24 jul 2018

Sitio web sobre Dereitos Humanos e Tecnoloxía

En colaboración co Proxecto de Biblioteca Planeta Verde e
a Rede de Escolas de Amnistía Internacional.


Na materia de Valores éticos de 4º ESO dedicamos o terceiro trimestre á relación entre Dereitos Humanos e Tecnoloxía. Como non queriamos repetir o traballo do ano pasado, a elaboración dun boletín, decidimos embarcarnos nunha viaxe un pouco máis arriscada e facer todo un sitio web explicando cal é o problema, buscando solucións e dando a coñecer o traballo que Amnistía Internacional realiza nalgúns destes casos.
A fonte inicial para o noso traballo foi a revista trimestral de Amnistía Internacional. Como algúns dos números dos que dispoñemos xa son algo atrasados, seguimos investigando para actualizar datos e referencias. Podes ver o resultado picando na imaxe da esquerda, e a revista de AI picando na da dereita. Anímaste a facer cyberactivismo con nós?

O proceso
En primeiro lugar, buscar definir o que é a tecnoloxía e charlamos sobre a relación que ten cos dereitos humanos (en favor deles, pero moitas veces tamén en contra). Estas ideas recollímolas na portada do noso sitio web. Despois, para fixar ideas, estivemos buscando exemplos nas revistas de AI que temos na biblioteca.

O seguinte día organizamos o traballo: quen se encarga de cada tema, que forma imos dar ao sitio web, como o editaríamos a través das nosas contas de Google Sites e Google Drive...


Finalmente buscamos documentación actualizada nas páxinas de AI, tomamos delas imaxes respectando os dereitos de autoría e fixemos cadansúa páxina do sitio web.




12 jul 2018

Desigualdade de riqueza en América

Mind-blowing. Realmente, este vídeo é mind-blowing.

Na última clase de Historia da Filosofía de 2º Bach. deste curso 2017-18 vimos un vídeo de YouTube que resume moitas das ideas que estudabamps recentemente, nas clases sobre Locke, A. Smith e Marx, así como moitos temas sobre a xustiza en Platón e Aristóteles, ou incluso conceptos que levamos estudando desde a ESO como Liberalismo, Socialismo e Neoliberalismo.
Titúlase Wealth Inequality in America, e o subtítulo é moi representativo: 9 Out Of 10 Americans Are Completely Wrong About This Mind-Blowing Fact. Quedounos unha impresión moi fonda e, coma unha broma, repetiamos ao final Mind-blowing. Realmente, este vídeo é mind-blowing. A continuación preguntabámonos: Como se traduce mind-blowing?, e de aí xurdiu a idea de facer unha tradución do vídeo, que polo de agora só se pode atopar en inglés.
Encargáronse Pedro Abad, Alberto Carballido, Tamara Fernández, Pablo Lugo e Pablo Veiga, e fixérono en forma de presentación multimedia, esta mesma que podemos ver a continuación.
En resumo, o que se di é que nunha enquisa da Universidade de Harvard fixéronse dúas preguntas a unha mostra de persoas dos Estados Unidos, e as respostas comparáronse coa realidade que mostran as investigacións científicas:

Como pensas que está distribuída a riqueza nos E.E.U.U.?
Como cres que sería xusto que se distribuíse?
É sorprendente que un 92% das persoas, sen distinción de ideoloxía ou clase social, pensan que a distribución xusta non é a mesma cá que cren que realmente se dá, pero aínda máis mind-blowing é comparar despois estas crenzas inxenuas coa brutal inequidade que de feito se dá nese (e tantos outros) país(es).


Agora pódeste animar co vídeo orixinal, que se entende perfectamente aínda que non saibas moito inglés (e, ademais, podes poñer os subtíutlos automáticos, que funcionan bastante ben):


Estas son as fontes da investigación que se citan:




4 jul 2018

CHARLAS "Planeta Verde" 4 - Cisne negro

A perfección non é só cuestión de control

Levamos avisando desde hai xa varios meses:

 COIDADO: SPOILERS! 


Por favor, vede a película antes de asistir á charla (ou de ler este post).
Cisne Negro é unha película moi bonita pero tamén moi dura. Hoxe tomámola como metáfora para preguntármonos pola relación entre a arte, a cultura, a propia ciencia... e a natureza. Presentan a charla Gael González, Carolina Guedella, Aarón Iglesias, Andrea Regueiro e Desiré Vilaboa.
Para entender de que trata a película dedicamos uns minutos a ver o trailer:



Presentación
Gael introduce o tema.
Nina (Natalie Portman) quere ser a protagonista de O Lago dos Cisnes de Tchaikovski, un ballet no que a mesma bailarina ten que representar os dous personaxes opostos: a princesa Odette (o cisne branco, elegante e inocente), e a bruxa Odile (o cisne negro, desgarrado e sensual). No proceso de preparación do baile vai ter que enfrontar moitas dificultades que a farán cambiar o seu xeito de ver a arte, o seu propio corpo e a súa situación ante a vida e a morte.
Tamén nós temos que afrontar esta dualidade ao achegármonos á natureza: dunha banda admirámola e gozamos dela na súa pureza pero, da outra, actuamos sobre ela e dominámola, mediante a ciencia e a tecnoloxía, para protexérmonos dos seus perigos e obtermos beneficios.

Cisne branco
O personaxe do cisne branco suxírenos a idea dunha natureza pura, non tocada aínda polo ser humano.
Desi explica cómo é Nina cando comeza a preparar o seu papel, unha rapaza chea de amor e bos sentimentos, cunha enorme paixón pola danza e moi perfeccionista.
Así é como nos achegamos á natureza, para gozar dela respectando o seu equilibrio, a vida e os seres que a poboan.

Transformación
Aarón continúa a historia de Nina: O director do ballet faille ver que está facendo un cisne branco perfecto pero non é quen derepresentar o cisne negro. Non abonda coa beleza dos xestos e os movementos, cómpre unha emoción que non está transmitindo, probablemente porque non a sente.
Buscando novas experiencias entrará en contacto con ambientes e persoas que nunca coñecera, co pracer do sexo e coas drogas e coa esixencia extrema das persoas que a rodean: a súa nai, o director, a súa rival na compañía de ballet... En último extremo verá que é a si mesma a quen se está enfrontando e que está chegando a extremos aos que nunca chegara, tanto de perfección como de sufrimento.
Isto representa, na nosa metáfora, o xeito en que utilizamos a natureza guiándonos polas esixencias de grupos de poder político e económico, malgastando os seus recursos e sen respecto pola vida e o seu equilibrio.

Cisne negro
Carolina amósanos a Nina xa convertida no cisne negro. A súa mente sufriu unha gran transformación e está dominada por sentimentos que lle eran estraños, como a violencia e a paixón. Vémola segura de si mesma e guiada pola determinación de representar o papel, pero tamén hai momentos de incerteza nos que parece que todo non é máis ca un delirio que non sabemos a que vai conducir.
O corpo de Nina sofre tamén una incrible metamorfose. Incluso empeza a notar que lle brotan plumas na pel. Cando entra no escenario comeza a bailar fóra de si e vemos como lle saen ás en lugar dos brazos. Pero non podemos dicir qué de todo isto é verdade e qué é imaxinación enferma.
Seguindo coa comparación, Carolina pasa á seguinte diapositiva da presentación e móstranos imaxes dun mundo no que a ciencia actúa tamén coa duplicidade dunha persoa psicótica. Tras a aparencia dunha seguridade absoluta e a certeza do noso dominio sobre a natureza agóchase a realidade de bosques ardendo, ríos contaminados, redes e plásticos nos que as tartarugas morren enleadas... A imaxe das plumas que agroman na pel de Nina lémbranos á das árbores talladas dun bosque queimado. Que estamos facendo?

Morte
Andrea extrae agora as conclusións. Hai moitos finais para O Lago dos Cisnes. A versión orixinal de Tchaikovski, desoladora, cambiouse moitas veces para facela máis optimista ou, polo menos, non tan tráxica. Pero sempre a morte anda polo medio, só cambia quen morre, Odile ou Odette, e de que xeito o fai. Non vos desvelaremos o que sucede nesta película, pero o importante é que o futuro non está escrito, que temos opcións e que non temos por que seguir estendendo a sombra da morte sobre o Planeta Verde.


Materiais
Picando nesta imaxe podes acceder a unha páxina que inclúe un resumo breve de O Lago dos Cisnes:



Estas son as fotos da charla, o cartaz e a presentación. Coma sempre, arrumbamos as mesas e deixamos a biblioteca en perfecto estado, pero hoxe esta recollida ten un simbolismo especial porque as charlas rematan por este ano. Por isto, tamén, deixamos a ligazón do Planeta Verde para que descarguedes todos os materiais do ano: os cartaces e as presentacións das catro charlas. Ata o vindeiro curso!!!.