Diego Muíños é o gañador do V Concurso de Microrrelatos da Rede de Escolas de Amnistía Internacional na categoría de 14 a 16 anos.O tema do concurso era o acoso escolar e o lema "No noso grupo conseguímolo".
A convocatoria pódese ver picando no cartel.
Só ante o perigo Dixéronme unha vez que o acoso escolar podíase combater cunha serie de valores, que todo ser humano, por moi abominable que puidese chegar a ser, tiña un pensamento moral e ético. Que grazas á complexidade da mente, no máis radical dos casos podería distinguir entre o ben e o mal. O problema é que eles non contaban con que eses termos sempre resultan moi ambiguos. Quen é o que establece o que é correcto e o que non? Eu agora estou morto: caída desde un sétimo piso e rotura de costelas, cranio e derrame interno. Un espectáculo incrible para a miña anatomía externa. Era un candidato espléndido para expoñerse na Morgue. Pero non falemos nun ton tan pesimista. A pesar de todo, perdurarei no tempo nunha carta. Algo así coma na Crónica dunha morte anunciada. Pero claro está, coa miña interpretación do que é o máis alá. Por aquí non vexo ningún Deus nin ningún Demo. Non vou relatar o que pasou. Tampouco fai falla pensalo demasiado para deducilo. Os verdadeiros diaños estaban no mundo real, cada día, durante esas seis horribles horas de clase. Estiven acompañado, non o vou negar. Pero a min comezaron a axudarme moi tarde. Demasiado. De aí esta carta. Non vos marquedes un Gary Cooper, vivos viventes que aínda poboades a Terra. Pedide axuda. O último que quero é poñerme filosófico. Porén, cando deixamos de estalo? Bulide! A vida non ten senso se nos pechan a fonte de emocións. Buscade axuda, non estades sos. Diego Muíños |
O acto de entrega de premios foi presidido pola escritora Loli Beloso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario