19 jul 2015

A división de poderes

Por Alba Martínez Ferreira, 2º Bacharelato 2014-15

A separación ou división dos poderes do Estado é unha característica común a todos os gobernos democráticos. Consiste en que a autoridade pública se distribúa entre os órganos lexislativo, executivo e xudicial, de xeito que a cada un lle corresponda exercer unha cantidade limitada de facultades de mando e realizar unha determinada parte da actividade gobernativa.
O principal propósito desta división é evitar a concentración da autoridade nun só órgano estatal, que conduciría ao despotismo. O fraccionamento da autoridade pública prevén este perigo ao asignar a diferentes institucións o exercicio de partes do poder. Deste xeito, ningún deles, por si só, ten a forza suficiente para instaurar un réxime autoritario sobre a sociedade.


   Antecedentes na Grecia clásica   

Algúns pensadores da Antigüidade xa se preocuparan pola división do poder e fixeron alusións ao tema nos seus escritos. Foi Aristóteles (384-322 a.C) o precursor do que, co paso do tempo, sería unha teoría de gran importancia na vida política da posteridade. Con referencia ás comunidades políticas do seu tempo, o filósofo grego expresou que
en todo Estado hai tres elementos nos que todo lexislador coidadoso debe ocuparse. O primeiro destes elementos é a Asemblea Xeral, que delibera sobre os negocios públicos; o segundo, o corpo dos maxistrados, cuxa natureza, atribucións e modo de ser nomeados debe fixarse; e o terceiro, o poder xudicial.
(Política, Libro VI, Capítulo XI)
Veremos, polo tanto, algunhas das institucións que se encargaban de manter a orde nas polis gregas:

Poder lexislativo
Asemblea Popular (Boulé): Era o máximo órgano de goberno. Podían pertencer a ela cidadáns libres maiores de 20 anos. A Asemblea era soberana e tiña todas as atribucións.
Consello: Era unha asemblea consultiva que preparaba os proxectos de lei sometidos á Asemblea Popular. Aseguraba a execución das leis e recibía contas dos maxistrados. Os seus compoñentes eran elixidos por sorteo.
Pritanía: Formábase por 50 conselleiros dun distrito, os cales eran nomeados prítanes. Este cargo duraba unha décima parte do ano. Recibían as embaixadas e convocaban a Asemblea e máis o Consello. Da Pritanía saía elixido por sorteo cada día un presidente, o cal era o encargado de custodiar durante vinte e catro horas o selo do estado e as chaves dos arquivos e dos santuarios.

Poder executivo: As maxistraturas
Arcontes: Formado por nove maxistrados, coñecidos como tesmothetai (os que “establecen as leis” e se encargan de revisalas), máis un secretario. A súa elección facíase por sorteo entre os candidatos, de xeito anual. Ocupábanse dos asuntos xurídicos e dos cultos oficiais.
Estrategos: Eran os encargados de dirixir o exército e a flota. Eran nomeados pola Asemblea e eran cargos de carácter anual, pero reelixibles. Pericles, o famoso dirixente do período clásico, foi estratego durante 14 anos.
Outras maxistraturas: Encargábanse das vías de comunicación, das prisións, dos mercados, etc.

Poder xudicial
Helia: Tribunal popular formado por 5.000 membros e 1.000 de reserva. Representaba á Asemblea Popular. Podíase repartir en tribunais de 501 membros (coma o que xulgou a Sócrates).
Areópago: O seu poder foise reducindo co avance da democracia. Na época clásica practicamente só se ocupaba de xulgar os delitos de homicidio voluntario.
Os Efetas: Institución formada por uns 51 cidadáns que xulgaban os homicidios involuntarios.


   John Locke   

Máis tarde, a finais do século XVII, o pensador inglés John Locke (1632-1704), autor do Ensaio sobre o goberno civil, contribuíu cono novos conceptos á integración da teoría da división de poderes. Distinguiu no goberno civil dous poderes principais: o lexislativo, que se ocupa de facer as leis, e o executivo, que atende de modo permanente ás necesidades do interior e á eficacia das leis ditadas. Aos anteriores agregou, coma poder secundario e dependente do executivo, o poder que el denominou federativo, encargado das relacións exteriores e con facultades para facer a guerra e acordar a paz.
Así, Locke foi o verdadeiro precursor da teoría da división de poderes. Sostivo que nas repúblicas ben ordenadas o poder de elaborar as leis áchase en persoas distintas das que se encargan de facelas cumprir. E, despois de feitas, os seus autores quedan sometidos ás normas xurídicas que eles mesmos fixeron. Ao establecer con absoluta claridade a distinción entre o lexislativo e o executivo, adiantou o moderno significado desta teoría, aínda que a súa elaboración e sistematización profundas apareceron con Montesquieu.


   Montesquieu   

A división de poderes foi unha das conquistas revolucionarias de Francia a finais do século XVIII na súa loita contra o absolutismo. A concentración da autoridade en mans dun pequeno círculo gobernante foi unha das características dos gobernos do Antigo Réxime.
Para solucionar os problemas que este método supoñía, Montesquieu, filósofo ilustrado, elaborou unha nova concepción da política no seu libro O espírito das leis. Distinguiu, polo tanto, tres poderes na sociedade política: o poder lexislativo, encargado de ditar a orde xurídica xeral; o poder executivo, responsable da aplicación das leis e da administración pública; e o poder xudicial, que se ocupa de solucionar os conflitos de xorden entre as persoas. Trátase dunha teoría de contrapesos, na que cada poder contrarresta e equilibra o poder dos outros.

   División de poderes na actualidade   

Na Constitución española de 1978 establécese a división tripartita dos poderes.
Así, varóns e mulleres maiores de 18 anos elixen aos representantes do pobo nas Cortes, as cales conforman o Congreso dos Deputados e o Senado. Ambas cámaras comparten o poder lexislativo.
O goberno, cuxo presidente é investido polo Congreso, dirixe o poder executivo, incluíndo a Administración pública.
Por último, o poder xudicial recae nos xuíces e no Consello Xeral do Poder Xudicial coma o seu máximo órgano de goberno. O Tribunal Constitucional controla que as leis e as actuacións da administración pública se axusten á Constitución.
Non obstante, a división de poderes non é plena. Pode ocorrer que, xa que o Congreso dos Deputados é encargado de dirixir o poder executivo, estes non actúen coa total independencia que sería axeitada, como anteriormente ditaran Locke e Montesquieu.


18 jul 2015

Annabel Lee

Por Laura Pérez Vaqueiro, 1º Bacharelato 2014-15

   O autor   
Edgar Allan Poe (EEUU, 1809 - 1849) foi un escritor, poeta, crítico e xornalista romántico estadounidense, xeralmente coñecido coma un dos mestres universais do relato curto, do cal foi un dos primeiros practicantes no seu país. Foi renovador da novela gótica e recordado polos seus contos de terror. Considerado o inventor do relato detectivesco, contribuiu con varias obras ao xénero emerxente da ciencia ficción. Tamén foi o primeiro escritor estadounidense de renome que intentou facer da escritura o seu modus vivendi, o que lle supuxo lamentables consecuencias.
Annabel Lee (1849) é un poema seu no que se aprecia un alto nivel de romanticismo e complexidade. Foi o último publicado por completo por el, dous días despois da súa morte, no New York Daily Tribune.


   O poema   
Annabel Lee pertence a unha lista de obras de Poe que conteñen no seu título nomes de mulleres coa letra "l", como Lenore, Eulalie ou Ulalume. Isto é así xa que este son transmite unha sensación de melancolía e tristeza, aínda máis evidentes en inglés.
Aínda que non se sabe seguro, o que cremos é que a muller que lle serviu de fonte de inspiración para este poema foi a súa propia esposa, Virginia Eliza Clemm. Morreu dous anos antes da publicación por tuberculose e lle pormeteu ao seu marido que sería o seu anxo da garda, unha imaxe visual presente no poema, aínda que de forma negativa posto que tanto os demos coma os anxos e serafíns que aparecen no texto son enemigos celosos que a fan enfermar.

   A versión de Radio Futura   
O poema consta de seis estrofas, tres de seis versos, unha de sete e dous de oito. O grupo musical Radio Futura fixo unha canción co poema Annabel Lee deixando a mesma letra pero facendo modificacións en canto á organización das estrofas e versos. A diferenza está en pasar de seis estrofas a sete, e de estrofas de seis, sete ou oito versos a ser de catro case todas, e de seis a última.
O poema ou a letra resúmese así:
Unha nena chamada Annabel Lee ama ao narrador e tamén é amada por este.
O amor que tiñan era tan intenso que os serafíns tíñanlles envexa.
Esta envexa foi o resultado de que un soplo que descendera dunha nube deixara conxelada a Annabel.
Os seus pais levárona para pechala nun sepulcro, no reino máis alá do mar, onde ela vivía.
O narrador fala de que debido ao seu forte amor, nin os anxos nin os demos poderían separar as súas almas.
E así el pasaría todas as noites deitado sobre o sepulcro ao lado da súa querida, súa vida, súa noiva Annabel Lee.



   O corvo   
O vídeo que o grupo Radio Futura fixo para a canción está ambientado nunha biblioteca na que o protagonista le a carón do lume. Este é o ambiente doutro poema do mesmo autor, O corvo, con elementos similares ao anterior:  Tamén nel uns seres extranos e malos (neste caso a ave, así como os anxos en Annabel Lee), unha historia de amor por medio e unha muller chamada Lenore, cun "L" presente no seu nome. 

   A miña opinión   
A pesar de ser un poema romántico ten ese ambiente de traxedia e de escuridade típico de Poe, e está presente unha morte sinistra como é a de morrer conxelada. Se neste poema o poeta inspirouse na súa esposa debían ter unha relación moi pasional entre ambos e quizais foi a súa enfermidade a que fixo que Edgar Alan Poe quixera facerlle ou outorgarlle unha despedida así.
Persoalmente, a obra de Poe paréceme demasiado escura e aínda que haxa que buscarlle unha especie de lóxica que parece que levan escondida todos os poemas e nese sentido sería interesante, a min paréceme moi negativa, as veces chegando a crear certo temor no corpo.

17 jul 2015

Evolución da traxedia grega - A avaliación nietzscheana

por Estela Parada Rodríguez. 2º Bach. A, 2014-15.

Grecia é o berce da nosa cultura, e a súa traxedia evoluciona paralela ao pensamento nela. A continuación falaremos de como vai mudando tal drama nesta civilización e das conclusións ás que chega Nietzsche analizando ese cambio.
Dende a concepción nietzscheana a traxedia grega foi froito da fusión de dous elementos do espírito grego:
o dionisíaco: noite, escuridade, vontade irracional, cousa-en-si, unidade, embriaguez, dor cósmica...
que toman a forma de coro, música e danza; e

o apolíneo: día, luminosidade, razón, aparencia-fenómeno, principio de individuación, ensoño, alegría solar...
que se manifestan coma personaxes individuais e palabras.
O nome traxedia (τραγῳδίαtragodia) posúe dúas raíces: “macho cabrío” (τράγος / tragos) e "cantar" (ᾠδία / odía), ou sexa "o canto do macho cabrío".
A denominación dános unha pista das súas orixes: inicialmente eran unhas festividades en honor de Dionisio (deus da vendima e do viño) nas que se sacrificaba ao macho cabrío e nas que un coro de sátiros disfrazados deste animal entoaban un ditirambo, cantaban e danzaban improvisadamente.
Co paso do tempo, un deles, o corifeo, portavoz, comezou a cantar só, e estableceuse un diálogo entre un xa solista e o coro. Este é visto por Nietzsche coma o primeiro elemento apolíneo engadido, se ben o esencial segue a ser o fondo dionisíaco. Gracias a este o espectador pode fundirse cos demais homes e descobre a suprema unidade de todas as cousas, aceptando o consolo metafísico (a vida pensada coma indestrutiblemente poderosa e pracenteira) e gárdase da negación budista da vontade que Schopenhauer lle dera a coñecer.
Chegado o século V a.C., rememorando estas antigas cerimonias, o que se facía era, en honor de Dionisio tamén, pero cun carácter moito máis festivo, concursos nos que os poetas debían presentar tres traxedias (unha triloxía) e unha comedia satírica. O primeiro gañador coñecido foi Esquilo, cuxa triloxía, a Orestía, aínda se conserva. El fixou as regras fundamentais do drama tráxico e introduciu máscaras e coturnos (sandalias que buscaban diferencialo da comedia, na que se utilizaban zocos).
Os anos pasan e a Esquilo, xa vello, xúrdelle un rival: Sófocles, que introduce un segundo personaxe. Interactuando desta maneira dous personaxes e un coro, que cada vez participa menos na acción e se converte en comentarista dos feito. Chegado este momento créase o monólogo e os personaxes expresan cada vez máis libremente os seus pensamentos. Nas palabras de Nietzsche, segue a ser Dionisio, oculto tras a máscara das figuras da escena, o único heroe.
Finalmente, Eurípides completa o círculo coa súa polémica obra As bacantes. As bacantes deunos a coñecer a tradición destas sacerdotisas do deus Baco (outro nome de Dionisio, máis xeralizado en Roma), que practicaban un salvaxe rito: esnaquizaban pequenos animais vivos para comelos e bailaban espidas, excitadas e drogadas.




Este autor pon maior atención nas emocións polas que van pasando os personaxes, xa non heroes clásicos, senón persoas problemáticas e inseguras. Comezan a ser importantes mulleres, escravos e vítimas de guerras, que seguen os seus impulsos irracionais, e introdúcese un terceiro personaxe. Para Nietzsche, con Eurípides desaparece o dionisíaco, pero tamén Apolo: o único que queda é Sócrates e o seu diálogo platónico. O alemán considérao o gran corruptor, pois impón o optimismo da ciencia, con el o saber pasa a ser medicina universal, e o home teórico (que cre que mediante a súa racionalidade pode alcanzar verdades que lle permitan superar a dor da existencia) triunfa sobre o home tráxico (que valora máis a paixón cá razón).