4ª Sesión: A laranxa mecánica
É mellor unha persoa cando elixe o mal que cando se lle impón o ben?
Unha película é coma un texto escrito en luz e son. Con esta idea comezamos a nosa última charla do curso. Para falar sobre a luz no cine escollemos unha novela, A laranxa mecánica, de A. Burgess, levada á pantalla por S. Kubrick. Tratamos de ver que novos significados aparecen nesa tradución e cómo se utilizan para expresar as ideas psicolóxicas e morais que forman o contido da obra. Xa veredes que trataremos o noso tema desde moitos puntos de vista, así que hoxe o grupo é moi grande: Carla Alonso, Ibtissam, Álex, Yaiza, Saínza, Alba, Carla Luis, Mateo e David.
Presentación
Carla Alonso e Ibtissam abren a charla amosándonos varios fotogramas da película. Neles sempre se ve a luz como algo case sólido e identificable. Moitas veces o foco do que sae está ao fondo da imaxe, apuntando cara a nós. Outras veces está detrás dalgún personaxe, que vemos como entre sombras. Noutras ocasións hai un reflector que proxecta un feixe cónico que aparece na imaxe coma un obxecto máis dos que rodean aos personaxes. Nalgunhasescenas o director traballa o retrato utilizando o claroscuro como na pintura, noutras a imaxe está dividida entre unha zona de luz e outra de sombra.
Tamén nos dan varias explicacións do título. A expresión laranxa mecánica era popular en Londres na época en que se fixo a película para referirse a algo que resulta estraño, pero tamén invita a pensar na violencia sutil dun sistema que manexa ás persoas tomando por elas decisións morais e vitais.
|
Luces e sombras
Alex Domínguez, homónimo do protagonista, ensínanos a ler as imaxes. O claroscuro recolle o conflito dos personaxes: É sincero o desexo de Álex de curarse ou é un ser amoral, sen remordementos? Cal é peor, a súa violencia ou a que o estado e a sociedade exercen contra el?
As figuras que non vemos porque están a contraluz transmiten a incertidume: que pasará cando Álex tente achegarse á muller que lle aparece espida? As sombras alongadas cara adiante suxiren un sufrimento que está a punto de comezar.
Igual que un texto escrito, lemos as imaxes de esquerda a dereita. Cando Álex salta pola fiestra está fuxindo da escuridade da súa esquerda cara a única esperanza, a luz que vén do baleiro, á súa dereita.
Finalmente, vemos que todos os personaxes e obxectos que representan a intrusión da sociedade (o ministro, o fármaco, o escritor, a doutora) levan prendas ou obxectos de cor laranxa, como cando o ministro lle dá de comer no hospital.
|
Un condicionamento respondente
Vemos a parte psicolóxica da película. Saínza e Yaiza analizan o Tratamento Ludovico, un condicionamento respondente mediante o cal queren quitarlle a agresividade a Álex.
Producindo unha asociación das imaxes violentas e sexuais (e a música de Beethoven) cun medicamento que produce náuseas conséguese que Álex non sexa quen de reaccionar agresivamente.
Pero... está curado? Non, porque non é quen de vivir unha vida normal. Non pode relacionarse con ninguén, é incapaz de reaccionar ás agresións doutras persoas e perde a súa paixón pola arte, como nos explicarán Mateo e David.
|
Asociación libre
Alba e Carla Luis analizan agora o segundo tratamento, practicado por unha doutora cara ao final da película. Álex ten que completar uns debuxos nos que faltan os diálogos dos personaxes. Así vai recuperando a capacidade de reaccionar agresivamente pero dun xeito controlado e socialmente aceptable.
A escena final poderíase interpretar dese xeito: Álex imaxínase gozando dun sexo bastante salvaxe, algo que parece característico del, pero a muller goza con el, libremente e sen agresións, mentres o público arredor aplaude (en sinal de aceptación social) e volve soar a música de Beethoven.
Este tratamento ten algo, por tanto, da asociación libre e o método psicanalítico. Pero a doutora ten tamén algo de inquietante xa que a súa roupa de cor laranxa parece suxerir que traballa para o goberno e para o ministro, quen quedara nunha posición política difícil tras o intento de suicido de Álex.
Está finalmente curado?
Ou todo isto é só un xeito máis de utilizalo, anulando violentamente a súa intimidade e a súa capacidade de actuar libremente?
|
A 9ª sinfonía de Ludwig van
Prestamos atención agora ao son, o outro elemento do que, xunto coa luz, está feito o cine. David e Mateo proxectan tres escenas para que vexamos o que xa nos dixeran Saínza e Yaiza: como Álex perde, xunto coa agresividade, a capacidade para gozar da música e da arte.
|
Fotos da charla
Estas son as fotos de hoxe:
Materiais para descargar
Picando nas imáxes podedes descargar o cartaz da charla e ver as cinco presentacións de hoxe.
A última imaxe é unha ligazón para descargar todos os materiais deste ano (os cartaces e presentacións das cinco charlas).
A quinta presentación de hoxe, sobre a música de A laranxa mecánica, non funciona ben en internet e non se reproducen os vídeos que contén, pero baixando todos os materiais podedes ver a presentación directamente nos vosos ordenadores.
Ata o ano que vén!!!
Cartaz
Presentacións
Todos os materiais das charlas deste curso