2 jul 2018

CHARLAS "Planeta Verde" 3 - O señor dos aneis e a filosofía

Os Uruk-hai créanse únicamente para a guerra

Hoxe falamos do Planeta Verde da man de Javier e o libro de Gregory Bassham e Eric Bronson O señor dos aneis e a filosofía.
J.R.R. Tolkien viviu a Primeira Guerra Mundial e confirmou que moitas das escenas dos seus libros están inspiradas nas que el presenciou no campo de batalla. Para a Europa de principios do s. XX esta guerra non só supuxo un gran sufrimento físico pola perda de vidas e o horror das batallas, senón tamén un gran sufrimento moral ao ver o destino que se daba á tecnoloxía. Ata aquí a confianza na ciencia e no progreso era inconmovible e todo o mundo pensaba que nos levarían, sen dúbida, a un mundo mellor.

Trincheiras e máquinas para a morte
Pero coa guerra comezou o espectáculo macabro dos nenos de 15 e 16 anos morrendo nas trincheiras ao pasaren nelas meses de frío, fame e falta de hixiene para saltaren despois e matárense por milleiros nun só día.
E as
máquinas que deixaban á xente abraiada porque podían voar, coma os avións e os dirixibles, ou pola enerxía inmensa que podían despregar, coma os barcos e os tanques... esas máquinas eran usadas para esnaquizar os corpos de meniños e civís, en manobras de estratexia dirixidas por militares que estaban a milleiros de quilómetros de alí, coa cabeza chea de soños de gloria.
Os Uruk-hai representan este uso perverso da tecnoloxía na obra de Tolkien. Son personaxes creados para matar, e é o que fan constantemente. Tamén a natureza: as árbores e a contorna.

Imaxes da guerra
Tolkien, di Javier, pon moitas imaxes na súa narración para facernos sentir o que el sentiu, por exemplo, ao ver os mortos da batalla do Somme. Unha delas é o paso polo Pantano dos Mortos, onde Frodo e Sam ven as caras e os corpos dos cadáveres da batalla de Dagorlad.
Tamén vemos algunhas escenas da película que lembran a Primeira Guerra Mundial, como a batalla de Gondor e a do Abismo de Helmo. Javier anímanos a que non as vexamos inxenuamente coma un espectáculo que glorifica a loita e a matanza senón que pensemos que están inspiradas por feitos históricos brutais nos que milleiros de nenos, moitos deles menores ca nós, saltaban das trincheiras para matar e morrer por causas que nin sequera coñecían.




Un xiro de guión inesperado
Así nos contou a historia do Precioso Tesouro e a súa destrución nas Fendas do Destino. Pero agora vén unha revelación inesperada:



O anel non foi destruído,
JAVIER MESMO TENO AQUÍ,
NA SÚA MAN.

QUE?



Toda a clase quere velo. David faise con el e amósanolo. IMPRESIONANTE, que incrible xiro de guión!


Fotos e materiais
Aquí vos quedan unhas fotos do ambiente da charla, xunto co cartel e a presentación. Lembrade, como dixo Sam Gamllí, Hai algo de Ben neste mundo, Sr. Frodo, é vale a pena loitar por el.



   



6 jun 2018

Lidia Collazo, gañadora do 4º concurso de microrrelatos de Amnistía Internacional

Lidia Collazo Couñago, de 4º da ESO B, gañou este ano o IV Concurso Xuvenil de Microrrelatos da Rede de Escolas de Amnistía Internacional na categoría de 14 a 16 anos. Un premio merecido, que nos enorgullece enormemente.



Picando na imaxe da dereita pódese acceder á convocatoria do concurso, na páxina da Rede de Escolas.




A casa da avoa


Non hai maior dor para un pai que ver sufrir os seus fillos,velos sufrir e non poder facer nada para evitalo,nada para aliviar o seu sufrimento.Só estar alí, apoialos nas decisións difíciles e darlles un lugar no que sempre se sentiran seguros e protexidos.Ou polo menos tentalo. Lembro o día que lle chegou a carta a miña filla, chamoume chorando e moi angustiada, o único que eu podía facer na miña situación era escoitala, maldicir interiormente o noso goberno, pensar en todos o dereitos que estaban a ser violados nese momento e tentar consolala con palabras que non sentía xa que a súa situación era bastante mala. Xa pasaron uns meses e os meus netos atópanse xogando co can mentres que os seus pais mandan solicitudes de traballo sen parar, xa non teñen casa, non puideron pagar a súa débeda e botáronos. Por agora os nenos pensan que están de vacacións, pero iso non durará eternamente e xa comezan a sospeitar. A miña pensión está a alimentar a seis persoas e un canciño, é complicado e ás veces dan ganas de renderse pero coma dicía unha amiga miña “entre mortos e feridos alghun ádese salvar” mirando o lado positivo pasamos moito mais tempo xuntos e temos un teito sobre as nosas cabezas. Viven coa avoa, que ten de malo? Mais todo iso pode cambiar e despois de ler o correo desta mañá a situación vai empeorar rapidamente a non ser que nos toque a primitiva.


    Lidia Collazo Couñago


 


Estas son unhas fotos do acto de entrega de premios, co poeta e escritor de novela xuvenil Román Raña:




5 jun 2018

30 de Novembro de 2017: Cidades Iluminadas contra a Pena de Morte


Na celebración do  Día das Cidades Iluminadas contra a Pena de Morte  deste ano participaron todos os grupos de Valores Éticos da ESO en colaboración co  Grupo da Rede de Escolas do IES Pedro Floriani  e, por suposto, o  Concello de Redondela . Fixemos os  murais  que vedes aquí, inspirados en  edificios e monumentos da nosa vila .



Esta é a pancarta que pendurarou o Concello, que se solidarizou coa nosa reivindicación:





27 may 2018

CHARLAS "Planeta Verde" 2 - A Metamorfose e o planeta

O conto é un exemplo de cómo un factor beneficioso pode convertirse nun lastre.

Na segunda charla filosófica deste curso Javier Darriba enfoca o tema do Proxecto de Biblioteca, Planeta Verde, desde un punto de vista particular: o de Franz Kafka, en A metamorfose.

No coñecido relato no que Gregor Samsa aparece unha mañá convertido en carracho, sen máis explicacións do autor, hai algo que nos resulta moi desasosegante: a naturalidade coa que reacciona toda a súa familia e a lóxica coa que se desenvolven os acontecementos.

Pero É QUE É POSIBLE TRANFORMARSE EN CARRACHO DA NOITE Á MAÑÁ?

Esta metamorfose pode ser metáfora de moitos cambios na persoa: alguén que vai caíndo paulatinamente no alcoholismo, quizais na neurose ou mesmo na mesma ancianidade. Javier fainos ver que o esencial desta historia é que alguén que era unha persoa beneficiosa e produtiva para a familia convértese nun lastre.

Pero non é isto o que sucede tamén coa humanidade no noso planeta? As nosas características máis valiosas como a razón, a conciencia, as emocións humanas... estámolas utilizando para o peor: Matar animais por gusto e extinguir especies, contaminar o medio ambiente, incendiar bosques...

Que podemos facer, entón, os humanos? Javier propón:
Protexer especies en perigo de extinción.
Reciclar, reutilizar e reducir.
Axudar na repoboación dos montes.


Materiais
Deixámosvos aquí o cartel e a presentación desta charla:

  


26 abr 2018

CHARLAS "Planeta Verde" 1 - Antes da inundación

A ciencia é clara, o futuro non

Benvidxs unha vez máis ás charlas filosóficas de 1º de bacharelato. Este ano temos unha importantísima referencia no proxecto de biblioteca: O Planeta Verde. Así que imos charlar sobre ecoloxía, respecto ao medio ambiente e as persoas, compromiso, ciencia, vontade política... sempre desde a perspectiva das actividades de lectura e cine-fórum.
Comezamos cun clásico: Antes de que sexa tarde (Before the flood), a película coa que Leonardo DiCaprio, no ano en que foi designado Mensaxeiro das Nacións Unidas para a Paz, quixo remover as conciencias de persoas de todo o mundo (e moi especialmente os Estados Unidos) para que deixasen de negar a evidencia do cambio climático.
Así que Irene, Sabela e Laura viron esta película e resumiron o seu contido para nós.

A charla

Sabela comezou coa presentación dos temas da película. O título fai referencia ao tríptico do Bosco O xardín das delicias terreais, un de cuxos paneis mostra o mundo despois da inundación. Leonardo DiCaprio cítao como unha das imaxes da súa infancia que agora lle suxiren as cada vez peores noticias sobre o cambio climático.
Vemos tamén algunhas das causas do cambio (o aumento de CO2, o uso de fontes de enerxía non renovables e a industria) e algúns dos seus efectos (a extinción de especies, a perda de xeo nos polos e o consecuente aumento do nivel dos mares).
O segundo gran tema é o negacionismo. Laura explícanos o que é e os intereses económicos que hai detrás del, e fai un repaso tanto das persoas que traballan para ocultar o cambio climático como das que traballan por revelalo e forzar aos pobos e os seus gobernos a poñerlle remedio.
Neste chiste vemos retratados a dous recoñecidos negacionistas: Donald Trump e Mariano Rajoy.
Irene remata volvendo ao cadro do Bosco e facendo unha interpretación filosófica: o disfrute dos praceres, sen mesura ningunha e sen compromiso coa conservación do planeta e a vida, está levando á súa destrución e á extinción de moitas especies, e previsiblemente terá consecuencias tráxicas para os seres humanos no futuro.
Este tema aparece en moitos sistemas de pensamento referido ao individuo: o cálculo dos praceres de Epicuro, a loita dos titáns Eros e Thánatos en Freud e a Escola de Frankfurt, ou a dialéctica do gozo e o desexo en Lacan. Aquí aparece agora considerado a escala planetaria.


Materiais
Podedes ampliar esta imaxe de gran resolución, tomada da wikipedia, para ver os detalles do cadro do Bosco.


Tamén podedes ver aquí o noso cartel e a nosa presentación para a charla:

  

Os dereitos da película non están reservados, e pode verse libremente en Youtube e outras plataformas: