13 nov 2012

O LABIRINTO DO FAUNO


 
A actividade de 2º da ESO na 3ª avaliación de 2011-12 foi un Comentario de Texto, que fixemos dun xeito moi especial. O texto foi unha película, O labirinto do Fauno (Guillermo del Toro, 2006) e o comentario consistiu en buscar información e charlar sobre os seguintes aspectos: O contexto histórico (República, guerra civil española, franquismo), ideas da película e a súa representación mediante símbolos, discusión e opinión persoal. Finalmente, expresamos todo isto mediante os seguintes murais:

    1. O conto da rosa
2. O libro das encrucilladas
3. A árbore e o sapo
4. O home pálido
5. Sangue inocente
6. Submundo, aparencia, ideais
7. A lexitimación do poder
7. A exposición

1. O conto da rosa


No conto da rosa pasamos por primeira vez desde o mundo aparente ao submundo, guiadas/os pola barbantesa, que máis tarde convertirase en fada. As cores cálidas son as das emocións, pero van unidas aos ideais, como a flor. O submundo está debaixo das sabas e no ventre de Carmen, onde crece o irmán, pero é o que nos leva ao cumio do monte, onde está a flor, e á fiestra no alto do cuarto, a onde regresamos coa barbantesa.

2. O libro das encrucilladas


O libro das encrucilladas é un elemento estrutural moi importante porque permite o paso entre o mundo aparente e o submundo máxico e porque amosa o plan do relato, as tres probas que Ofelia deberá completar. Está suspendido no aire para representar a súa relación coas ideas e a maxia.


3. A árbore e o sapo


O sapo é un ser egoísta e insaciable que devora o que producen os outros habitantes do bosque. Comparámolo co Capitán, o cura e a boa sociedade, que comen o que rouban aos cazadores e ás/os campesiñas/os.



4. O home pálido


Na segunda proba Ofelia ten que aprender a dominar os seus desexos. Entra na cámara do Home Pálido, no submundo, usando varios obxectos máxicos (os xices, a cadeira e o reloxo) e guiada por seres das alturas, as fadas, que representamos flotando, colgadas do teito.


5. Sangue inocente


Na última proba todo se vira do revés: volven (en espello) as imaxes de Ofelia ferida do principio, o capitán morre e os maquis borran o seu recordo (ao revés que na memoria histórica) e, para non derramar sangue inocente, a nena derrama o seu propio sangue inocente. Cantas persoas terían que loitar contra este enredo irresoluble durante o franquismo? Como poderíamos desandar o tempo, quizais paralo... ou quizais incluso recuperar as décadas de dor inútil?
Ofelia é finalmente elevada do submundo ás alturas representadas polos tronos. O Fauno aparece unido ao seu verdadeiro pai e no mundo aparente quedan pequenas pegadas que temos que identificar e seguir se non queremos repetir os erros de épocas pasadas.


6. Submundo, aparencia, ideais


Neste mural explicamos a división do espazo na película: o que vemos no chan ou a media altura é unha mera aparencia, que depende dunha realidade máis profunda, o submundo, que está sempre abaixo. Os seres que guían o paso entre un mundo e outro, e todo o que se refire aos ideais, represéntase nalgún lugar elevado e nós marcámolo dándolle relevo ou colgándoo do teito.
Para facer todo esta actividade utilizamos tamén como fontes o traballo de Lorena Fernández e Noelia Míguez, alumnas de 2º Bacharelato no ano 2010-11, que se publicou na revista Viaduto dese curso.


                                              
                                              



7. A lexitimación do poder



Desde o punto de vista dos contidos, o sentido deste traballo é analizar a lexitimidade do goberno franquista. Para isto lembramos as cronoloxías:
1931: Proclamación da República
1936: Sublevación franquista e Guerra civil
1939: Fin da Guerra Civil
1944: Ano en que está ambientada a película (Resistencia: Maquis)
Tamén preguntámonos que é o que fai que un goberno sexa lexítimo:
Elección democrática por sufraxio universal
Respecto aos dereitos humanos
Separación de poderes
Vemos como estas condicións, que non se daban na película, tampouco se daban no franquismo. O franquismo foi un réxime de goberno que sustituíu, DE XEITO ILEXÍTIMO, á República lexitimamente constituída.


8. A exposición


Así de orgullosas/os quedamos ao rematarmo-lo traballo!
Vén vernos ao corredor do 2º andar!