Benvidxs unha vez máis ás charlas filosóficas de 1º de bacharelato. Este ano temos unha importantísima referencia no proxecto de biblioteca: O Planeta Verde. Así que imos charlar sobre ecoloxía, respecto ao medio ambiente e as persoas, compromiso, ciencia, vontade política... sempre desde a perspectiva das actividades de lectura e cine-fórum.
Comezamos cun clásico: Antes de que sexa tarde (Before the flood), a película coa que Leonardo DiCaprio, no ano en que foi designado Mensaxeiro das Nacións Unidas para a Paz, quixo remover as conciencias de persoas de todo o mundo (e moi especialmente os Estados Unidos) para que deixasen de negar a evidencia do cambio climático.
Así que Irene, Sabela e Laura viron esta película e resumiron o seu contido para nós.
A charla
Sabela comezou coa presentación dos temas da película. O título fai referencia ao tríptico do Bosco O xardín das delicias terreais, un de cuxos paneis mostra o mundo despois da inundación. Leonardo DiCaprio cítao como unha das imaxes da súa infancia que agora lle suxiren as cada vez peores noticias sobre o cambio climático. Vemos tamén algunhas das causas do cambio (o aumento de CO2, o uso de fontes de enerxía non renovables e a industria) e algúns dos seus efectos (a extinción de especies, a perda de xeo nos polos e o consecuente aumento do nivel dos mares). |
O segundo gran tema é o negacionismo. Laura explícanos o que é e os intereses económicos que hai detrás del, e fai un repaso tanto das persoas que traballan para ocultar o cambio climático como das que traballan por revelalo e forzar aos pobos e os seus gobernos a poñerlle remedio. Neste chiste vemos retratados a dous recoñecidos negacionistas: Donald Trump e Mariano Rajoy. |
Irene remata volvendo ao cadro do Bosco e facendo unha interpretación filosófica: o disfrute dos praceres, sen mesura ningunha e sen compromiso coa conservación do planeta e a vida, está levando á súa destrución e á extinción de moitas especies, e previsiblemente terá consecuencias tráxicas para os seres humanos no futuro. Este tema aparece en moitos sistemas de pensamento referido ao individuo: o cálculo dos praceres de Epicuro, a loita dos titáns Eros e Thánatos en Freud e a Escola de Frankfurt, ou a dialéctica do gozo e o desexo en Lacan. Aquí aparece agora considerado a escala planetaria. Materiais Podedes ampliar esta imaxe de gran resolución, tomada da wikipedia, para ver os detalles do cadro do Bosco. |
Os dereitos da película non están reservados, e pode verse libremente en Youtube e outras plataformas: