27 mar 2015

Encontro con Luz Fernández García - Unha viaxe ao interior de ti mesma/o

Cando comeces a túa viaxe a Ítaca
pide que o camiño sexa longo,
pleno de aventuras, pleno de experiencias.

Konstantinos Kavafis




Como en anos anteriores, Luz adaptou a súa charla ao tema do proxecto de biblioteca, que esta vez é Unha viaxe polo mundo, pero tamén falou sobre categorías clínicas e sobre o método psicanalítico. Se queredes ver estas últimas referencias podedes facelo nos posts dos anos 2013 e 2014. Sobre os temas deste ano fan a reseña Iria Domínguez e Jennifer Lago.
Unha metáfora
A viaxe a Ítaca é unha metáfora da viaxe da vida, onde as cousas que vemos ao noso arredor son o reflexo do que vemos na nosa mente. Son os comportamentos e sentimentos que se atopan no interior do noso inconsciente.
Canto máis longa e complicada sexa a viaxe máis problemas teremos que solucionar; ao ilo facendo adquirimos recursos e mecanismos que facilitan a solución de problemas posteriores.
Esta viaxe non ten unha fin, da mesma forma que nunca podemos deixar de vivir tampouco podemos deixar de viaxar. A vida termina coa morte e a viaxe non remata ata que remata a vida.

Iria Domínguez

Un encontro
Primeiro Luz presentouse e logo empezou facendo un esquema das categorías clínicas para clasificar a personalidade. Explicou cada unha delas e explicounos as diferenzas entre elas. Leunos un poema e díxonos que na vida poñémonos obxectivos e para chegar a eles temos que disfrutar tamén o camiño xa que estes obxectivos cambian e o máis bonito é o camiño no que nos suceden un montón de anécdotas que nos representan como é a nosa vida e como somos nós.
Existen síntomas que impiden que a nosa vida sexa normal, como as fobias. Púxonos exemplos de persoas que teñen medo de que opinen sobre elas e acaban sen saír a ningún sitio por medo aos outros, ou outra xente que lle ten medo aos cans e non saen da casa por medo a toparse con un. Nestes casos é cando acoden a un/ha psicóloga/o. O primeiro que ten que facer esta/e psicóloga/o son as entrevistas preliminares onde vai coñecendo á/o paciente e faille certas preguntas para que se exprese e atope o porqué de que ese medo chegue a eses extremos.
Despois explicounos amplamente as diferenzas entre a neurose e a psicose e contounos que ela levaba o caso dun rapaz, ao que chamou "Álex", desde que tiña 8 anos. El ao principio mantíñase distante e quería facerlle dano a ela pero despois abriuse e chegou a un punto en que se decatou de que estaba louco.

Jennifer Lago


Libro de visitas
Picando nesta imaxe do cartaz da charla podedes descargalo. Deixámosvos este libro de visitas con comentarios da xente de clase sobre o caso clínico que nos contou. Case todos falan da relación de dependencia que se establece entre Álex e Luz, que valoran moi positivamente porque as alternativas para unha persoa psicótica son durísimas: outros tratamentos adoitan incluír a reclusión nun psiquiátrico ou unha medicación tan agresiva que deixe á/o paciente permanentemente aturdida/o e inútil.


6 mar 2015

CHARLAS "Unha viaxe arredor do mundo das lecturas filosóficas" - 1

1ª sesión: A viaxe prehistórica de Ayla e Jondalar
Era unha nena cro-magnon pero un clan de neanderthais atopouna e coidaron dela

Ola! Xa comezamos outra vez as charlas filosóficas na biblioteca. O proxecto deste ano é Unha viaxe arredor do mundo, así que lles daremos ese enfoque aos nosos temas.

Iria Domínguez, acompañada por Jennifer Lago, fainos esta presentación de Ayla, o personaxe principal de As chairas do tránsito, 4º título da serie Os fillos da terra (O clan do oso das cavernas), de Jean Marie Auel:
A serie está ambientada na época en que neandertais e cro-magnons compartían a terra. A protagonista, Ayla, unha cro-magnon, quedou aillada da súa tribo por culpa dun terremoto, e é acollida nun grupo de neandertais.Os libros contan a súa historia, como se interesa polas cacerías de mamuts e os preparativos das armas (prohibidos ás mulleres). Tamén conta os rituais sagrados e os costumes dos neandertais. Ao longo destas novelas ela atopa o amor noutro cro-magnon chamado Jondalar e xuntos deciden emprender unha longa viaxe desde o seu territorio natal, na actual Rusia, ata preto dos Pirineos, cruzando as interminables chairas e, ao final, un perigoso glaciar.
Nesta colección pódense apreciar moi ben as diferenzas entre ambas especies.

Iria cóntanos como é o personaxe, unha valente rapaza que
descobre o pedernal para facer lume,
domestica un can e unha egua,
inventa un prolongador para cazar con lanza,
coñece as plantas medicinais...
Jondalar ten gran sensibilidade artística e talla figuriñas que representan a fertilidade.

As características dos cro-magnons e os neanderthais forman o telón de fondo destas novelas. Os últimos son máis robustos e musculosos pero máis baixos cós primeiros. Os cro-magnons son os que utilizan máis os símbolos: adornos, pinturas na cara ou as paredes das covas, frautas feitas con ósos... Refírense aos neanderthais como cabezas chatas porque o óso por riba dos ollos dálles un aspecto como de non ter fronte.




Materiais para descargar

Podes descargar o cartel da charla picando aquí:



Tamén podes ver a presentación que fixo Iria para acompañar a súa charla e descargala ao final: