5ª Sesión: O home bicentenario
- Pensei que dicías só un bico rápido.
- Mentín!
Andrew quere casar con Portia. Pero hai un problema: Andrew non é humano. Entrou como robot na casa da familia de Portia hai 200 anos e sempre actuou dun xeito estraño para ser unha máquina: tiña conciencia de si, desexo de superación, inquedanzas intelectuais… Co paso do tempo foi substituíndo todas as partes do seu corpo por novos materiais, cada vez máis similares aos tecidos humanos... A súa aparencia é exactamente como a nosa.
Portia e el levan xa moito tempo pedíndolle ao Congreso Mundial que recoñeza a Andrew como un ser humano para poderen casar legalmente, pero ao Congreso preséntaselle unha dúbida: que é o que define a un ser humano como algo esencialmente distinto dunha máquina? Esta é a pregunta a través da que nos guían hoxe, na charla de despedida por este ano, Pablo, Alberto, Pedro e David.
Pablo introduce o tema e presenta os personaxes. Andrew, interpretado por Robin Williams, é un robot de corpo metálico ao principio. Coñece á Pequena Miss, a quen se ve unido por unha especial relación. Ela é a avoa de Portia, a quen coñecemos cara ao final da película, e ten un enorme parecido con ela (de feito é a mesma actriz, Embeth Davidtz, quen interpreta a ambas) xa que entre os humanos moitos carácteres, como explica a xenética, frecuentemente saltan unha xeración.
Cando Andrew consegue adquirir unha prótese de cara hai unha interesante discusión na película: Unha cara humana debe ser imperfecta. Se é excesivamente simétrica, se non ten irregularidades... parece robótica!
|
Alberto cóntanos a evolución de Andrew: cómo xorden nel os sentimentos e as emocións, como a que sente pola Pequena Miss. Cómo se pon un nome e cómo adquire hábitos humanos.
Aquí Andrew é aínda un androide metálico que realiza labores rutinarias, frecuentemente de forza física, para a familia. Pero xa empeza a chamar a atención por algunhas actitudes que non se atopan habitualmente nunha máquina: creatividade, humor... |
David encárgase de formular o problema: cando será Andrew unha persoa? Como calquera ser humano, Andrew ten que aprender, pero isto pode facelo unha computadora.
A diferenza é que ten que aprender dos seus propios erros e aceptar o sentimento negativo que vén con eles. Ten que loitar polos seus dereitos, e cando os seus dereitos son os dereitos humanos empezamos a ver como Andrew se vai humanizando ante os nosos ollos.
|
Cando pide ao Congreso Mundial que o recoñeza como humano chega o momento definitivo. Pedro revélanos a condición que pon, na segunda apelación: o robot terá que aceptar o feito do avellentamento, o decaemento físico e, finalmente, a morte:
iso é, como diría Heidegger, o que finalmente nos fai seres humanos. Aquí nos deixa o grupo de hoxe: temos que ver a película para saber o que pasará ao final.
|
Imaxes
E isto é todo por este ano. Agradecemos, coma sempre, o apoio da xente de 2º Bach., do profesorado (especialmente a Suso, que nunca falla) e da biblioteca.
Para ampliar ou descargar as fotos, pica nelas e abriranse no visor.
Materiais para descargar
Como esta é a última charla do ano temos os materias de hoxe (cartaz e presentación) e tamén un ficheiro comprimido con todos os materiais de ano (as 7 presentacións e os 5 cartaces):