22 may 2015

CHARLAS "Unha viaxe arredor do mundo das lecturas filosóficas" - 4

4ª Sesión: Unha viaxe a unha illa deserta: Señor das moscas
Quizais hai unha besta... quizais só somos nós

A cuarta sesión deste ano estivo dedicada a Señor das Moscas, unha novela de William Golding sobre uns rapaces que naufragan nunca illa e entran en contacto cunha besta da que non saben se é un espírito ou a propia brutalidade do ser humano que habita neles.
Para presentar esta charla, Fernando, Candela, Paula e Andrea analizaron os catro protagonistas, as formas de liderado que se dan en cada un, o seu carácter, a súa escena máis significativa e o seu símbolo; despois emparelláronse para facernos ver como cada líder depende doutro ou oponse a el.



1. Os catro líderes


Fernando explica o personaxe de Ralph: é o líder carismático que con só abrir a boca consegue a atención de todo o grupo. É amable, protector e sensato pero moi duro cando pensa que lle poden disputar o poder. O seu símbolo é a bucina e dásenos a coñecer nas primeiras páxinas, cando fala con Piggy e co grupo por primeira vez.

Paula “é” Jack, o líder militar. Leva consigo aos rapaces dun coro, uniformado e adestrado. Os seus símbolos son as pinturas e as lanzas e a agresividade é o seu trazo predominante; por isto se dedica á caza: máis polo gozo da matanza que pola necesidade de atopar comida. A escena que o define é unha na que, no furor da cacería, el e o coro acaban matando a Simon salvaxemente.

Piggy é o líder científico. Andrea explícanos que el é o que coñece a natureza (porque é quen de “vela”: o seu símbolo son as gafas) e é, coma as/os científicas/os de todos os tempos, un personaxe anónimo e que o grupo non sabe apreciar. De feito, non chegamos a saber o seu nome, ao final ráchanlle as gafas e mátano e, porén, el é o único que non se volve salvaxe e mantén ata o final o empeño en facer unha fogueira para que os rescaten.

Finalmente, Candela comenta o personaxe de Simon. É o líder espiritual, o que está en contacto cos espíritos, e a súa escena clave é aquela na que dialoga mentalmente co Señor das Moscas, a cachucha de xabaril que está cravada nunha estaca: non se sabe se o espírito está realmente presente ou se é un delirio de Simon, pero calquera das dúas posibilidades é terrorífica.


2. Os líderes, dous a dous


Ralph e Jack representan a substitución do poder violento polo poder civil democrático. Isto debería ser o ideal, pero vemos que hai moitos problemas: o liderado civil non é realmente democrático senón máis ben carismático, e isto fai que moitas veces se preocupe máis por manterse no poder que por beneficiar ao grupo; e, pola súa parte, o liderado militar supón sempre unha ameaza e tamén chega a buscar a violencia pola violencia, en prexuízo de todos.

Piggy e Simon comparten varias características polo que o autor os representa como animais similares: o porco e o xabaril. Piggy é civilizado e metódico mentres que Simon é salvaxe no sentido de que non fai lazo social e perde a noción da diferencia entre a súa mente e a natureza. Pero ambos teñen un final similar: o grupo vólvese contra eles e mátaos. Despois, o mar (a Historia?) fai desaparecer os cadáveres e borra as súas lembranzas.

A relación entre Ralph e Piggy reproduce moi inxeniosamente a relación que hai entre o estamento político e o científico na realidade. Ralph non pode facer nada sen Piggy, pero desprézao e presenta as súas ideas coma propias. E Piggy é o que sabe e coñece a realidade, pero non ten poder por si mesmo e necesita sempre facelo valer a través do líder.



3. Materiais para descargar

Coma sempre, o cartaz da charla:



E, coma sempre, a presentación multimedia coa que guiamos a nosa charla:






10 may 2015

Rede de Escolas de Amnistía Internacional - Acción twitter polas mulleres de Irán

O día 5 de maio participamos na  Acción Twitter  da  Rede de Escolas de Amnistía Internacional , na campaña polas  mulleres de Irán , ameazadas por proxectos de novas leis que, se se chegaran a aprobar, enfrontaríanas a un futuro perigoso marcado pola mala saúde, a desigualdade, a discriminación, a violencia, limitadas opcións reproductivas e as liberdades restrinxidas.
Primeiro consultamos a documentación que nos ofrece Amnistía Internacional, resumida neste PDF (Pica na imaxe para descargalo):
Nel hai tamén unha imaxe e unha información sobre  Atena Farghadani  que proxectamos na aula na que nos xuntamos para mandar os nosos tuits.
Ás 12 menos cuarto, en coordinación con outros centros da Rede para ter máis impacto nos medidores das redes sociais, estivemos mandando as nosas mensaxes aos hashtags:


 #Procrearás        #Iran        #MiCuerpoMisDerechos        #LeonasdeIrán