20 sept 2011

Fahrenheit 451: Libros de filosofía en galego



No 3º trimestre do curso pasado os grupos de 1º de bacharelato fixeron unha actividade conxunta para aprender a buscar versións galegas dos libros do itinerario lector da materia. Como parte do traballo fixéronse tres murais, que podedes ver en detalle picando nas fotos (Ctrl. + Click aquí para abrir sen saír do blog):

Xiana Roza, de 1º Bacharelato Humanístico, resume a actividade:

Estes murais baséanse na idea que quere mostrar a novela Fahrenheit 451. Nela vese con toda claridade como hai certos libros reprimidos nas linguas. Un exemplo de represión é que case todas as obras referidas á filosofía atópanse en alemán, grego, castelán, francés... ata agora case nunca se atopaban en galego.

Na novela de Ray Bradbury as temperaturas son símbolos que representan as actitudes. Hai un lume que queima, o dos incendios e as piras de libros, e un lume que quenta, o da fogueira onde se reúnen e charlan os homes-libro (e mulleres!). A auga (as bágoas, a chuvia, o río...) representa o renacer, o cambio nas actitudes.

Non todos os libros que queremos ler os atopamos en galego. A maioría soen estar só noutros idiomas. A estes libros chamámolos “libros queimados”, e un exemplo é O mundo de Sofía. Polo contrario, os libros que se poden atopar na nosa lingua chamámolos “libros salvados”, como A revolta dos animais e o propio Fahrenheit 451.

A pesar da imposición doutros idiomas, os “libros salvados” son cada vez máis porque se editan e, sobre todo, escríbense! máis libros de filosofía en galego, e isto é porque a xente anímase a compralos, pedilos, preguntar por eles... Dous exemplos son Aristóteles, o mestre dos que saben, de Alfredo Marcos, e Historias da filosofía, de Marcelino Agís.

O río, como en Fahrenheit 451, representa os cambios de actitude das persoas que traballan para que haxa máis obras no noso idioma, polo cal o mellor que se pode facer é seguir insistindo nisto para difundir máis o galego.


1. O traballo en clase: como saber se un libro está editado en galego

Comezamos traballando en clase con este titorial:


2. A confección dos murais

Despois buscamos cada quen un exemplo de libro queimado e outro de libro salvado, preguntando nas librerías por títulos en galego ou buscando na base de datos do ISBN, e pensamos unha proposta de cambio de actitude para que a sociedade perciba a nosa inquedanza pola publicación no noso idioma.

Dámoslles voltas ás primeiras ideas. Facemos os primeiros bocetos e as primeiras probas...
...pintamos os murais...
...e, para rematar, colgámolos no corredor e pegamos os libros e consellos.


Catro exemplos de propostas de cambios de actitude:

Interesarnos por se o libro que queremos está en galego.
Aínda que o libro non estea en galego podemos pedilo igual porque se o pide moita xente ao mellor acábano traducindo.
Mellor promoción dos autores galegos.
Maior preocupación das editoriais por facer traducións.



Feliz Día das Letras Galegas!


15 sept 2011

Saúdo

Comezamos este blog do Departamento de Filosofía do Instituto Pedro Floriani de Redondela coa ilusión de que poida ser útil para axudarvos nas materias e para dar un espazo a temas, opinións e argumentos que non queremos que queden só ámbito da clase.

Algúns posts con data anterior a este saúdo están tomados do blog da Biblioteca, Bibliofloriani, onde se publicaron orixinalmente.

Recibide un saúdo neste novo curso 2011-12 e a nosa oferta de traballarmos xuntos para aproveitar o tempo que imos compartir.