13 mar 2020

VI Concurso de Microrrelatos e Haikus de Amnistía Internacional - Agora Véxote

Este ano celébrase a sexta edición do Concurso de Microrrelatos da Rede de Escolas de Amnistía Internacional. Nesta ocasión amplíase o número de categorías cunha de haikus para 12 e 13 anos, o que permite participar o alumnado de 1° e 2° da ESO.
O tema é a visibilización da loita feminista e o lema é "Agora véxote".
Nas materias de valores éticos participamos facendo os haikus e microrrelatos en clase, despois quen queira pode presentalos para o concurso a través desta ligazón ao blog de Amnistía Internacional - Galiza.

Esperamos estar á altura dos dous anos anteriores, en que gañaron Lidia Collazo e Diego Muíños, representantes do noso centro.
No blog de Amnistía dise o seguinte sobre o tema deste ano:

    Este ano pretendemos chamar a atención sobre a visibilidade que está cobrando a loita feminista nos últimos tempos. O lema do concurso é «Agora véxote» e búscase resaltar, en primeiro lugar, o feito de que esta é unha loita de séculos, só que agora recibe máis atención da sociedade e os medios; e en segundo lugar o seu valor paradigmático, xa que hoxe serve como modelo de todas as loitas polos dereitos humanos e fai ver claramente o sentido e a eficacia dese empeño.    


En 2º ESO B fixemos haikus coa nosa profesora Natalia Da Cruz e decoramos con eles as paredes do noso corredor. Podes velos nesta presentación (amplia a pantalla completa para ler mellor):




Estes son os nosos relatos dos dous últimos anos (Amplía a presentación a pantalla completa para lelos comodamente):




11 mar 2020

Historia dos Dereitos Humanos - Infografía en Canva

Esta é a infografía sobre a HISTORIA DOS DEREITOS HUMANOS que fixemos en valores éticos de 3º ESO A utilizando a ferramenta online CANVA (pódese ampliar a imaxe a tamaño de pantalla completa):

HISTORIA DOS DEREITOS HUMANOS de Lara Gómez


Os materiais que utilizamos están no blog, pódense ver facendo clic nesta imaxe:


9 mar 2020

Diego Muíños, gañador do concurso de microrrelatos de Amnistía Internacional



Diego Muíños é o gañador do V Concurso de Microrrelatos da Rede de Escolas de Amnistía Internacional na categoría de 14 a 16 anos.O tema do concurso era o acoso escolar e o lema "No noso grupo conseguímolo".

A convocatoria pódese ver picando no cartel.


Este é o relato de Diego:


   
Só ante o perigo

Dixéronme unha vez que o acoso escolar podíase combater cunha serie de valores, que todo ser humano, por moi abominable que puidese chegar a ser, tiña un pensamento moral e ético. Que grazas á complexidade da mente, no máis radical dos casos podería distinguir entre o ben e o mal. O problema é que eles non contaban con que eses termos sempre resultan moi ambiguos. Quen é o que establece o que é correcto e o que non? Eu agora estou morto: caída desde un sétimo piso e rotura de costelas, cranio e derrame interno. Un espectáculo incrible para a miña anatomía externa. Era un candidato espléndido para expoñerse na Morgue. Pero non falemos nun ton tan pesimista. A pesar de todo, perdurarei no tempo nunha carta. Algo así coma na Crónica dunha morte anunciada. Pero claro está, coa miña interpretación do que é o máis alá. Por aquí non vexo ningún Deus nin ningún Demo. Non vou relatar o que pasou. Tampouco fai falla pensalo demasiado para deducilo. Os verdadeiros diaños estaban no mundo real, cada día, durante esas seis horribles horas de clase. Estiven acompañado, non o vou negar. Pero a min comezaron a axudarme moi tarde. Demasiado. De aí esta carta. Non vos marquedes un Gary Cooper, vivos viventes que aínda poboades a Terra. Pedide axuda. O último que quero é poñerme filosófico. Porén, cando deixamos de estalo?
Bulide! A vida non ten senso se nos pechan a fonte de emocións. Buscade axuda, non estades sos.

Diego Muíños

   

O acto de entrega de premios foi presidido pola escritora Loli Beloso.