30 abr 2019

CHARLAS "Os contos" 1 - 39 (simples) contos filosóficos

Se é verdadeira, é falsa. Se é falsa, entón é verdadeira.

Comezamos a finais deste mes de abril as charlas filosóficas. O tema deste ano é, como é habitual, o do proxecto de biblioteca: Os contos.
A primeira charla está a cargo de Iñaki Míguez, axudado por Andrés Pereira, e trata sobre o libro de Roberto Casati e Achille Varzi 39 (simples) contos filosóficos. Ao principio da charla Iñaki amósanos o seu exemplar para ver que está dividido en seccións e para indicar a cales se vai referir: as números 1, 2, 4 e 8. Despois déixanos o libro para que o pasemos e vexamos que se trata de relatos curtos, de apenas un par de follas cada un.

Sección 1 (Por que facemos as cousas?)
Co relato da Habitación 88 pónsenos o exemplo dun lugar dividido por un estraño espello: se o toco coas mans toco algo quente e non frío, como adoitan ser os espellos, se escribo con rotulador non queda marca na superficie… A pregunta filosófica é como podo saber que se trata dun espello e non dunha persoa simétrica a min que está forzada a actuar como a miña imaxe en todo o que fago? E, seguindo co razoamento, como podo saber que son eu quen actúa e que non son a imaxe doutra persoa, e que é ela e non eu quen decide libremente a súa acción? Estes e outros temas se desenvolven tamén noutros relatos desta sección: A propósito dun proxecto inútil, O artista de mozo e A cadea que conduce á portería.

Sección 2 (Qué nos fai nós mesmas/os?)
Comentamos o relato Somníferos Zombi S.A.: unha muller vai nun avión baixo o efecto dun somnífero que fai que charle e se mova normalmente, pero interiormente non é consciente porque vai profundamente durmida e de todo o que lle suceda apenas lle quedará unha vaga lembranza. A pregunta é se eses momentos perdidos forman realmente parte de nós, ou dito doutra maneira, qué lle sucede a unha persoa cando se interrompe a liña da consciencia e non hai conexión entre uns momentos e outros. O tema continúase noutros relatos como Amnesia parcial, Transplante de persoa e Os sabores de xeado.

Sección 4 (Asociación de palabras con cousas)
Co relato Unha viaxe cancelada discutimos que relación hai entre unha palabra e as imaxes que suxire. Por exemplo, se contratamos unha viaxe ao polo e resulta que o xeo está fundido, ou non vai frío, poderiamos reclamar? Tendemos a pensar que o deserto é cálido e cheo de dunas, pero hai tamén lugares deshabitados (isto é o que significa a palabra “deserto”) que son moi fríos ou cheos de herba. Do mesmo xeito, pensamos que unha queimadura ten que producirse polo lume ou o sol, pero tamén o xeo ou unha rozadura poden queimar… Outros relatos que continúan con este tema son : Reflexións, Burbullas, Datas de nacemento e algúns máis.

Sección 8 (Paradoxos)
Finalmente, consideramos o tema dos paradoxos a través do relato Unha visita inesperada: se dicimos que imos visitar a unha persoa nun día da semana tal que o día anterior non vai saber que día será a visita resulta que, razoando recursivamente, non pode ser o domingo, e por tanto tampouco o sábado, e por tanto tampouco o venres… ata que vemos que tampouco o luns e, conseguintemente, a visita non pode realizarse ningún día. Este paradoxo e outros coñecidos, coma o do mentireiro (“Esta oración é falsa”) ou as frases paradoxais (Frase de arriba: “A frase de abaixo é falsa”, Frase de abaixo: “A frase de arriba é verdadeira”) explícanse tamén noutros relatos como : Interesante, A tarta embruxada e Efecto placebo.

Materiais
Aquí tedes o cartel da charla e a presentación multimedia de Iñaki, e despois unhas fotos da charla: