20 ene 2012

A vida secreta das abellas

Engadimos á listaxe de libros e películas de 1º Bach. estes títulos:
A vida secreta das abellas, novela de Sue Monk Kidd (3 cretos).
A vida secreta das abellas, película de Gina Prince-Bythewood.

Picando nas imaxes podedes descargar unha presentación para o comentario (en Google Docs, picando en Arquivo-Descargar orixinal) e un titorial (en PDF) para preparar a lectura (este titorial vai orientado máis ben ao profesorado que queira preparar esta actividade en grupo).



13 ene 2012

Traballo de Filosofía Medieval para Pendentes de 2º Bach.

Os seguintes materiais son para o traballo de Filosofía Medieval. Algunhas cousas son do ano 1998/99. Non están revisadas para axustalas ao programa do curso actual, pero espero que vos sirvan de axuda.

Tema De Aristóteles a Tomé de Aquino. Xa tedes este tema entre os apuntamentos de Aristóteles.
Dous esquemas: "Razón e Fe" e "A lei".


Se preferides, podedes baixar todo xunto, comprimido con Win.RAR (En Google Docs, premer Arquivo > Descargar orixinal).

Tede en conta as seguintes indicacións:

Iluminismo: Ver no tema “De Aristóteles a Tomé de Aquino”: Plotino, o emanacionismo; Deus está presente na alma humana e por iso o ser humano pode aspirar ao saber; o verdadeiro saber é un agasallo de Deus, que ilumina á persoa. Respecto ao problema Razón – Fe, significa que o ser humano debe primeiro crer en Deus mediante a fe e esperar despois que Deus lle permita entender a verdade mediante a razón; pero a pesar de que a fe ten precedencia, ambas deben colaborar: “Cre para entender, entende para crer”.
Buscar no texto fragmentos que coincidan con estas ideas, que as xustifiquen ou que sexan consecuencia delas.

Averroismo latino: Centrar historicamente e expoñer en unha ou dúas liñas os principais autores (Averroes, Sixer de Brabante). O principal é explicar a teoría da dobre verdade. A continuación, a resposta de Tomé de Aquino: 1º) razón e fe son cousas distintas, 2º) non hai contradición entre elas, 3º) hai unha zona de confluencia (preámbulos da fe: verdades de fe ás que a razón pode chegar por si mesma, como por exemplo: a existencia de Deus).
Indicar tamén cales destas ideas se atopan no texto.

A lei: Definición tomista da lei. IMPORTANTE: As expresións lei eterna e lei divina expresan cousas distintas, pero no contexto deste traballo deben entenderse como unha e a mesma cousa.
Explicar a relación que existe entre os tres tipos de leis: Deus promulga a lei divina para todo o universo, pero o ser humano debe axudar a Deus a facer a lei para o propio ser humano; para isto debe buscar a lei divina que está no seu corazón (chamamos a isto lei natural) e aplicala á súa propia acción moral. Tamén os seres humanos poden facer leis para a sociedade (lei humana ou lei positiva) pero hai un límite que non debe traspasar: a lei humana nunca debe ir contra a lei natural.
Isto ten importantísimas consecuencias hoxe en día, que se pide que critiques. Por exemplo, na nosa sociedade prohíbense ou póñense moitas dificultades ao matrimonio homosexual, a adopción de fillas/os por parellas homosexuais, a investigación con células nai, etc. pola presión da Igrexa, que xustifica as súas opinións por referencia á lei natural (afirmacións como a sexualidade oriéntase soamente á reprodución, ou Deus pon en cada ser humano un alma no momento da concepción, polo que desde o mesmo momento en que un óvulo é fecundado ten xa a esencia humana completa).