17 abr 2015

CHARLAS "Unha viaxe arredor do mundo das lecturas filosóficas" - 3

3ª Sesión: Unha viaxe á ultraviolencia: A laranxa mecánica
Ten que someterse a un experimento para “quitarlle a violencia”.

A laranxa mecánica, de Anthony Burguess, é unha das novelas de sociología-ficción máis coñecidas, e a versión cinematográfica de Stanley Kubrik proporcionounos imaxes que están moi vivas na nosa conciencia colectiva.
En relación co tema que estudamos en clase, esta obra sérvenos para preguntarnos se a psicoloxía debe utilizar o método das ciencias naturais ou o das ciencias sociais.
Sobre esta novela e esta película fálannos hoxe Carmen, María, Naír e Gabriela.


Carmen preséntanos o tema e ao grupo. Van describir os dous tratamentos cos que se pretende curar a Alex, o protagonista: un deles é de tipo condutista e o outro de tipo psicanalítico.


María analiza os personaxes: Alex e os seus tres drugos ultraviolentos, os políticos, os policías e o persoal da prisión e as/os doutoras/es que tratan de “curar” a Alex.

O primeiro tratamento chámase na novela a Técnica Ludovico. Naír explica que é un condicionamento respondente polo que se pretende que Alex faga unha asociación entre a violencia e unha droga que lle administran mentres ve unhas películas violentas.
Despois do tratamento, Alex reacciona á violencia e a sexualidade como ante a droga: prodúcenlle vómitos e náuseas.

Está Alex curado? Agora non é capaz de enfrontarse á xente que quere abusar del. Nin sequera pode escoitar a música de Beethoven: o tratamento condutista quítalle, coa agresividade e a sexualidade, a posibilidade de gozar da vida social e a arte.
Alex tenta suicidarse e, no hospital, recibe o segundo tratamento, que nos explica Gabriela. Agora ten que facer libre asociación, unha técnica psicanalítica baseada na interpretación: debe poñer textos para uns debuxos, e así vai aprendendo a elaborar a súa violencia e a convivir con ela.
Finalmente charlamos sobre se Alex está curado. Evidentemente, co tratamento condutista queda peor do que estaba, pero temos tamén moitas dúbidas de que unha persoa como Alex sexa recuperable. En todo caso, o tratamento psicanalítico non sería unha cousa dunhas poucas sesións, como se ve na película (e aínda máis no libro), senón un traballo moito máis longo e profundo.



Materiais para descargar

Coma sempre, deixámosche aquí os materiais que elaboramos. Este é o cartaz:



E esta é a presentación multimedia coa que acompañamos a nosa charla (podes descargala ao final):






15 abr 2015

CHARLAS "Unha viaxe arredor do mundo das lecturas filosóficas" - 2

2ª Sesión: Unha viaxe ao nazismo: A onda
Cres que unha ditadura non é posible hoxe?

Hoxe charlamos sobre a película A onda. O que comezou como unha experiencia dun profesor norteamericano para explicarlle o nazismo ao seu alumnado acabou como un pesadelo que tivo que deter porque se lle ía das mans e que se contou en múltiples formatos: novela, película, novela gráfica...


Andrea conta os pasos que seguiu a historia:

O experimento de Ron Jones (California, EEUU, 1967)
O libro de Alvin Toffler (A terceira onda, 1979)

As películas A onda (Todd Strasser, EEUU 1981) e Die Welle (Deniss Gansel, Alemaña, 2008)
A novela gráfica de Morton Rhue con ilustracións de Stefani Kampmann (2010)

O resumo do argumento faino Alberto: un profesor crea unha organización para ensinar como sería unha ditadura. Pero o experimento vai demasiado lonxe e chégase ao fanatismo, a discriminación e a violencia.

Eva presenta os personaxes principais: Rainer Wenger (o profesor minusvalorado que quere facer unha experimento grandioso), Tim (o desarraigado que atopa un lugar na Onda), Karo (a rapaza intelixente que non se deixa manipular) e Marco (que se deixa levar en principio pero despois enfróntase á Onda).

Os personaxes secundarios explícaos Elina. León é o irmán de Karo, influenciado polos maiores; Anke é a muller de Rainer, que cre nel ao principio pero despois advírteo de que a experiencia estáselle indo das mans; Lisa é a amiga de Karo, acostumada a ser a súa sombra, e que na Onda síntese incluída; o propio grupo, que mellora nas competicións deportivas e se fai máis forte e unido, é un personaxe máis.

A continuación, Gabriel explica a materia de Autocracia. É un réxime político no que o poder é exercido por unha soa persoa. Pero o experimento, coma o nazismo, acaba convertido nun Totalitarismo, un réxime que controla todas as esferas da vida, pública e privada.
Gabriel explica tamén a actitude de Rainer ante a materia: a súa frustración pola minusvaloración do seu traballo e o menosprecio do resto do profesorado.

Finalmente, con Lois analizamos os símbolos da película: O uniforme e o xeito en que determina a conduta do grupo, a postura erguida que deben manter en clase (e, ao pouco tempo, tamén fóra), o saúdo como símbolo de identidade e, en definitiva, o xeito en que todos estes símbolos levan ao fanatismo.




Materiais para descargar

Pica nesta icona para descargar o cartaz da nosa charla:



A presentación multimedia coa que acompañamos a nosa charla é esta (podes descargala ao final):