles traballan a parte sa dos pacientes para potenciala, xa que pola patoloxía que teñan céntranse moito na queixa, e poden incluso, por medo á realidade e a abandonar a súa área de confort, illarse da sociedade.
Os síntomas dun trastorno mental son moi subxectivos porque a expresión da enfermidade é diferente en cada persoa. Aínda así, podémolos dividir en dous tipos:
- Positivos: son aqueles nos que o noso cerebro produce cousas a máis, como poderían ser as alucinacións.
- Negativos: que son polos que deixamos de facer cousas, porque xa non gozamos con elas, non temos enerxía, etc.
Hai dúas teorías que propoñen formas distintas de tratar os síntomas:
- Bioloxicistas: unicamente con medicamentos, se deixa de facer efecto súbese a dose.
- Relacionais: medicando, si, pero intentando buscar o porqué deses síntomas.
As enfermidades mentais que sofre a xente poden facer que sufran anomalías como a forma de transmitir os sentimentos, a forma de comunicarse coas demais persoas; pero cando se forma unha idea errónea da realidade chamámola psicose. A psicose é unha desconexión total ou parcial da realidade, Adoita darse máis nos homes, e o tratan nos centros de rehabilitación. A diferenza deles, nas mulleres adóitase dar máis a neurose. No desenvolvemento da enfermidade e no tratamento ten un gran peso a actitude machista xa que as mulleres se ven forzadas a realizar o traballo da casa e seguir sendo produtivas mentres se recuperan e combaten o seu trastorno. Para contrarrestar esta desigualdade, en Lenda ás veces levan aos pacientes masculinos a pisos para ensinarlles actividades do fogar.
As causas que poden levar a unha enfermidade mental son varias, pero hai que ter en conta que nunca son en relación simple de causa-efecto. Poden ser:
- Xenéticas.
- Pola contorna social.
- Experiencias vividas, como o estrés, a vulnerabilidade, abusos sexuais, violencia machista, etc.
En Lenda ensínanlles cómo a enfermidade actúa sobre eles, isto chámase psicoeducación, así ante un pródromo (un síntoma previo á crise, que avisa dela), no estado eutímico (estado inicial, aínda bastante estable), poderán acudir á axuda para tratar de frear todo.
O programa de Jordi Évole, Salvados, emitiu hai un tempo “1 de cada 5”, onde se ve a vida dunha persoa cunha enfermidade mental.