20 mar 2016

CHARLAS "A luz" 1 - A luz como metáfora do coñecemento

1ª Sesión: O mundo de Sofía
-Estraños prisioneiros eses que contas!
-Pois son iguais ca nós.

Xoves, xusto antes das vacacións, a punto de comezar a primavera. Acaban de rematar os exames e aproveitamos este día de tregua para comezarmos a nova tempada de charlas na biblioteca. Este ano o noso tema que, coma sempre, coincide co proxecto de biblioteca, é A Luz, seguindo á ONU, que declarou a 2015 o Ano internacional da luz.

A luz é un símbolo moi poderoso na filosofía. Loreto, Tati, Manu e Alexia vannos contar a súa historia tal como a descubriron lendo O mundo de Sofía. Deste libro escollimos cinco autores, Platón, Descartes, Locke, Kant e Nietzsche, e a través do seu pensamento iremos desde o Mito da Caverna ata a Ilustración e máis aló, ata a crítica á racionalidade.


Con Loreto repasamos o Mito da Caverna. A xente de 2º Bach., que xa o coñecen, asenten mentres nos explica os símbolos: as sombras son os obxectos do mundo sensible, a escarpada subida ao exterior é a educación, que debe facerse sen forzar á xuventude e no exterior da cova é onde están as ideas, os obxectos que Platón chama reais. O lume da caverna representa o coñecemento sensible e o sol do exterior o coñecemento racional. E o escravo liberado que volve rescatar aos que aínda están prisioneiros é o propio Sócrates, que se mete a si mesmo dentro do seu relato.


Descartes, continúa Tati, é o iniciador da filosofía moderna. El denunciou os erros que cometen os sentidos, como presentarnos o noso dedo máis grande cós obxectos que están detrás del. A razón inventa a óptica, que se apoia na xeometría, para calcular o tamaño orixinal dos obxectos. Do mesmo xeito, a razón debe revisar todo o que os sentidos perciben e así poderemos ter un coñecemento correcto do mundo.

Máis tarde na Idade Moderna, na época da Ilustración, a razón pasa a ser a gran esperanza, e confían na súa luz para organizar a vida en sociedade. Manu fálanos de Locke e Kant; o primeiro propón a división de poderes, que Montesquieu fixou en Lexislativo, Executivo e Xudicial, e o segundo anuncia o tempo en que as institucións supranacionais coma a ONU ou o Tribunal Penal Internacional substituirán ás guerras e traerán a paz perpetua.



Pero non culminamos esta charla coa confianza absoluta na razón senón coa sospeita que algúns autores lanzan sobre ela cando non se complementa coas emocións e os sentimentos. Alexia explícanos como Nietzsche escolleu aos deuses gregos Apolo e Dionisos como metáforas destes dous aspectos da arte, da cultura e de todo o humano.
Apolo é o deus da luz diúrna, da beleza formal, da argumentación e, como vimos no traballo de O soño dunha noite de San Xoán, da cidade, moderna pero represiva e individualista. Dionisos, o deus do viño, é o deus da ensoñación e da noite, das paixóns e o desexo e, como nos ensinaba Shakespeare, do bosque, máxico e liberador.


Imaxes

Algunhas fotos da charla. Pica nunha calquera para abrir o visor de imaxes e ver todas ampliadas.




Materiais para descargar

Podes descargar os materiais que utilizamos, o cartaz e a presentación multimedia:


              



10 mar 2016

Encontro coa psicóloga e psicanalista Concha Pazo 2016

“Non somos señores da nosa propia casa” - C. G. Jung

Colaboración no Proxecto da Biblioteca Escolar 2015-16, A luz.
Texto elaborado a partir de contribucións de toda a clase.

O pasado mércores Concha Pazos, a anterior orientadora do instituto, viunos dar unha charla sobre psicoloxía. Comezou falando sobre a historia desta ciencia e de varios persoeiros que se dedicaron a ela (en especial, de Jung); despois falounos da interpretación dos soños e finalmente púxonos un vídeo no cal un psicólogo intentaba axudar a comprender ao seu paciente que a súa familia acéptao tal como é.

Historia da Psicoloxía
Ao longo da historia, as enfermidades mentais como depresións, neuroses, etc. Estiveron presentes nos seres humanos. Por esta razón, levamos toda a historia buscando unha explicación ou unha causa para as enfermidades mentais e por suposto unha cura. O texto dun home deprimido máis antigo, atopado na pirámide de Keops (hai 4.000 anos), empeza dicindo: “Estou cansado deste mundo e quero morrer”.
En Mesopotamia e Israel a enfermidade mental considerábana un castigo divino e había que buscar o pecado ao que se debía.
En Exipto (s. XVI aC) tratábase a enfermidade a través dos soños.
En Grecia trataban, p.ex. os ataques de pánico, metendo as persoas nun templo; esta persoa durmía e despois interpretaban os soños, sobre todo mediante pensamentos mitolóxicos (mediante isto, as persoas con males máis leves recuperábanse). O soño é unha forma de recuperación. Cousas que, durante ese día ou momento de angustia, non quedaron claras no consciente, o inconsciente intenta asimilalas mediante os soños. Hipócrates sitúa no cerebro a capacidade de pensar, sentir e soñar. Tamén Galeno, en Roma, aplica a teoría dos catro humores á psicoloxía.
Na Idade Media considérase a enfermidade mental como posesión demoníaca, polo que se “curaban” mediante exorcismos.
No Renacemento médicos coma Paracelso (s. XV) pensaron que a enfermidade mental aparece de maneira natural.
Philippe Pinel (1745-1826) liberou aos doentes mentais encarcerados en edificios onte non tiñan nigún tipo de atención e acababan volvéndose tolos. Isto fai cambiar a actitude da sociedade cara a esta enfermidade.
Mesmer (1734-1815) descubriu que aplicando unha serie de descargas eléctricas nos músculos as persoas sufrían durante poucos segundo pero despois se atopaban realmente ben porque liberaban as tensións, e que falando con eles sentiríanse tamén mellor; isto levará despois á hipnose, o que fai que aparezan recordos da infancia que as persoas non tiñan. Tamén empréganse para facer o proceso ao revés: mandar ordes e demais; cando a persoa esperta non recorda nada e obedecerá esta orde de maneira involuntaria, inconscientemente. Mediante este proceso a persoa séntese ben mentres está hipnotizada pero despois volverá ao seu estado anterior.
A mediados so s. XIX Freud decátase de que hai procesos mentais que se poden resolver buscando a solución no inconsciente. Fixa o concepto de trauma; unha situación traumática dáse cando se dan simultaneamente tres condicións:
A intensidade do suceso
A incapacidade de respondelo de forma axeitada e
A duración no tempo do trastorno e os efectos patóxenos.
Para superar isto a persoa fai unha división do seu consciente negando o que non quere pensar que si que pasou para dalgunha forma intentar superalo ou simplemente esquecelo.
Nun psiquiátrico de Zurich (o Hospital Burghölzli) psiquiatras coma C. G. Jung deron nome á esquizofrenia e fixeron moitos traballos, algún dos cales perfeccionaban o traballo de Freud.
No s. XX búscanse substancias para mellorar os síntomas. Desenvólvense os psicofármacos. Isto presenta varios problemas xa que non se debe utilizar a medicación dun xeito que impida a elaboración persoal dos problemas.
A psicoloxía, como ciencia, nace da interacción entre a medicina e a filosofía a partir do s. XIX e estúdase como carreira desde o s. XX. No bacharelato é unha materia optativa nalgunhas comunidades autónomas, por exemplo en Valencia. Dáse formación base para psicoloxía, pedagoxía, traballo e educación social e incluso dereito, e por tanto ten moi variadas saídas laborais na sociedade: en divorcios, discusións, despidos... tamén en selección de persoal para empresas, gabinetes psicopedagóxicos e orientación en centros educativos, psicoloxía clínica para problemas de personalidade, etc.

A interpretación dos soños
Freud é o descubridor do inconsciente: moitas cousas, enfermidades veñen do inconsciente, decátase e crese que arranxándoo pódese chegar á cura. En 1983 fai unha teorización sobre a histeria e en 1900 publicación A interpretación dos soños
Jung dicía que por medio dos soños accedemos aos aspectos máis profundos da nosa realidade psíquica. A veces tortuosa e outros liberadora. Unha das súas frases máis famosas é Os nosos soños son sumamente independentes da nosa conciencia e extremadamente valiosos porque non podermos facer trampas. Os distintos soños poden representar diferentes cousas na nosa vida, e sempre hai que miralos dentro dun contexto, porque non para todo o mundo significa o mesmo, e débese buscar unha interpretación persoal.
A partir deses descubrimentos desenvolveu moitas técnicas que se utilizan hoxe en día: A asociación de palabras (na que se basea unha máquina da verdade), a análise de debuxos, soños e fantasías, o sand play... Tamén explicou o proceso de individuación, que é o proceso polo cal o eu fai consciente o inconsciente persoal e colectivo.
Concha púxonos un exemplo de interpretación dun soño no que se utiliza a análise das imaxes e a asociación que fai a nena, de 11 anos, que soñaba: Dúas rapazas pelexan, a súa nai di que lles bote auga e sobe por unhas escaleiras que se converten en escaleiras mecánicas cara a abaixo.
No seu caso, as dúas rapazas simbolizan a relación coa súa nai e as discusións polas que pasan.
Por outra banda, cando a nena tira o cubo de auga porque llo dixo a nai, estase reflectindo a autoridade da nai. A nena quere explorar o mundo soa e librarse da nai, isto o simbolizan as escaleiras.
Pero estas escaleira, en vez de ir cara a arriba, votan cara a abaixo, o que representa que aínda é moi nova para isto e non pode ignorar á nai, senón que ten que facerlle caso e respectala aínda que non lle guste.

En terapia
Finalmente vimos un capítulo comentado da serie En Terapia (T3-27):



Libro de visitas

Neste álbum recollemos os comentarios da xente de clase:




Algunhas fotos