A separación ou división dos poderes do Estado é unha característica común a todos os gobernos democráticos. Consiste en que a autoridade pública se distribúa entre os órganos lexislativo, executivo e xudicial, de xeito que a cada un lle corresponda exercer unha cantidade limitada de facultades de mando e realizar unha determinada parte da actividade gobernativa.
O principal propósito desta división é evitar a concentración da autoridade nun só órgano estatal, que conduciría ao despotismo. O fraccionamento da autoridade pública prevén este perigo ao asignar a diferentes institucións o exercicio de partes do poder. Deste xeito, ningún deles, por si só, ten a forza suficiente para instaurar un réxime autoritario sobre a sociedade.
Antecedentes na Grecia clásica
Algúns pensadores da Antigüidade xa se preocuparan pola división do poder e fixeron alusións ao tema nos seus escritos. Foi Aristóteles (384-322 a.C) o precursor do que, co paso do tempo, sería unha teoría de gran importancia na vida política da posteridade. Con referencia ás comunidades políticas do seu tempo, o filósofo grego expresou que
en todo Estado hai tres elementos nos que todo lexislador coidadoso debe ocuparse. O primeiro destes elementos é a Asemblea Xeral, que delibera sobre os negocios públicos; o segundo, o corpo dos maxistrados, cuxa natureza, atribucións e modo de ser nomeados debe fixarse; e o terceiro, o poder xudicial.Veremos, polo tanto, algunhas das institucións que se encargaban de manter a orde nas polis gregas:
(Política, Libro VI, Capítulo XI)
Poder lexislativo
Asemblea Popular (Boulé): Era o máximo órgano de goberno. Podían pertencer a ela cidadáns libres maiores de 20 anos. A Asemblea era soberana e tiña todas as atribucións.
Consello: Era unha asemblea consultiva que preparaba os proxectos de lei sometidos á Asemblea Popular. Aseguraba a execución das leis e recibía contas dos maxistrados. Os seus compoñentes eran elixidos por sorteo.
Pritanía: Formábase por 50 conselleiros dun distrito, os cales eran nomeados prítanes. Este cargo duraba unha décima parte do ano. Recibían as embaixadas e convocaban a Asemblea e máis o Consello. Da Pritanía saía elixido por sorteo cada día un presidente, o cal era o encargado de custodiar durante vinte e catro horas o selo do estado e as chaves dos arquivos e dos santuarios.
Poder executivo: As maxistraturas
Arcontes: Formado por nove maxistrados, coñecidos como tesmothetai (os que “establecen as leis” e se encargan de revisalas), máis un secretario. A súa elección facíase por sorteo entre os candidatos, de xeito anual. Ocupábanse dos asuntos xurídicos e dos cultos oficiais.
Estrategos: Eran os encargados de dirixir o exército e a flota. Eran nomeados pola Asemblea e eran cargos de carácter anual, pero reelixibles. Pericles, o famoso dirixente do período clásico, foi estratego durante 14 anos.
Outras maxistraturas: Encargábanse das vías de comunicación, das prisións, dos mercados, etc.
Poder xudicial
Helia: Tribunal popular formado por 5.000 membros e 1.000 de reserva. Representaba á Asemblea Popular. Podíase repartir en tribunais de 501 membros (coma o que xulgou a Sócrates).
Areópago: O seu poder foise reducindo co avance da democracia. Na época clásica practicamente só se ocupaba de xulgar os delitos de homicidio voluntario.
Os Efetas: Institución formada por uns 51 cidadáns que xulgaban os homicidios involuntarios.
John Locke
Máis tarde, a finais do século XVII, o pensador inglés John Locke (1632-1704), autor do Ensaio sobre o goberno civil, contribuíu cono novos conceptos á integración da teoría da división de poderes. Distinguiu no goberno civil dous poderes principais: o lexislativo, que se ocupa de facer as leis, e o executivo, que atende de modo permanente ás necesidades do interior e á eficacia das leis ditadas. Aos anteriores agregou, coma poder secundario e dependente do executivo, o poder que el denominou federativo, encargado das relacións exteriores e con facultades para facer a guerra e acordar a paz.
Así, Locke foi o verdadeiro precursor da teoría da división de poderes. Sostivo que nas repúblicas ben ordenadas o poder de elaborar as leis áchase en persoas distintas das que se encargan de facelas cumprir. E, despois de feitas, os seus autores quedan sometidos ás normas xurídicas que eles mesmos fixeron. Ao establecer con absoluta claridade a distinción entre o lexislativo e o executivo, adiantou o moderno significado desta teoría, aínda que a súa elaboración e sistematización profundas apareceron con Montesquieu.
Montesquieu
A división de poderes foi unha das conquistas revolucionarias de Francia a finais do século XVIII na súa loita contra o absolutismo. A concentración da autoridade en mans dun pequeno círculo gobernante foi unha das características dos gobernos do Antigo Réxime.
Para solucionar os problemas que este método supoñía, Montesquieu, filósofo ilustrado, elaborou unha nova concepción da política no seu libro O espírito das leis. Distinguiu, polo tanto, tres poderes na sociedade política: o poder lexislativo, encargado de ditar a orde xurídica xeral; o poder executivo, responsable da aplicación das leis e da administración pública; e o poder xudicial, que se ocupa de solucionar os conflitos de xorden entre as persoas. Trátase dunha teoría de contrapesos, na que cada poder contrarresta e equilibra o poder dos outros.
División de poderes na actualidade
Na Constitución española de 1978 establécese a división tripartita dos poderes.
Así, varóns e mulleres maiores de 18 anos elixen aos representantes do pobo nas Cortes, as cales conforman o Congreso dos Deputados e o Senado. Ambas cámaras comparten o poder lexislativo.
O goberno, cuxo presidente é investido polo Congreso, dirixe o poder executivo, incluíndo a Administración pública.
Por último, o poder xudicial recae nos xuíces e no Consello Xeral do Poder Xudicial coma o seu máximo órgano de goberno. O Tribunal Constitucional controla que as leis e as actuacións da administración pública se axusten á Constitución.
Non obstante, a división de poderes non é plena. Pode ocorrer que, xa que o Congreso dos Deputados é encargado de dirixir o poder executivo, estes non actúen coa total independencia que sería axeitada, como anteriormente ditaran Locke e Montesquieu.
No hay comentarios:
Publicar un comentario