23 ago 2014

Aristóteles, o mestre dos que saben

Recensión da obra de Alfredo Marcos, por David Campos Rodríguez (2º Bach. CT 2013-14)

Moitos alumnos de filosofía consideran a materia como difícil e aburrida. Atópanse de fronte con estranos suxeitos de tempos moi antigos que falan de ideas que probablemente moitos deles apenas se plantearan con anterioridade; e parecen persoas dedicadas só ao pensamento, sen vida, sen problemas, sen nada máis que obras e deducións e ideas e frases famosas. Os filósofos parecen ter sido persoas vacías, alonxadas da realidade dos alumnos, e isto fai que ao alumno lle resulte difícil acceder a eles.

Isto é o que pretende evitar con Aristóteles este libro. Sen deixar de lado os principios fundamentais da súa filosofía (inda que algo máis superficiais do que podería esperarse) Alfredo Marcos relátanos a vida de Aristóteles dende a súa residencia na corte de Macedonia ata a súa morte en Eubea e algúns datos sobre o paradoiro das súas obras tras a súa morte.

Preséntasenos a un Aristóteles máis humano, de carne e oso, non un pensador encerrado nunha biblioteca ou tirado no medio do campo observando plantas e animais. O filósofo amósase sociable, claramente interesado na política do seu tempo, fuxindo por motivos políticos, namorándose... É así que vemos ao estaxirita máis cercano que nunca, A. Marcos consigue sacalo da biblioteca chea de po na que a nosa imaxinación soe situalo e dar unha perspectiva máis completa del. Bffff dirán xa moitos ao ler estas liñas, menudo peñazo. Tranquilos, porque isto non é todo.

Para amenizar a lectura o libro presenta todo isto enmarcado no traballo de tres xóvenes (Lucía, Laura e o narrador, cuxo nome descoñecemos) sobre Aristóteles para o seu profesor de filosofía, don Garci. Lucía será máis partidaria dos datos concretos, reais, mentres que Laura será máis propensa á creación de hipóteses en base aos datos, de suxerir unha historia máis interesante. Así, co rapaz narrador como intermediario, os tres lograrán combinar unha visión obxectiva de Aristóteles con unha serie de hipóteses razoables obtendo así unha interesante e desenfadada visión da vida do estaxirita, nada falta de misterios e controversia.

Trátase dun libro ameno, fácil de ler, que non se enzarza en terminoloxías complicadas e largas sentencias ás que dar voltas e voltas. As anotacións á marxe especifican a filosofía de Aristóteles, mais é conveniente coñecela xa previamente un pouco. Proporcionará ao lector unha visión máis completa do filósofo, e unha serie de datos curiosos que lle renovarán o interés por continuar a lectura.

A min o libro gustoume, recoméndollo a calquera rapaz que estea estudando bacherelato, eu diría que incluso en primeiro. Probablemente lle mostre unha cara moito máis amigable da filosofía e esperte nel, inda que sexa só lixeiramente, un interés maior pola materia e polo famoso discípulo de Platón.


A fotografía de Alfredo Marcos está tomada da web da Editorial Plaza y Valdés.
O debuxo de Aristóteles, dun interesante post, Por que clasificamos os animais, na web do Instituto Latinoamericano da Comunicación Educativa