Fixemos as dúas primeiras partes por escrito nos cadernos pero, ao chegarmos á terceira, que supón investigar un intervalo temporal moi longo (1600 - 1900) e comparar as achegas de moitas/os autoras/es, eliximos, entre as opcións que nos daba a programación da materia, un xeito máis visual e divertido: un mural no que representamos, nunha liña do tempo, as vidas destas persoas, un resumo das súas principais obras e os acontecementos históricos que viviron.
Locke foi perseguido no seu país por afirmar que temos dereitos que non están dados polos reis: dixo que eran as persoas as que elixían ao goberno, opoñéndose á teoría medieval da orixe divina do poder; para que o goberno non abusara da sociedade era conveniente que o poder se dividise. Fuxiu a Holanda pero, mentres tanto, triunfou en Inglaterra a Revolución Gloriosa de 1689 e puido volver e publicar as súas obras. As súas teorías políticas foron adaptadas á realidade social por T. Jefferson, na Declaración de Independencia dos Estados Unidos (1776) e por Montesquieu pouco antes da Revolución Francesa (1789) .
Adam Smith (1723 - 1790) aplicou as teorías liberais á economía. Locke sempre dixera que as persoas podían apropiarse dalgunhas cousas sempre que o que quedara fose suficiente para o resto da sociedade. O goberno debía protexer esas propiedades. Pero A. Smith dixo que non se debía poñer límite ao comercio e o estado só debía intervir nel para protexelo.
Tras o Golpe de Estado do 18 de Brumario (9 de novembro de 1799), Napoleón estendeu as teorías liberais por toda Europa. De acordo co que A. Smith dixera en A riqueza das nacións (1776), a riqueza de todos os países e de todas as persoas debería aumentar.
Pero Karl Marx (1818 - 1883) comprobou que, a mediados do s. XIX, as cousas non estaban sucedendo así. Co liberalismo económico, a clase social que tiña a riqueza, a burguesía, fíxose moito máis rica; pero o proletariado, a clase empobrecida, fíxose moito máis pobre e miserable.
A clase obreira uniuse entón para reclamar os seus dereitos, e comezaron os movementos comunistas. A Marx e ao seu colega F. Engels encargáronlle que escribisen un libro moi breve e sinxelo no que explicasen que era o comunismo: O Manifesto Comunista. Ía dirixido á xente traballadora que non tiña acceso á cultura e as frases eran moi claras e impactantes; na memoria de moita xente están aínda a que comeza e a que remata o Manifesto: Unha pantasma percorre Europa: a pantasma do comunismo; Proletarios do mundo, UNÍDEVOS!
As principais teses desta obra foron desenvolvidas máis tarde en O Capital . O que Marx dicía aquí é que o estado que describira Locke, de liberdade e igualdade, polo que se loitara na Independencia dos Estados Unidos, na Revolución Francesa e nas Guerras Napoleónicas, era imposible baixo unha economía capitalista.
MAKING OF
Este foi un auténtico traballo de grupo. Pasámolo moi ben!
No hay comentarios:
Publicar un comentario