31 mar 2017

Presentacións multimedia: Historia dos Dereitos Humanos

Este curso dedicamos a segunda avaliación da materia de Valores éticos a elaborar, en colaboración co Grupo da Rede de Escolas de Amnistía Internacional, unhas presentacións multimedia sobre a historia dos dereitos humanos.

Os obxectivos que nos propoñiamos eran:

Acadar unha visión histórica dos dereitos.
Adquirir hábitos de traballo colaborativo online.
Aprender a distribuír os contidos nunha presentacións multimedia.

Documentación
Comezamos recompilando datos sobre os dereitos humanos e a súa historia. Para isto miramos primeiro estes dous vídeos (o primeiro completo e o segundo desde 1:49 ata 6:18):



Sintetizamos despois a información do segundo vídeo diferenciando varios momentos históricos e distribuíndo os datos nunha táboa na que indicabamos, para cada un, a época e lugar, un persoeiro, o título do documento e os dereitos recollidos nel. Non sempre puidemos facer isto literalmente pero si suficientemente ben como para que despois fose doado elaborar unha diapositiva da presentación a partir de cada fila da táboa.


Elaboración da presentación
A continuación decidimos en cada curso a plataforma web que utilizariamos para confeccionar a presentación e comezamos o traballo. As diapositivas debían ter un título e un subtítulo, unha imaxe e un fragmento de texto. A imaxe debía ser de uso libre e ocupar a meirande parte da diapositiva.
Estes son os traballos dos cursos de 4º ESO A e 4º ESO B:

     

Aquí estamos documentando o noso traballo e deseñando as diapositivas:


16 mar 2017

Encontro con Paz Gesteira, psicóloga e psicomotricista: Corpo e mente

Os que imos ao psicólogo non somos loucos!

 Corpo e mente 

Organizan: Departamento de filosofía e Proxecto de Biblioteca 2016-17 “O corpo humano”. Post redactado a partir de contribucións de todo o alumnado da materia de psicoloxía de 2º de Bacharelato.


Paz comezou a charla falándonos de como escolleu a carreira de psicoloxía. Aínda que ao principio foille mal o bacharelato, repetir 2º serviulle para pensar que quería dedicar toda a súa vida a axudar ás persoas que o necesitaban facendo a carreira de psicoloxía, e andando o tempo inclinouse pola psicoloxía clínica.
A psicomotricidade, a súa especialidade, entende a psicoloxía como expresión dun corpo. Intenta achegarse aos nenos a través do movemento e do xogo en lugar de tests.
Explicounos a diferenza entre un trastorno e un síntoma, cousas completamente diferentes. Por exemplo, unha depresión é un trastorno e ten incluídos moitos síntomas, entre eles a tristeza, pero non por estar triste se ten depresión. Unha persoa pode deixalo coa súa parella e ao día seguinte ter todos os síntomas necesarios para diagnosticar este trastorno, e iso non significa que o teña. Por isto hai que prestar moita atención aos síntomas e non conformarse con poñer unha etiqueta.


Dous casos
Un dos momentos que máis nos gustou foi a exposición que fixo de dous casos clínicos. Os nomes están cambiados para respectar a confidencialidade.
“Paula”
, de 13 anos, era unha rapaza que sempre se comportaba ben. Unha gastroenterite impídelle ir de viaxe de fin de curso, e isto repítese cada vez que ten que viaxar. Despois de moitas probas decidiron levala ao psicólogo. Alí descubriron que o problema que tiña era que se esforzaba en exceso por compracer aos demais, o que a levou a ter moitos problemas tanto físicos como mentais. O acordo que tomaron foi que deixarían que Paula se enfadase (moderadamente) e se comportase de forma natural, e que non gardase todo para ela. Logo de varios meses xa case nin sentía dor e puido levar unha vida normal.
“María”, de 16 anos, era unha rapaza que estaba sempre pechada en si mesma. Tiña moitos tics, portábase mal e sempre trataba de chamar a atención. Na anámnese (a primeira entrevista na que se describen os síntomas principais) parecía que había problemas graves de relación social, pero logo de coñecela Paz descubriu que tiña unha gran sensibilidade, escribía unhas poesías asombrosas e o único que quería era que o seu pai volvese querela. O tratamento levou a estreitar o vínculo entre a familia aceptara e a súa filla e puideron solucionar o problema.


Recados, preguntas e impresións 
A semana anterior a vir aquí preguntoulle aos seus pacientes se querían mandarnos algún recado. Dixéronlle que si: que os que imos ao psicólogo no somos loucos.


Fixémoslle estas preguntas:
Chegas sempre a un diagnóstico clínico antes de poñer ben á persoa?

Respondeu que a maior parte das veces non se trata de poñer unha etiqueta senón de traballar sobre os síntomas.


Ao chegar á túa casa es capaz de esquecerche de todo o teu traballo?
Dixo que non, xa que teño que darlle voltas en casa para buscar unha solución, e ademais, os pais mándanme mensaxes preocupados polos seus fillos.
Para ela e para moitos outros psicólogos o máis complicado do traballo é non xuntar o profesional co persoal, é dicir, que non lle afecten os casos nos que traballa.


Cal foi o caso máis complicado que tiveches?
Aínda estou tratando a unha persoa que comezou comigo o mesmo ano que empecei a traballar.


É máis fácil tratar con nenos que con adultos?
Non. As persoas adultas teñen a palabra, cos nenos hai que descubrir o que lles pasa mediante xogos e o que debuxan ou constrúen.


Aféctanche moito os casos?
A verdade é que hai casos coma o de María que si que te afectan, pero procuras que iso non suceda.


Agradecémoslle moito que nos falara desde un punto de vista tan persoal. A charla fíxose moi amena e aprendemos moitas cousas que non sabiamos. O feito de contar as súas vivencias influíu para crear unha relación máis estreita; fíxonos pensar máis coma se fose un consello, unhas experiencias ou mensaxes de ánimo propios dunha amiga que a relación típica que se crea neste tipo de charlas.

O que máis nos gustou foron os casos que presentou. Algúns momentos foron moi emocionantes. Con este tipo de cousas podes chegar a decatarte da sorte que tes de ter na túa vida acodes que che queren de verdade e preocúpanse por ti.


Fotos e álbum de visitas
Estas son algunhas imaxes do encontro e unha presentación que fixemos con comentarios de toda a clase (podes ampliar as fotos facendo click nelas):





3 mar 2017

III Concurso de microrrelatos da Rede de Escolas de AI


 TERRA DE ACOLLIDA  


 III Concurso de microrrelatos 
 da Rede de Escolas de 
 Amnistía Internacional - Vigo 

Este ano volvimos participar no concurso de microrrelatos de Amnistía. É unha actividade que non só axuda a que nos concienciemos do problema das persoas que teñen que fuxir dos seus fogares: tamén fomenta a creatividade e a solidariedade.
O punto de vista deste ano era o da  TERRA DE ACOLLIDA , que dá motivo ao lema do concurso.
Hai  dúas categorías  (14-16 anos e Maiores de 16 anos), e dous premios para cada categoría: un premio do xurado e outro polas votacións en Facebook.  Para votar  neste segundo basta con que piquedes na ligazón correspondente e lle deades  “Like”  aos vosos relatos favoritos. Se non tes unha conta de Facebook podes pedir que algunha persoa que a teña vote por ti.

 Categoría de 14 a 16 anos: 
https://www.facebook.com/pg/amnistia.ourense/photos/?tab=album&album_id=1819492568311003.

 Categoría de maiores de 16 anos: 
https://www.facebook.com/pg/amnistia.ourense/photos/?tab=album&album_id=1819496331643960.