20 oct 2014

Presentación da biblioteca para 1º de Bacharelato 14-15 - Visita

No Departamento de Filosofía encargámonos, como en anos anteriores, da presentación da biblioteca para 1º Bach. cando está comezando o novo curso.







Utilizamos a documentación que xa subimos nun post anterior e que podedes ver picando nesta imaxe:
En primeiro lugar, aprendemos algunhas das claves CDU (as que utilizamos con máis frecuencia).


Paramos un rato na sección de filosofía para ver os apartados que hai e onde podemos atopar os libros para a actividade de lectura.


A maior parte deles están na sección de
literatura filosófica, que ten a clave 1(82), ou de textos, que ten simplemente o número 1. Pero tamén hai obras na sección de literatura nas linguas clásicas, que ten o número 87, na de literatura americana, no número 821.111, e outras. Así fixemos tamén, como di o proxecto de biblioteca deste ano, unha viaxe polo mundo. Adrián encargouse de facer as primeiras buscas utilizando o buscador MEIGA, mentres mirábamos na pantalla o que ía facendo.



Alicia, que xa é experta, ensinoulle a Candela (e a toda a xente que entrou este ano) a usar o programa de autoempréstito para pedir libros prestados e facer despois a devolución.


Finalmente, entramos nalgunhas páxinas de internet interesantes, como a de OPAC Meiga para facer buscas online ou a de Bibliotecas Escolares para ver as campañas de animación á lectura, as novas da bibliotecas de Galiza, etc.




15 oct 2014

Presentación da biblioteca para 1º de Bacharelato 14-15 - Documentación

BENVIDAS/OS AO CURSO 2014-15

Como cada ano, no Departamento de Filosofía saudamos ao novo alumnado de 1º de Bacharelato e acompañámosvos na presentación da biblioteca.
Faremos exemplos de busca e empréstito con libros do currículo lector da materia Filosofía e Cidadanía. Os temas que trataremos serán os seguintes:
1. Organización da Biblioteca. O sistema CDU.
2. Busca de obras no catálogo.
3. O servizo de autoempréstito.
4. Algunhas ligazóns.

1. Organización da Biblioteca. O sistema CDU
Os fondos da biblioteca (libros, CDs, DVDs, revistas...) están organizados mediante un sistema chamado CDU (Clasificación Decimal Universal). Cada número representa unha materia e cada nova cifra que se engade á dereita indica un apartado dentro desa materia. Pica na imaxe para ver un resumo no blog de Bibliotecas Escolares de Galicia:

 

Ves que á filosofía lle corresponde a cor azul clara e o número 1. Nós utilizamos este número para as obras de filosofía en xeral (sobre todo, textos moi relevantes). Pero se son textos especializados engadimos cifras á dereita do 1 (por exemplo, o 15 significa Psicoloxía, o 16 Epistemoloxía, o 17 Ética, etc.).
Para indicar o tipo de fondo de que se trata pódense utilizar auxiliares: 1(03) significa manuais, 1(82) obras en forma de literatura (por exemplo, novelas filosóficas), etc.
Estas claves son as que permiten atopar despois as obras nos andeis. Fíxate como están marcadas mediante etiquetas.

2. Busca de obras no catálogo
Nos ordenadores da biblioteca podes atopar dous programas, o buscador OPAC  e o servizo de autoempréstito. Falaremos agora do primeiro e na seguinte sección do segundo.
O buscador permite utilizar varios criterios. O máis cómodo adoita ser a busca por Título, utilizando a opción Texto libre.
Pódese buscar tamén por Materia e por CDU.


Fai a proba buscando libros ou películas do currículo de filosofía.
Como o proxecto de biblioteca deste ano é Unha volta arredor do mundo faremos prácticas buscando obras de autoras/es de distintas nacionalidades:


El segundo sexo (Francia: Simone de Beauvoir)
Tao Te Ching (China: Lao Tse)
Aristóteles, o mestre dos que saben (Galiza: Alfredo Marcos)
A república (Grecia: Platón)
The black cat (Estados Unidos: Edgar Allan Poe)
Crítica da razón pura (Alemaña: Kant) 
Cando teñas os datos do fondo podes picar na lapela de Multimedia para ver, no campo Signatura 1, o seu código CDU e localizalo no andel correspondente.



3. O servizo de autoempréstito 
O segundo programa permite rexistrar o préstamo e a devolución de fondos dun xeito rápido e  cómodo. Para utilizalo tes que seguir os pasos do programa:
1. Introducir o teu número de lector/a (Déroncho en titoría hai uns días).
2. Indicar se queres facer un préstamo ou unha devolución.
3. Introducir o número de rexistro do fondo (se é un libro estará escrito na primeira páxina).
4. Confirmar o préstamo ou devolución se os datos son correctos.
5. Se é un préstamo dun libro, escribir o teu nome e a data de devolución na etiqueta que está na primeira páxina.
6. Se é unha devolución, entregarllo á/ao profesor/a que estea de garda para que marque Devolto na etiqueta e o leve outra vez ao andel correspondente.

4. Algunhas ligazóns
Para ver o catálogo da nosa biblioteca podes ir á páxina do IES Pedro Floriani na Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia:


Para profundar na CDU podes visitar o blog de Bibliotecas Escolares e consultar estes titoriais:

10 oct 2014

Malala Yousafzai. Premio Nobel da Paz 2014-15

O premio Nobel da Paz para Malala Yousafzai é unha noticia da máxima importancia. Nun mundo que está preocupado por outras cousas e nun tempo no que isto non vende, a actitude desta rapaza que se opón ao fanatismo das relixións e á violencia machista con tanta sinxeleza, cunhas ideas tan claras e cun valor tan desarmante é un raio de luz e de esperanza na escuridade.

Podes ler a súa historia na wikipedia, desde onde te remitirán a outras páxinas porque Malala recibiu moitos outros recoñecementos coma os premios Simone de Beauvoir e Sájarov.



Na web de Amnistía Internacional podes ver unha bonita homenaxe da sección asturiana.



E na nosa biblioteca podes pedir o seu libro, aínda que é mellor que te deas présa porque hai moita xente que quere lelo!!!

7 oct 2014

Metempsícose: a transmigración das almas

por Jorge Domínguez Encinas. 2º Bach. CT, 2013-14.

Orixe do concepto de transmigración das almas.
Concepción dos presocráticos e aplicación na teoría do dualismo de mundos de Platón.

1.- Introducción
A transmigración das almas é una doutrina filosófica da Grecia Clásica baseada na idea de que o corpo está formado por diversos elementos e que algúns destes son traspasados dun corpo a outro trala morte.
Provén do termo grego μετεμψύχωσις (Metempsicose), e está formado por μετα- (máis alá), Éν- (en, dentro),Ψυχη (alma) e –ωσις (-osis = proceso). Pódese traducir como traspaso da Alma. Foi adoptada en forma filosófica por Platón, os pitagóricos e a secta órfica.


2.- Transmigración nos Misterios Órficos
O orfismo é una corriente relixiosa da Antiga Grecia, relacionada con Orfeo. Os órficos propoñen que o ser humano está formado por corpo e alma, e pensan que esta última é inmortal. Toman como referente o mito de Orfeo, no que se conta que baixa ao Hades para recuperar á súa amada Eurídice.
Esta viaxe é considerado como un renacer, a viaxe que fai a alma cando morre unha persoa, que consiste en baixar ao inferno para ser castigada polas malas obras durante a vida e ser purificada. Tras unha vida xusta a alma queda purificada e pode ir ao ceo onde están os deuses e as almas boas.

3.- Relación da Metempsicose cos ritos dionisíacos da colleita
Algunhas das festividades dionisíacas relacionadas coa fin dos cultivos en outuno, sendo a vendima o último, poden relacionarse coa transmigración das almas. No outuno pódese dicir que morren os campos, pero cando despois de sementalos os froitos volven a aparecer na época primaveral pódese afirmar que o campo renaceu.

4.- Metempsicose no Pitagorismo
A comunidade pitagórica rexíase por unhas normas moi estritas. Unha das súas doutrinas era a da metempsicose ou transmigración das almas, que consistía en que a alma era eterna e rencarnábase en diferentes corpos ao longo de varias vidas ata conseguir a purificación.
Por este motivo tiñan prohibido comer carne, xa que cualquera animal podía ser a reencarnación dun ser querido morto. Tamén, cando espertaban non facían a cama xa que pensaban que a forma que quedaba era a da alma e se se desfacía podía desparecer.


5.- A Transmigración das almas e o Mundo Dual de Platón
Platón afirmaba que o noso mundo é una copia imperfecta creada por Deus a semellanza dun situado máis alá do ceo e que está formado por ideas de todas as cousas. Platón tamén ve esta dualidade na antropoloxía, explicando que o corpo humano posúe alma e corpo. A alma está dividida en tres partes e atópase presa no corpo. Cando o home morre, a alma queda libre e ascende ao mundo intelixible. Alí observa todas as ídeas e as comprende, mais cando regresa ao mundo sensible esquéceas temporalmente. A alma seguirá no mundo das ideas sempre e cando exista un equilibrio entre as súas partes e as virtudes. Cando este equilibrio se rompa a alma caerá ao mundo sensible e aferrarase a un corpo no que residirá ata que morra e volvería a empezar o ciclo de novo.